4 de abr. de 2025

TOMIÑO

II Rallymix Serra de Argallo Figueiró Tomiño 2025: unha das grandes citas do motor está de volta! 

• A presentación oficial da 2ª edición do Rallymix Serra do Argallo Figueiró, tivo lugar no Concello. A proba será en Tomiño os días 11, 12 e 13 de abril  


O acto celebrouse na praza do Concello de Tomiño e contou coa participación de autoridades, organizadores e representantes da Escudería Cantera Competición
Foto: X.G.

Infogauda / Tomiño

 Vén de ter lugar a presentación oficial da segunda edición do Rallymix Serra do Argallo Figueiró, unha das probas máis agardadas do Campionato Xunta de Galicia de Rallymix. A cita terá lugar en Tomiño os días 11, 12 e 13 de abril de 2025, consolidándose como un evento clave no calendario automobilístico da rexión.  

 O acto celebrouse na praza do Concello de Tomiño e contou coa participación de autoridades, organizadores e representantes da Escudería Cantera Competición. Esta escudería, xunto co apoio do Concello de Tomiño, foi a encargada de poñer en marcha a primeira edición do Rallymix Serra do Argallo Figueiró o ano pasado, un evento que foi un auténtico éxito, tanto a nivel deportivo como organizativo. De feito, a proba foi galardoada como a mellor do Campionato Galego de Rallymix 2024.  

 A segunda edición promete ser aínda máis emocionante, cun percorrido de 9,190 quilómetros, dos cales 8,870 serán de tramo cronometrado, e desenvolverase por un trazado mixto de terra e asfalto, pechado ao tráfico. Os pilotos deberán enfrontarse a un desafío único, poñendo a proba a súa destreza e control en cada curva.  

 Sandra González, a alcaldesa de Tomiño, salientou que o evento non só se destaca polo seu carácter deportivo, senón tamén polo seu impacto na dinamización de Tomiño, Figueiró e o Baixo Miño. O Rallymix atrae a miles de persoas, contribuíndo á economía local e posicionando a rexión no mapa do motor, o que xera un enorme orgullo en toda a comarca.  

 A Escudería Cantera Competición, xunto con todos os colaboradores, patrocinadores e voluntarios, volveu poñer todo o seu empeño para ofrecer un evento de calidade, destacando a importancia da seguridade e o benestar de todos os participantes e asistentes.  

 A entrega de premios e trofeos terá lugar o domingo día 13 de abril na praza do Telleiro (Figueiró), con presenza dos principais actores da competición e unha vez rematadas todas as pasadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario