Campaña de detección precoz do cancro de mama para as veciñas de Oia no mes de xuño
Infogauda / Oia
O Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama, consistente na realización de mamografías gratuítas a mulleres de entre 50 e 74 anos, desenvolverá a súa campaña coa poboación de Oia os días 5, 6, 9, 10, 11 e 12 de xuño.
O programa é unha iniciativa da Consellería de Sanidade da Xunta, a cal facilita a realización das anteditas probas e tamén opcións gratuítas de transporte ata o hospital onde se levan a cabo. Neste caso, as mamografías faranse na Unidade Fixa de Exploración, situada no Hospital Meixoeiro, de Vigo (Consultas externas, planta -1).
As mulleres das idades incluídas recibirán a súa citación a través dunha mensaxe SMS no teléfono móbil ou ben a través de carta. Non obstante, co obxectivo de facilitar o acceso ás citas, o Concello de Oia ofrece unha terceira opción: as mulleres que, cumprindo os requisitos do programa, queiran solicitar cita, poden poñerse en contacto co propio Concello e será el quen se encargue de dar aviso a Sanidade.
Servizo de transporte gratuíto
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama tamén pon a disposición das usuarias un medio de transporte gratuíto para facilitar o traslado dende Oia ata a Unidade de Exploración sita no Hospital Meixoeiro.
Os días establecidos son os próximos 5, 6, 9, 10, 11 e 12 de xuño. Dependendo da hora á que cada muller teña cita na Unidade de Exploración, as paradas e horarios do autobús dispoñibles serán os seguintes:
- Santa María de Oia (diante do Concello): ás 8:00 e ás 11:30 horas.
- Viladesuso (parada de autobús do Costa Verde): ás 8:05 e ás 11:35 horas.
- Mougás (parada de autobús do Rumbo): ás 8:10 e ás 11:40 horas.
O uso deste transporte non é obrigatorio, polo que se alguén o desexa pode acudir á cita polos seus propios medios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario