A historia das mulleres do Rosal enche de vida o Centro Galego de Arte Contemporáneo
• Éxito total da visita á exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’ de Mar Caldas, unha homenaxe á loita das mulleres galegas
Infogauda / O Rosal
As historias das mulleres do Rosal brillaron con luz propia en Santiago. Un total de 36 persoas participaron na excursión organizada polo Concello para visitar a exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’ de Mar Caldas, no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), unha mostra que reivindica a memoria laboral feminina e na que varias rosaleiras son protagonistas.
“Foi unha experiencia emocionante. Ver reflectidas as mulleres da nosa vila nun espazo tan importante como o CGAC énchenos de orgullo, porque é unha mostra do seu traballo e da súa historia, que tantas veces quedou invisibilizada”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A exposición da artista viguesa Mar Caldas xira arredor da loita de tres xeracións de mulleres galegas, empregando unha linguaxe artística feminista que cuestiona o relato tradicional da historia da arte e pon no centro o papel das traballadoras. Dentro desta mostra, o Rosal está presente a través de catro pezas da serie ‘Facedoras do Baixo Miño’, onde Caldas recrea profesións históricas femininas en obras inspiradas en mestres da pintura occidental como Rembrandt, Velázquez ou Goya.
Ademais, o nome do Rosal resoa con forza na videoinstalación ‘100% Contigo’, onde fotografías de mulleres traballadoras da vila destacan a súa dignidade e o seu papel fundamental na comunidade. As imaxes, acompañadas de descricións das súas profesións e outros traballos invisibilizados como os coidados ou o labor no campo, convértense nunha poderosa homenaxe ao seu esforzo diario.
O Concello valora moi positivamente a grande acollida da iniciativa, agradece a Luis Dorado as fotografías tomadas durante a visita a Santiago e destaca a importancia de seguir promovendo actividades que poñan en valor a historia e a identidade das mulleres rosaleiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario