8 de abr. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A Comunidade de Montes de Camposancos celebrou Xunta Xeral Ordinaria

 O pasado sábado, día 5 de abril, na casa de Montes de Camposancos  

 

Membros da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos
Fotos: Cedidas
Vista da asistencia de persoas comuneiras a Xunta Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos


Redacción / Camposancos

 O pasado sábado, día 5 de abril, na Casa de Montes de Camposancos, tivo lugar a reunión de Xunta Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Camposancos (A Guarda), convocada polo seu presidente, José Fernando Martínez Martínez, para as 17:00 horas en segunda convocatoria.   

 Na reunión foron tratados diversos asuntos que figuraban na Orde do día, dos que se deu conta mediante convocatoria de 22 de marzo. Entre eles destaca a actualización de comuneiros e comuneiras, comunicando baixas e altas; a prórroga do convenio de colaboración con San Xerome Emiliani a través proxecto “XEREMPREGA”, polo que 4 alumnos-traballadores e 1 monitor do ciclo de FP DUAL na rama forestal, realizan labores forestais no monte propiedade da Comunidade; ou a demanda xudicial presentada pola Comunidade de Montes en Man Común de Salcidos sobre a titularidade dos terreos da Comunidade de Montes de Camposancos.   

 Ademais, o presidente deu conta á Asemblea dos traballos e actividades realizadas no exercicio do 2024 e adiantou o proxectado para o 2025. Infórmase do éxito que está a ter a experiencia de limpeza do monte cun rebaño de gando caprino, e a repercusión mediática que tivo hai uns meses esta iniciativa, sendo obxecto de reportaxes en prensa e televisión de ámbito nacional. Por ese motivo decidiuse ampliar a cabana a 50 cabezas, o que implica a adquisición dos correspondentes colares para os animais. É por ese motivo que á xunta reitora lle parece oportuno formar parte da Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (MOVEGANDEX), e o somete a votación. Tamén se informa da inclusión da Comunidade de Montes na Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, así como a contratación do servizo da empresa AMETLAN para realizar un estudo sobre a posta en valor dos recursos do monte, con cargo a subvencións da Unión Europea, e polo tanto sen custo económico para a Comunidade de Montes.  

 No apartado de Rogos e preguntas, algúns veciños manifestaron a súa inquedanza ante a cada vez máis numerosa presenza de xabaríns, tanto no monte como na proximidade das vivendas, instando a tomar alguna medida ao respecto, ao que o presidente respondeu que toda medida tendente ao control da fauna é competencia doutras instancias, neste caso a Xunta de Galicia.    

 Informada a Asemblea dos temas que figuraban na Orde do día e celebrada a votación dos puntos referidos, levantouse a sesión arredor das 18:30 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario