UN BARCO PORTUGUÉS FOI APRESADO POR ESTAR PESCANDO ILEGALMENTE NAS NOSAS AUGAS
Infogauda / A Guarda
A Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda vén de facer público no día de hoxe, que un barco portugués foi collido "in fraganti" - é decir no mesmo momento en que se comete un delito, ou, por extensión, calquera acción censurable - polas autoridades españolas con competencia en materia de loita contra o furtivismo.
“Todo ocorreu o pasado mércores 2 de abril do 2025, cando as autoridades españolas detectaron e apresaron a un barco portugués realizando actividade pesqueira en augas nacionais, con artes ilegais e con capturas a bordo de polbo (especie que está vedada desde o 1 de abril do 2025). Este tipo de actividade pesqueira dos buques portugueses en augas nacionais sen respectar a normativa española, levámola sufrindo desde hai moitos anos os barcos desta localidade, e poñemos como exemplos: o descanso semanal e horarios que temos que cumprir nós, eles non o cumpren, e aproveitan para pescar nas nosas augas, e cando chegamos ao caladoiro o noso primeiro día laboral xa están calados os seus aparellos nas nosas augas; as vedas de especies ou restricións de pesca que desde as nosas administracións impóñennos, eles non as cumpren e venden o produto en portos de pavillón español, que é o caso ocorrido nesta semana, e o peor de todo, é que teñen a nosa costa chea dunha arte ilegal para a captura do polbo, denominada tarros, cacharros, alcatruces; arte que está prohibida en case todo o territorio nacional e que eles as teñen caladas todo o ano nas nosas augas, utilizando o noso caladoiro como un cemiterio de tarros de plástico e que o polbo se refuxia neles non chegando a terra para desovar. Ás nosas administracións xa lle fixemos chegar esta situación, pero pouca actuación fixeron sobre esta “pesca ilegal”, que está a acabar con este cefalópodo tan apreciado e de boa calidade da nosa costa.
Un 4 de xuño de 1981, cando en Vila Praia de Âncora xuntáronse pescadores portugueses e españois, para acordar e asinar o primeiro “Convenio de boa Vizinhança”, xa se indicaba no condicionado deste convenio as artes autorizadas: trasmallo, sardiñeras, volantas, vetas, raeiras e covos (nasas), indicando que os covos había unha prohibición de uso nas augas españolas durante o período comprendido entre o día 1 de maio e o 1 de outubro, e no último acordo fronteirizo do río Miño xa aparece indicado o seguinte anotación, “serán de aplicación aos buques autorizados a faenar en augas do outro país as medidas técnicas do país en cuxas augas realícese a actividade pesqueira”.
Este cefalópodo foi, fai moitos anos, un piar importante para a frota guardesa, vivindo moitas familias única e exclusivamente das vendas deste produto. Poñemos por exemplo, que no último exercicio pechado (2024) vendéronse na nosa lonxa 2.289 quilos por un valor 23.654,55 €uros, comparado cos anos de maior captura de quilos ou valor comercial que foron no 2004 que se capturaron 176.076 quilos por un valor 815.435,75 € e no ano 2003 por un importe de 919.405,64 €uros.
No plan experimental do polbo para o 2025-2026, ampliouse o período de veda a tres meses e contempla un período de inhabilitación de captura de polbo desde o 1 de abril ao 1 de xullo do 2025, e os barcos tiveron que retirar as nasas do mar para traelas para terra para que a especie poida realizar o seu ciclo vital, pero as nosas embarcacións xa tiñan as nasas en terra ante as poucas capturas obtidas mentres as tiveron caladas.
Aproveitamos para darlle o parabén á Garda Civil do Mar [Servizo Marítimo da Garda Civil (SEMAR)] e ao Servizo de Gardacostas de Galicia que conseguiron realizar esta actuación tan importante para o desenvolvimiento da pesqueira do polbo, e que aproveiten os tres meses do paro do polbo para sacar os tarros que están calados nas nosas augas, favorecendo a traxectoria de desova da especie”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario