12 de abr. de 2025

OIA

A Xunta de Galicia e o concello de Oia asinan o convenio para a reforma da contorna do mercado de abastos, na que se investirán preto de 290.000€ M.

 A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou hoxe a zona da actuación   

  Allegue anunciou que a Xunta licitará as obras nas vindeiras semanas, co obxectivo de que estean rematadas ao longo deste 2025  

 A intervención prevista enmárcase no Plan Hurbe e suporá a remodelación da zona contigua ao edificio do mercado, mediante a intervención nos acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación, cun deseño integrado e respectuoso coa contorna  

 Habilitaranse unha terraza e unha horta urbana, ademais dun espazo de aparcadoiro de bicicletas 


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe coa alcaldesa, Cristina Correa, o convenio enmarcado no Plan Hurbe, nun acto na Casa Consistorial ao que asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas
Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 A Xunta de Galicia destinará unha achega de 201.574€ para as obras de acondicionamento da contorna do mercado de abastos do Concello de Oia, nas que se investirán un total de 287.963 €. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe coa alcaldesa, Cristina Correa, o convenio enmarcado no Plan Hurbe, nun acto na Casa Consistorial ao que asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.  

 O Plan Hurbe da Xunta ten coma obxectivo como destacou a conselleira, “a apoiar aos concellos que desexen desenvolver actuacións de humanización de espazos públicos ou para dotarse de equipamentos cos que seguir afianzando poboación e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”.   

 A través deste convenio a Xunta financiará o 70% do custe da intervención, ademais de licitar e executar as obras, e o Concello asumirá o 30% restante (86.389€). Allegue subliñou que os traballos licitaranse “o antes posible”, a fin de que este ano estean rematados.  

 A reforma suporá a remodelación integral da zona contigua ao edificio do mercado de abastos, mediante a intervención nos acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación, cun deseño plenamente integrado e respectuoso coa contorna. Habilitaranse unha terraza e unha horta urbana, ademais dun espazo de aparcadoiro de bicicletas e tamén unha zona para clasificación de residuos.  

 Así mesmo, completarase a intervención coa renovación de servizos na zona: rede de pluviais, saneamento, abastecemento, electricidade e iluminación. Inclúese tamén un sistema de reutilización da auga pluvial e o soterrado das liñas aéreas eléctricas e de telefonía.  

 Allegue destacou a necesaria cooperación entre administracións que fai posible actuacións como a proxectada e subliñou que este novo espazo, xunto ao mercado, xerará un novo espazo de encontro da veciñanza, posto que “propiciará que veciños e visitantes poidan atopar un novo espazo onde parar,  reunirse ou mesmo cultivar produto local na horta urbana coa que vai contar”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario