O Rosal leva a súa loita contra o cambio climático ao escenario estatal
• Foi un dos tres concellos galegos en participar no Encontro Anual do Pacto das Alcaldías para compartir experiencias
• O Rosal sitúase como referente en sostibilidade e captación de fondos externos para seguir apostando pola eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal, referente en sostibilidade e acción local fronte ao cambio climático, volveu dar un paso adiante neste eido coa súa participación esta semana en Tarragona no Encontro Estatal do Pacto das Alcaldías, unha cita anual organizada pola Oficina do Pacto da Unión Europea – Euromajor no que responsables municipais de todo o Estado compartiron experiencias e boas prácticas.
O Rosal foi un dos tres únicos concellos galegos xunto a Coristanco e A Laracha en participar neste encontro, reafirmando o seu papel destacado no seu compromiso coa eficiencia enerxética, a sostibilidade e a redución da pegada de carbono. O Goberno municipal rosaleiro leva anos traballando para incorporar medidas que afronten a realidade do cambio climático, medidas que se poden levar a cabo e executar grazas á capacidade do Concello para captar fondos externos, coa captación de máis de 4 millóns de euros nos últimos catro anos.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “é un orgullo levar a voz do Rosal a un foro tan relevante. Participar nesta xuntanza non só visibiliza o noso traballo, senón que nos consolida como un referente en sostibilidade grazas á nosa capacidade de captar fondos e poñelos ao servizo da veciñanza”.
Tres días de visitas, charlas e mesas redondas nos que se puxeron enriba da mesa exemplos de proxectos e de procura de financiamento externo nos que O Rosal é un referente, reforzando o modelo rosaleiro de desenvolvemento sostible baseado na eficiencia enerxética, a redución da pegada de carbono e a incorporación de medidas reais fronte á crise climática.
Así, nos últimos anos o Goberno municipal puxo en marcha iniciativas para a renovación sostible de infraestruturas ata proxectos de transición enerxética e mobilidade verde. Neste camiño, a renovación do 90% do alumeado público coa modernización dun servizo esencial para a veciñanza permitiu un significativo aforro na factura enerxética anual, liberando recursos para outros proxectos e servizos. Un camiño cara á eficiencia enerxética que tamén se estableceu coa recuperación de espazos públicos con proxectos transformadores, coa renovación de edificacións e instalacións municipais con criterios de sostibilidade, como o renovado campo de fútbol da Mata, ou a aposta polas comunidades enerxéticas.
“A sostibilidade non é un lema, senón unha liña estratéxica real que nos permite mellorar a calidade de vida das persoas e coidar a nosa contorna natural. E facémolo grazas ao traballo rigoroso e á nosa capacidade para aproveitar oportunidades como os fondos europeos”, subliñou a rexedora.
O Rosal engadiuse no ano 2019 ao Pacto das Alcaldías, unha iniciativa lanzada pola Unión Europea no ano 2008 para recoñecer e apoiar o papel do mundo local na loita contra o cambio climático. A súa evolución levouno a centrarse tamén na adaptación climática e a resiliencia, marcando obxectivos ambiciosos: reducir un 55% as emisións de gases contaminantes para 2030 e acadar a neutralidade climática en 2050.
Con máis de 11.000 municipios adheridos en toda Europa, o Pacto das Alcaldías é hoxe unha das principais plataformas de acción climática local. O Rosal, coa súa participación neste encontro estatal, reafirma que tamén dende os pequenos concellos se poden liderar grandes transformacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario