26 de set. de 2025

O ROSAL

O Rosal convértese nun plató de comedia coa rodaxe da curta de Miudiño Filmes ‘Murphy’     

 A produtora, composta por alumnado da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, gravou en Pías unha curta froito do talento colectivo


Integrantes de Miudiño Filmes, unha produtora universitaria creada por nove estudantes da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo
Fotos: C.O.R.
O Rosal converteuse durante uns días no escenario principal da curtametraxe ‘Murphy’

Infogauda / O Rosal 

 Unha torrada que cae polo lado da manteiga e a marmelada, pode cambiar o destino dunha persoa. Con esa idea tan simple coma universal, O Rosal converteuse durante uns días no escenario principal da curtametraxe ‘Murphy’, unha peza de tres minutos e medio, en clave de comedia, que foi gravada en Pías, por Miudiño Filmes, unha produtora universitaria creada por nove estudantes da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.

 Dirixida por María Ramos e rodada integramente en galego, ‘Murphy’ presenta a historia de Cristian e Andrea, unha parella que comparte casa e un almorzo no que todo semella normal ata que Cristian, nervioso pola súa entrevista de traballo, comeza a describir con detalle e en ton histérico unha serie de desastres improbables que poderían desencadearse se, por exemplo, a súa torrada caese ao chan polo lado equivocado. A partir desa pequena catástrofe, o relato xoga co principio da lei de Murphy, co efecto bolboreta e coa esencia das grandes traxicomedias literarias, servindo un guión áxil cargado de humor físico que revela a loita inútil dun home contra o seu propio destino.

 Miudiño Filmes xorde das inquietudes creativas destes nove alumnos, que decidiron unir forzas para dar vida a proxectos audiovisuais que precisan, como subliñan eles mesmos, “das interaccións, coñecementos e habilidades doutras persoas para ter futuro”. Así, a curtametraxe supón tamén a consolidación desta identidade colectiva, na que se mesturan personalidades, obxectivos e singularidades para sacar adiante historias con selo propio.

 A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia de abrir as portas do municipio á creación audiovisual, poñendo en valor espazos que serven de marco a iniciativas culturais innovadoras. “É un orgullo que a nosa paisaxe e a nosa xente formen parte de proxectos que promoven a lingua galega e que contribúen a visibilizar o talento mozo”, recalcou.

 A rexedora subliñou ademais que O Rosal é berce e fogar para moitos artistas audiovisuais, como demostra a grande acollida da Mostra de Cinema do Rosal organizada pola asociación Ghorghalado, en colaboración co Concello, que este ano celebrou a súa sexta edición cun certame de curtas que bateu récords, superando as 1.100 propostas participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario