2 de abr. de 2025

O ROSAL

O Concello do Rosal garantirá a xestión sostible dos residuos visitando aos produtores   

 O SEVIC inicia en abril as inspeccións para avaliar, informar e formar aos produtores para mellorar a separación e recollida   


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e Germán Rodríguez Fernández, concelleiro de Vías e Obras, Tráfico, Protección Civil, Saneamento e redes de subministro, con técnicos da Deputación de Pontevedra
Foto. C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal reforza o seu compromiso co medio ambiente. A partir de abril, o Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da Xestión de Residuos (SEVIC), ao que se adheriu O Rosal xunto con outros 15 concellos da provincia, comezará un ciclo de visitas aos produtores de residuos para garantir a correcta separación e recollida dos refugallos. 

 Durante estas inspeccións, nun primeiro momento de carácter informativo e formativo, avaliarase o cumprimento da normativa vixente e entregarase material divulgativo, incluíndo guías detalladas sobre a separación dos residuos por fraccións. Ademais, facilitarase un contacto telefónico para resolver calquera dúbida. 

 “O obxectivo non é sancionar, senón concienciar, formar e axudar a mellorar a xestión dos residuos no noso municipio. Queremos avanzar cara a un Rosal máis sostible e cumprir cos criterios dunha economía circular, onde cada residuo se converta nun recurso”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 O SEVIC foi creado pola Deputación de Pontevedra para colaborar cos concellos na supervisión dos residuos domésticos e comerciais, en cumprimento da Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. Esta normativa obriga á recollida separada de todos os residuos municipais, tanto nos fogares como no sector servizos e no comercio, incluíndo biorresiduos, envases, papel e cartón, vidro, aceites de cociña, téxtiles, residuos perigosos, entullos e voluminosos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario