BALONMÁN FEMININO
María Palomo e Sabina Mínguez continúan co Proxecto 2029 das Guerreras en outubro
• A pivote e a porteira do Guardés volveron ser chamadas por Ambros Martín para unhas xornadas de tecnificación dedicadas a esta nova xeración de Guerreras
• Ambas traballarán co conxunto nacional entre o 9 e o 12 de outubro en Sagunto, Valencia
• Debido á convocatoria, o Mecalia deberá reubicar o encontro de sexta xornada ligueira previsto para esa fin de semana na Sangriña
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés continúa cunha importante representación no futuro da Selección Española. Unha vez máis, a súa pivote María Palomo e a súa porteira Sabina Mínguez foron convocadas a traballar coas Guerreras no marco do coñecido coma Proxecto 2029, o plan a longo prazo do seleccionador Ambros Martín para consolidar unha nova xeración de xogadoras de cara ao Campionato Mundial dese mesmo ano.
Así, as dúas guardesas reuniranse entre o 9 e o 12 de outubro co conxunto nacional no pavillón Polideportivo Internúcleos de Sagunto (Valencia), para compartir unhas xornadas de tecnificación orientadas a este obxectivo.
Palomo é unha habitual nas últimas citas das Guerreras, coas que disputou dous partidos amigables en Eslovaquia hai apenas un par de semanas, e labrouse un importante papel como especialista defensiva no futuro da Selección. Pola súa parte, Mínguez, de 21 anos, tamén estivo presente na última chamada de Martín no marco deste Proxecto 2029, e o mesmo seleccionador destaca a xuventude das porteiras que forman parte desta nova convocatoria como elemento a potenciar no traballo desta tecnificación.
En definitiva, dúas xogadoras que se van conformando como importantes pilares no futuro a medio e longo prazo do equipo nacional español. Tanto a pivote coma a porteira do Mecalia seguen a desempeñarse de xeito moi satisfactorio nestas chamadas centradas no obxectivo final de consolidar un equipo renovado de cara ao Mundial de 2029, e con iso, representando ao conxunto miñoto no máis alto do balonmán nacional feminino.
A convocatoria, polo demais, coincide nesta ocasión co calendario da Liga Guerreras Iberdrola, que no caso do Atlético Guardés prevía o partido de sexta xornada para o sábado 11 de outubro na Sangriña, onde recibirían ao Beti-Onak. A lista tamén inclúe ás xogadoras do equipo navarro Olaia Luzuriaga e Almudena Gutiérrez, polo que ambos conxuntos xa traballan en buscar unha nova data para reubicalo.
Sabina Mínguez: “Traballo moito no Club para poder conseguir estas convocatorias, que son unha oportunidade importante”
A porteira Sabina Mínguez, que sumará este mes de outubro a súa segunda concentración no marco deste proxecto das Guerreras, declarou que “é un orgullo o poder ir coa Selección cada vez que estou convocada e o poder seguir formando parte do proxecto”. A valenciana amosouse con “moita ilusión” por esta chamada do seleccionador nacional, pois considera que “traballo moito no Club para poder conseguir estas convocatorias, que sempre ilusionan moito e son unha oportunidade importante”.
Para Sabina, o traballo con España e co Guardés están estreitamente relacionados. A gardameta sempre busca “traer ao Club” o traballo destas tecnificacións “para poder estar máis segura baixo paus e ir conseguindo un mellor nivel na portería que, ao final, é o que busco e o que preciso en tódolos aspectos”. O progreso, como di, é o seu principal obxectivo, tanto para aportar nos resultados do Guardés coma para seguir contribuíndo ao conxunto nacional e, coa mellora, “gañarme un pouco de continuidade no proxecto”.
Lista completa de convocadas:
- Porteiras: Olaia Luzuriaga (Beti-Onak), Lucía Prades (Bera Bera) e Sabina Mínguez (Mecalia Atlético Guardés).
- Centrais: Elba Álvarez (Bera Bera) e Paola Bernabé (Elche).
- Laterais dereitos: Maddi Bengoetxea (Elda) e Esther Martín-Buro (Elche).
- Laterais esquerdos: Ester Somaza, Carmen Arroyo (Bera Bera), Raquel Moré e Belén Rodríguez (Granollers).
- Estremos dereitos: Paula Agulló (Elche) e Carla González (Granollers).
- Estremos esquerdos: Lisa Oppedal (Elche) e Lucía Laguna (Porriño).
- Pivotes: Lyndie Tchaptchet (Bera Bera), Almudena Gutiérrez (Beti-Onak) e María Palomo (Mecalia Atlético Guardés).
Ningún comentario:
Publicar un comentario