Tomiño vai celebrar os 20 anos da Feira de Cultivos do Baixo Miño con tres días para sementar futuro
• A praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, volverá ser o epicentro da cita máis importante do sector do viveirismo en Galicia
• Celebrarase do 9 ao 11 de maio cunha ampla programación de actividades
Infogauda / Tomiño
A Feira de Cultivos do Baixo Miño prepárase para celebrar os seus 20 anos de historia cunha edición especial que volverá converter a Goián no grande escaparate do sector do viveirismo galego. Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e polo Concello de Tomiño, do 9 ao 11 de maio a praza Pintor Antonio Fernández acollerá unha nova edición dun evento cheo de vida e cor, con expositores, charlas, obradoiros, concertos e unha completa programación para público profesional e xeral.
Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “non hai mellor maneira de celebrar estas dúas décadas de traxectoria que cunha feira que reflicta o dinamismo e o potencial do sector. Este 20 aniversario é un fito que queremos compartir coa veciñanza e co tecido produtivo, consolidando esta feira como un referente en Galicia”.
Tras dúas edicións con este modelo renovado, a Feira de Cultivos do Baixo Miño mantén a súa aposta polo formato ao aire libre, brindando un espazo idóneo para o encontro entre profesionais, expositores e público. Como salientou o presidente de acuBam, Francisco Campo, “a edición do ano pasado demostrou unha vez máis que o aire libre é un gran escenario para esta feira, xa que nos permite sacar o sector á rúa e facelo dun xeito diferente, orixinal e versátil. Cada ano o éxito da feira é maior e queremos seguir nesta liña”.
Un dos grandes atractivos deste 20 aniversario da feira será a ampla oferta de obradoiros, un formato que triunfou nas edicións anteriores e que este ano medra para satisfacer a demanda do público. Uns talleres que formarán parte da ampla programación de actividades que volverá converter a Tomiño nun referente do sector da planta, froita, flor, horta e subministros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario