O BNG reclama un organismo independente con competencias e fondos propios para atender as necesidades do territorio do Miño
• A líder nacionalista Ana Pontón destaca que una autoridade única de gobernanza revitalizaría “este espazo fronteirizo clave para Galiza”
• A Fundación Galiza Sempre anuncia que celebrará xornadas permanentes cada ano no Baixo Miño centradas en temáticas específicas da área transfronteiriza
Infogauda / Tui
O BNG anunciou hoxe que reunirá as forzas de todas as súas representantes nas cámaras institucionais -Parlamento Galego, Cortes do Estado, Eurocámara, Deputación, e concellos- para conseguir a creación dun organismo independente, e con competencias e fondos propios para dar resposta ás necesidades do territorio do Miño que hoxe están desatendidas por ser un territorio de fronteira.
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón destacou a necesidade desa autoridade única de gobernanza para revitalizar o espazo fronteirizo miñoto por ser clave para Galiza. “Facemos esta proposta para acabar co abandono por parte de todas as admiistracións dun territorio fundamental para o noso país”, dixo. Este novo organismo, subliñou, deberá fixar como prioridade a rexeneración integral do río con recursos que poidan conseguirse tanto dos fondos europeos destinados á fronteira (Interreg, Poctep) que agora xestionan os estados de España e Portugal e tamén a Xunta de Galiza.
Ademais da intervención de Ana Pontón tamén falaron a senadora Carme da Silva e a eurodeputada Ana Miranda. Da Silva asegurou que vai utilizar a forza do BNG que ten nas Cortes para poñer a mellora do Miño como unha prioridade estratéxica: “Non imos conseguir unha rexeneración ata que estea na axenda política. O BNG teno na axenda de Madrid, e teno na axenda galega. E vai presionar”, subliñou. Así mesmo, a senadora criticou a postura política do PP con respecto ao Miño, por considerar está ben como está, sen actuar nas súas competencias alí onde goberna agora e gobernou anteriormente e aplaudir o aproveitamento cos encoros. “O PP renuncia a calquera medida para recuperar o río. Cando Rueda se reuniu recentemente co presidente portugués non falou do río Miño. O único que fixo foi reunirse para facer oposición a Pedro Sánchez”, cuestionou.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salientou pola súa banda a importancia que ten para Galiza a aprobación do novo regulamento de cooperación transfronteiriza “BridgeforEu”, que tivo lugar na sesión plenaria do pasado 6 de maio, xa que ten por obxectivo “eliminar os obstáculos que existen nas fronteiras europeas, como acontece na fronteira entre Galiza e o norte de Portugal”. Entre eles figuran o recoñecemento dos títulos, os problemas administrativos relacionados coa sanidade e o ensino, o desenvolvemento de políticas medioambientais, así como o transporte. Ademais, permitirá mellorar as relacións económicas, sociais e culturais entre Galiza e o norte de Portugal.
Punto de coordinación transfronteiriza na fronteira galego-portuguesa
Para solucionar os obstáculos administrativos e legais nas zonas fronteirizas, este novo regulamento -no que Ana Miranda tivo un papel relevante no proceso de elaboración e aprobación do regulamento, xa que foi relatora por parte do grupo Verdes-ALE- prevé que se establezan Puntos de Coordinación Transfronteirizos nos Estados que queiran participar. Neste sentido o BNG defende que este punto “estea situado en Galiza, na fronteira galego-portuguesa, e non en Madrid”.
O deputado galego Brais reclamou do goberno galego un posicionamento máis activo nas relacións con Portugal. Urxiu medidas complementarias e destacou que mentres non se efectiviza a implementación do instrumento de gobernanza independente é preciso despregar unha ambiciosa política en diferentes áreas, como a mobilidade, que nestes momentos está desatendida, poñendo como exemplo a falta de conectividade entre A Guarda e Caminha. “O goberno galego ten que cooperar, o que non é loxico que o goberno do país é o que menos conte ao marcar as relacións con Portugal. É preciso superar o marco autonómico nas relacións co país veciño”, dixo.
Finalmente, na mesa política, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, falou das relacións dos concellos BNG con Portugal destacando que as alcaldías nacionalistas están a despregar relacións coas cámaras veciñas creando eurocidades e actuando no marco das súas escasas competencias. “Creamos a figura do valedor transfronteirizo e coordenamos axendas comúns para aplicar os fondos europeos”, puxo como exemplo.
Xornada de análise anual sobre o territorio transfronteirizo no Baixo Miño
A xornada comezou coa intervención do presidente da Fundación Galiza Sempre, entidade organizadora do encontro de hoxe, Rubén Cela, quen destacou que o Miño ten importancia básica para os concellos do territorio, pero elevou a súa trascendencia a un nivel maior: “É preciso abordar as relacions transfronteirizas entre Galiza e Portugal e o seu papel político dende unha perspectiva nacional”. Neste sentido anunciou que a Fundación implicarase e celebrará permanentemente no Baixo Miño xornadas dedicadas ás relacións bilaterais entre ambas partes do río, cada ano dedicadas a temas específicos para analizar e reflexionar sobre as problemáticas da fronteira e a súa evolución.
Na primeira mesa, de gobernanza do territorio, o tenente de alcalde de Tomiño e ex director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, destacou que nestes momentos o río Miño está “privatizado e militarizado” polo aproveitamento que fan del as eléctricas e o seu control por parte da Comisión Permanente Internacional del Río Miño, (CPRIM), formada pola Comandancia Naval e a Capitanía Xeral de Caminha.
Benítez destacou que é preciso que os Estados de España e Portugal cedan as súas competencias para poder desenvolver o territorio cun criterio único, xa que nestes momentos existen moitas barreiras administrativas e en moitos casos as persoas responsables dos mesmos departamentos que xestionan o Miño nos dous estados “nin se coñecen: aquí todo o mundo manda, pero non manda ninguén”, lamentouse. O nacionalista tamén criticou que nestes momentos os fondos europeos destinados a territorios transfronteirizos están deturpados porque se destinan lonxe dos verdadeiros territorios de fronteira.
Pola súa banda, o profesor de Xeografía da USC e redactor da ‘Estratexia Río Miño 2030’ Valerià Paül destacou que é a demanda dunha nova gobernanza é un clamor no territorio, tal como quedou reflexado no documento que implicou na súa redacción a todos os concellos e axentes activos. Subliñou que nestes momentos o territorio miñoto, ao ter unha estratexia que “visiona” o desenvolvemento que quere para o futuro, ten adiantados moitos pasos para poder avanzar nos seus problemas se finalmente consegue un instrumento de gobernanza propia.
Os beneficios da presa, reinvestidos no río
A segunda mesa, que abordou a temática sobre ‘A situación ambiental do río Miño’ contou coa participación do catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo Salustiano Mato e un representante do colectivo de pescadores do río Miño, Adolfo Rodríguez. Mato expuxo o estudo realizado pola Universidade de Vigo a instancias do AECT Rio Minho no anterior mandato, aínda hoxe sen publicar, no que quedou de manifesto a existencia de moitas especies naturais de gran valor no río que están a sufrir grandes problemáticas: o embalse e a súa xestión, as especies invasoras, e os recorrentes incendios forestais.
Mato puxo sobre a mesa a necesidade de restaurar a conectividade fluvial que está a dificultar a presa de Frieira, o desenvolvemento dunha política forestal común que potencie especies autóctonas e preveña os lumes, a mellora de corredores ecolóxicos na ribeira, a permeabilización das beiras, o saneamento dos focos de contaminación e a depuración de augas, a adopción de medidas fronte ao cambio climático, e tamén a erradicación e control de especies exóticas invasoras.
Finalmente, o pescador Adolfo Rodríguez subliñou que a realidade do río é que nestes momenos hai problemas co caudal ecolóxico, porque a presa de Frieira solta o seu caudal ecolóxico só pola noite xerando problemas para os peixes. Tampouco hai unha zona de escalada, dixo, ademais de sinalar que as turbinas destrozan os peixes. “É preciso que os beneficios que hai pola presa se reinvistan no río”, solicitou, lamentando que tamén hai problemas de invasoras, verquidos e acumulacións de area. “Ademais, aos pescadores póñennos tantas trabas que dá a impresión que nos queren botar do río”, finalizou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario