O goberno de Carrero e Fariñas levan a piscina municipal ao bordo do desastre
Grupo Municipal Socialista / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista acusa ao goberno de Carrero e Fariñas de levar á piscina municipal ao desastre absoluto. A día de hoxe, a maior subvención deportiva da historia de A Guarda -1,5 millóns de euros conseguidos polo PSOE en 2023 para a reforma da piscina - está practicamente perdida.
Unha cronoloxía que evidencia a inacción:
- En 2023, o PSOE deixou asegurados 1,5 millóns de euros de Fondos Europeos para a obra.
- O goberno local esperou ata novembro de 2024 para buscar o resto da financiación, que non conseguiu ata marzo de 2025: 700.000 € da Deputación de Pontevedra.
- En novembro de 2024 entregouse o proxecto, pero non saiu a licitación ata abril de 2025.
- En maio de 2025 a licitación quedou deserta, pois ningunha empresa se presentou.
- Despois revisaron o proxecto e descubriron custes mal calculados, co que o orzamento aumentou en case 600.000 €.
- Decidiron pedir esa cantidade á Xunta de Galicia, que en setembro de 2025 denegou a subvención.
No momento no que souberon que a reforma custaría máis do previsto, deberían ter solicitado un préstamo bancario como plan B, asegurando así a financiación e evitando máis atrasos. Pola contra, fiárono todo a unha subvención que finalmente non chegou.
A realidade é incontestable: a obra, cun prazo de execución dun ano, debería estar finalizada en marzo de 2026 para non perder a subvención europea. Fagan contas: a día de hoxe é materialmente imposible chegar a tempo. Nin sequera cunha prórroga sería viable salvar os fondos.
O tema é que Carrero e Fariñas poden ser ineptos, pero non parvos. Saben que non facer a obra suporía un custo político demasiado alto. Por iso acabarán tirando adiante con ela, tarde e mal, pero coa diferenza de que agora será o Concello quen teña que asumir cos cartos de todos os veciños e veciñas ese 1,5 millóns de euros.
A maiores, o persoal da piscina segue sen saber en que condicións afrontará un ERTE nin se perderán poder adquisitivo. Mentres, a veciñanza está condenada a unhas instalacións cheas de goteiras e cun risco real de peche por unha avaría maior.
“Estamos ante un auténtico escándalo. Carrero e Fariñas perderon tempo, van perder cartos e puxeron a piscina contra as cordas. A súa incompetencia vai custarlle á Guarda 1,5 millóns de euros que xa tiñamos asegurados. Tirarán adiante coa obra porque saben que non facela lles custaría demasiado, pero acabaremos pagándoa todos/as cos recursos do Concello. En calquera caso, con este goberno, somos os veciños e veciñas da Guarda quen perdemos”, denuncia a portavoz socialista, Fátima Rodríguez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario