O BNG impulsa unha ambiciosa proposta para a rexeneración ambiental do Río Miño
• Carme da Silva: “Chegou o momento de devolverlle ao río o protagonismo que merece e poñelo ao servizo das persoas e do territorio”
• O BNG avanza unha folla de ruta compartida entre todas as institucións onde ten representación e contacto cos sectores afectados polo actual estado do río
• A formación nacionalista reclama frear a privatización do río e crear unha autoridade conxunta que garanta a súa protección, abandonando a visión militar e apostando pola civil
Infogauda / O Baixo Miño
O Bloque Nacionalista Galego pon en marcha unha proposta estratéxica para situar a rexeneración ambiental do tramo internacional do río Miño no centro da axenda institucional. A senadora do BNG, Carme da Silva, anuncia que esta cuestión será levada pola organización nacionalista a todas as institucións co obxectivo de forzar unha mudanza profunda no xeito en que os Estado español e portugués abordan este espazo natural compartido. O BNG reclama unha estratexia conxunta que permita planificar e executar accións continuadas e coordinadas, cun financiamento sostido procedente dos fondos europeos transfronteirizos.
Cun enfoque global e transfronteirizo, o BNG presenta a ambiciosa proposta para a rexeneración ambiental do río Miño da man da senadora da organización nacionalista. Carme da Silva estivo acompañada por representantes do BNG nos concellos da comarca do Baixo Miño: a deputada provincial do BNG, Beatriz Lomba; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o tenente de alcalde de Tomiño, Uxío Benítez; o voceiro municipal do BNG na Guarda, Anxo Lois Baz; a voceira municipal en Tui, Carme Núñez; e o responsábel comarcal do BNG no Baixo Miño, Manuel Fernández.
A organización nacionalista reclama levar a cabo unha Estratexia Integral de Rexeneración Ambiental do tramo internacional do río Miño, un espazo natural de alta riqueza ecolóxica e valor social, hoxe gravemente ameazado por décadas de abandono institucional, contaminación e privatización da súa xestión.
Un plan e modelo común para un espazo compartido
Outro dos eixos centrais da proposta do BNG será demandar a creación dun instrumento de gobernanza civil e conxunta que substitúa á obsoleta Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM), un ente con competencias limitadas e marcado pola visión militarizada do territorio. “Cómpre superar dunha vez por todas a idea da fronteira como barreira. Estamos no século XXI. O río Miño debe ser entendido como un espazo natural común, a coidar e a desenvolver de maneira sostible. Só unha autoridade compartida, con competencias delegadas polos dous estados, poderá tomar decisións eficaces e xustas” destaca a senadora nacionalista.
O BNG, ademais, defenderá en Madrid a necesidade de artellar unha estratexia conxunta e transfronteiriza, cun enfoque global e con planificación sostida no tempo, apoiada en fondos europeos específicos para territorios fronteirizos. “Falamos dun tramo do río que é Rede Natura 2000, que ten recoñecemento europeo, mais que carece dunha visión común. Non podemos seguir traballando con parches illados. Precísase coordinación política e vontade compartida para devolverlle a saúde ao Miño” subliña Carme da Silva.
Un río ao servizo da Galiza e non do lobby eléctrico
“O Miño está absolutamente privatizado, capturado polos intereses dunha multinacional que regula os caudais do río segundo lle convén ao prezo da enerxía. Isto afecta á biodiversidade, á pesca tradicional e á propia dinámica fluvial. Queremos saber que pensa facer o Goberno ante esta situación inxusta e insostible” denuncia a senadora do BNG. Neste sentido, a organización nacionalista alerta da construción dunha nova central hidroeléctrica de bombeo en Crecente, cun investimento de 500 millóns de euros, e sobre a actual xestión da central da Frieira.
“Rexistraremos iniciativas nas Cortes do Estado para coñecer a posición do Goberno a respecto dos plans da empresa Naturgy, que pretende impulsar este proxecto” avanza.
Xornada interparlamentar e mobilización institucional
Como parte da súa proposta, o BNG organizará unha Xornada Interparlamentar sobre o río Miño, que reunirá representantes de todas as institucións con competencias no territorio: Parlamento Europeo, Congreso, Senado, Parlamento de Galiza e os concellos da beira do Miño. “O obxectivo é analizar de forma global os problemas do río e trazar unha folla de ruta compartida” salienta a organización nacionalista.
Tamén se presentarán mocións en todas as institucións e manteranse reunións cos sectores afectados, especialmente coas entidades ligadas á pesca tradicional, que denuncian o deterioro continuo dun río que durante xeracións foi fonte de sustento e vida.
“Esta é unha cuestión de País. O río Miño é columna vertebral que une, e debe deixar de ser unha ferida aberta na paisaxe e na xente que vive del. Chegou o momento de devolverlle ao río o protagonismo que merece, e poñelo ao servizo das persoas e do territorio” finda Carme da Silva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario