7 de abr. de 2025

A GUARDA

O alcalde e o Concello de A Guarda condenan os insultos homófobos no partido da Unión Guardesa  


O alcalde de A Guarda e o concelleiro de Persoal, nas instalacións do campo municipal de fútbol de A Sangriña
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O alcalde e o Concello de A Guarda queren expresar a súa total condena aos insultos homófobos que se produciron no partido deste domingo no campo da Sangriña a unha das traballadoras municipais encargada do mantemento e coidado das instalacións deportivas. 

 A Unión Guardesa enfrontábase ao Tomiño F.C. Femenino “B” cando varias afeccionadas tomiñesas comezaron a dirixir insultos como “zorra”, “hija de puta”, “lesbiana de mierda” ou “estás mal follada” cara esta traballadora. Ante esta actitude, algúns dos afeccionados guardeses interviron para calmar e mediar a situación.   

 Os insultos, que se produciron ante xogadoras, nenos, nenas e afección, provocáronlle á traballadora municipal un ataque de ansiedade. O alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e o concelleiro de Persoal, Isidro Lomba Lorenzo, xa lle ofreceron a esta traballadora toda a asesoría xurídica que precise ante esta situación.  

 O alcalde reafirma a súa repulsa: “non imos permitir que se discrimine ou insulte a ningún guardés ou guardesa pola súa orientación sexual, e menos, a traballadores municipais, que están ao servizo da Guarda”.  

 O Concello xa puxo en marcha o protocolo pertinente e tomará as accións administrativas e xurídicas establecidas. Para iso, as autoras dos insultos xa están identificadas e o Concello está en contacto co club deportivo.  

 Ademais, o Concello de A Guarda recorda a súa rotunda condena a actos homófobos, machistas, racistas ou de calquera tipo de odio ou discriminación no deporte; un ámbito no cal se deben enxalzar os valores de respecto, unión e igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario