Talento artístico de Galicia, Navarra e Madrid para conmemorar a Castelao
• Dezaoito artistas de Galicia, Navarra e Madrid participaron no Concurso de Pintura Mural do Concello de Tomiño co gallo do 75 aniversario do pasamento do escritor
• Tirso Paz, Delio Rodríguez, Pedro Gonzalo, Eneko Azpiroz e Juan Navarro, finalistas do certame
Infogauda / Tomiño
O espírito creativo de Castelao cobrará vida nas rúas de Tomiño. Dezaoito artistas de todo o estado español presentaron os seus dossieres profesionais para participar no Concurso de Pintura Mural Castelao do Concello de Tomiño para conmemorar a figura deste recoñecido narrador, ensaísta, debuxante, médico e político galego no 75 aniversario do seu pasamento. Unha iniciativa que conseguiu atraer talento de artistas urbanos de Vigo, Baiona, Redondela, Pontevedra e A Coruña, así como das comunidades de Navarra e Madrid.
O xurado, integrado por especialistas en artes plásticas, representantes do Concello e membros da Fundación Castelao, revisou os portafolios de todas as persoas participantes e escolleu aos cinco finalistas, que deberán presentar agora as súas propostas artísticas: Tirso Paz (Vigo), Delio Rodríguez (Vigo), Pedro Gonzalo (Vigo), Eneko Azpiroz (Pamplona) e Juan Navarro (Madrid).
O nome da persoa gañadora darase a coñecer nun acto público o vindeiro 10 de outubro en Tomiño, tras o cal comezará a execución do mural na avenida República Arxentina. O certame contempla un premio principal de 1.800 euros, que inclúe a realización e materiais da obra, ademais dun segundo premio de 300 euros e un terceiro de 200 euros.
A alcaldesa de Tomiño destacou que "este concurso non só promove a creación artística, senón que tamén permite que Castelao siga presente no espazo público da nosa vila, lembrando a súa figura e contribuíndo á difusión da súa obra entre toda a cidadanía".
Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade Agustín González subliñou que "a diversidade de artistas que participaron amosa o interese que esperta Castelao fóra de Galicia, e estamos seguros de que o mural será un símbolo cultural e de identidade que quedará para as próximas xeracións".
Con esta convocatoria, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa promoción da creación artística e a difusión da obra e pensamento de Castelao, deixando unha pegada cultural permanente no espazo público da vila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario