14 de abr. de 2025

SALCEDA DE CASELAS

EXITOSAS XORNADAS DA MEMORIA EN SALCEDA DE CASELAS 


Na Volta da Moura cunha familiar dun dos paseados

Helena Pousa / Salceda de Caselas

 As Xornadas da Memoria en Salceda de Caselas foron organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña na fin de semana do 11 ao 13 de abril. Estas xornadas puideron ser organizadas grazas a unha subvención concedida polo Ministerio de Memoria Democrática e a colaboración do Concello de Salceda de Caselas.

 Ao longo destas Xornadas da Memoria organizadas en Salceda de Caselas, nesta pasada fin de semana, desenvolvéronse unha serie de actividades variadas que tiñan como finalidade mostrar a verdadeira faciana da represión exercida a partir de xullo do 36 nesta zona do sur de Pontevedra, dando a coñecer as vítimas mortais e as fosas en que moitos foron soterrados. Para mostrar ao publico a triste realidade do acontecido nesta parte da Galicia, onde non houbo enfrontamentos bélicos pero si moita resistencia, o venres inaugurouse unha exposición na entrada do Auditorio Municipal, que estará aberta ata o 25 deste mes. Esta exposición, elaborada para estas xornadas polo historiador X. Ramón Paz Antón, titúlase “Olladas apagadas” porque se centra nas máis de 650 vítimas asasinadas e na tipoloxía da súa morte en tres comarcas do sur da provincia de Pontevedra (O Baixo Miño, O Condado e A Louriña) entre 1936 e 1939. A cifra de vítimas en Galicia que se barallaba nas primeiras investigacións hoxe está amplamente superada pois o número de mortes validadas é moitísimo mais alto. Moitas das vítimas foron soterradas e hoxe encontramos unha chea de fosas comúns en diferentes lugares no sur de Pontevedra, como a fosa de Cabreira, recentemente exhumada. E como estas xornadas se celebran no Auditorio Municipal do concello salcedense tamén se lle dedicou un panel ás 40 vítimas mortais deste municipio con retallos da súa biografía, e outro ás 31 rexistradas na veciña Salvaterra.

 Na mesma noite do venres presentouse un vídeo sobre os traballos da exhumación levados adiante por HISTAGRA e o IMELGA na fosa de Cabreira no pasado mes de novembro. De maneira resumida e grazas ás filmacións de Santiago Baz Lomba, exponse o traballo diario das escavacións e o que ían achando os arqueólogos. A exhumación foi un grande fito na parroquia e significou unha vitoria, especialmente para a veciñanza de Cabreira, o achado de catro das cinco vítimas alí soterradas desde hai 89 anos, e igualmente para a Comisión da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña implicada a fondo nesta actividade desde hai anos.

 A mañá do sábado estivo dedicada a presentar diferentes experiencias arredor de dous temas centrais: 

 As exhumacións e a sinalización de Lugares da Memoria. No tema das exhumacións os convidados foron Andrea Moreno, Tono Vizcaíno, de Valencia, e Gustavo Hervella de HISTAGRA. Os valencianos centraron a súa charla no que sucedeu en Paterna, localidade próxima á cidade de Valencia, coñecida como o paredón do terror ou o paredón de España. Nesta localidade, a diferenza do que ocorreu noutros lugares do Estado, houbo unha terrible represión despois de rematada a guerra en 1939 e durante a ditadura. Os investigadores citados mostraron ao público como organizaran unha grande exposición con obxectos das vítimas que rescataran na exhumación dalgunhas das 150 fosas, unhas fosas que podían chegar a ter nalgún caso máis de seis metros de profundidade, e nas que mal enterraron a máis de 2.400 vítimas. Esta magnífica exposición foi elaborada por un grupo multidisciplinar cunha finalidade reparadora para as familias das vítimas. A continuación, Gustavo Hervella en representación do grupo HISTAGRA explicou o plan elaborado desde a USC desde o 2021 ao 2024 para traballar a exhumación de fosas en Galicia, como a do Val en Narón, e cales foron os criterios seguidos e os resultados obtidos dado que aquí a conservación dos restos mortais non é tan doada como noutros lugares da península.


Gustavo Hervella, Anxo López (moderador), Tono Vizcaíno e Andrea Moreno, relatores nas charlas da mañá do sábado 12

 O segundo tema da mañá do sábado tiña que ver cos Lugares da Memoria. Estiveron como convidados Pedro Rascón, de Navarra, que explicou a importancia de ter unha lei progresista como a Lei da Memoria de Navarra que permite clasificar moitos tipos de lugares da memoria ao amparo desa Lei. O representante da Asociación de Familiares Fusilados de Navarra (AFFNA36) mostrou o que fixeron as asociacións navarras coa axuda do goberno foral en lugares hoxe emblemáticos como o Parque de la Memoria en Sartaguda, un lugar simbólico porque nesa viliña fusilaron á maioría dos homes e hoxe é coñecida como “el pueblo de las víúdas”. E para explicar a orixe dun espazo singular memorialístico en Galicia estivo Calros Solla, do grupo Capitán Gosende, de Cerdedo, que doou unha leira da súa propiedade para ir colocando laudas ou lápidas en lembranza de persoas represaliadas como a do poeta Xosé Otero Espasandín, morto no exilio. Esta segunda charla da mañá rematou coa intervención de Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, quen presentou un posible proxecto para converter o lugar da Volta da Moura nun espazo da memoria emblemático, en colaboración cos concellos limítrofes, un espazo máis coidado e dotado dun maior contido memorialístico Na tarde do sábado e na propia Volta da Moura, onde xa hai un monumento aos paseados, X.R. Paz Antón explicou aos presentes a historia e significado deste lugar de resistencia ao exército sublevado en 1936.


Pedro Rascón, Miguel González (moderador), Calros Solla e Loli Castiñeira, nas Xornadas de Salceda

 E o día acabou coa obra de teatro As zocas non serven para fuxir, escrita por Raquel Castro para estas xornadas, en homenaxe a dous personaxes ligados a Salceda: Florentina Fernández Alonso e Amador Rodríguez Solla. A primeira é unha muller natural de Redondela e veciña de Mos, que apareceu morta en San Estevo de Budiño (Salceda) o 2 de xaneiro de 1937, despois de que os falanxistas queimasen a súa casa co seu home alí entobado. E o segundo protagonista é un coñecido salcedense alcuñado Tarzán polos seus compañeiros de prisión, no forte de San Cristobal en Pamplona. Á estrea da obra foron convidadas as familias de ambos homenaxeados e o auditorio estivo a rebentar de público. Foi unha representación moi emotiva e reparadora, de dignificación das dúas vítimas escollidas en representación de moitas outras máis. 

 Ao día seguinte fíxose un roteiro, guiado por Marcos Besada, desde a ponte da senda do Caselas ao espazo da memoria dedicado aos 4 canteiros da Picoña paseados en novembro de 1936. Á beira do muíño de Marcial hai un monumento, obra de Manolo Sestelo, e unha placa en lembranza destes catro homes asasinados en Salceda. Non é de estrañar porque Salceda é un municipio con moitas canteiras e canteiros, un dos gremios máis represaliados en moitos lugares tralo golpe de Estado do 36.


Persoas que participaron no roteiro, guiado por Marcos Besada, desde a ponte da senda do Caselas ao espazo da memoria dedicado aos 4 canteiros da Picoña paseados en novembro de 1936

 Estas Xornadas, que foron financiadas polo Ministerio de Memoria Democrática e nas que cooperou o Concello de Salceda, tiveron moito éxito e foron seguidas en conxunto por un numeroso público. O máis importante é que a Comisión logrou os obxectivos marcados, que eran fundamentalmente tres: mostrar a verdade da represión no sur de Galicia, dignificar as vítimas e procurar novas ideas para futuros traballos memorialísticos. O último día destas xornadas será o 25 de abril coa charla de Fernando Serrulla, antropólogo forense do IMELGA, no IES Pedras Rubias, pola mañá, e pola tarde, en Salvaterra de Miño, no salón de plenos ás 19:00h, onde tamén se proxectará o vídeo da Comisión sobre a fosa de Cabreira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario