Na Semana Santa, escolle A Guarda
Infogauda / A Guarda
Calquera época do ano é un bo momento para descubrir a vila mariñeira de A Guarda, e se a visita coincide coa Semana Santa pódese tamén participar nas celebracións relixiosas.
A Guarda é unha pequena vila que ofrece variadas propostas para cada visitante como gozar da natureza do Esteiro do Miño, visitar o Monte Santa Trega, descubrir a vida mariñeira no porto e degustar a nosa gastronomía e produtos locais.
Para coñecer detidamente A Guarda están dispoñibles uns mapas dixitais con 18 rutas distintas e máis de 80 puntos de interese, e, como novidade pódense facer unhas visitas virtuais a través da web www.turismoaguarda.es
Estas visitas virtuais permiten realizar unha visita 360º do Monte Santa Trega e ampliar a información coas audioguías. Ademais tamén está dispoñible a recreación virtual dunha unidade familiar do castro, que transportará ao visitante a finais do século I a. C.
Programación da Semana Santa
A Guarda comezará a celebrar a Semana Santa oficialmente este venres 11 de abril, coa procesión do «Venres de Dor», a partir das 21:00 horas dende a igrexa parroquial de Santa María.
A programación relixiosa da parroquia de Santa María de A Guarda continúa o domingo 13 de abril (Domingo de Ramos) coa tradicional bendición de ramos e palmas na praza de san Bieito ás 11:30 horas. A continuación, celébrase a procesión ata igrexa parroquial e a misa da Paixón do Señor.
O Xoves Santo virá marcado pola «Procesión dos Pasos», con saída ás 21:00 horas dende a igrexa parroquial de Santa María.
O Venres Santo terán lugar, dende o mesmo punto, a «Procesión do Encontro» (11:00 h) e a «Procesión do Santo Enterro» (21:00 h).
Os actos relixiosos pecharán coa misa solemne de Pascua e a bendición pascual, o domingo 20 ás 11:30h.
Visitas guiadas ao Castro do Monte Santa Trega
Nesta Semana Santa ofreceranse as habituais visitas guiadas ao Castro do Monte Santa Trega, que permiten comprender o valor patrimonial deste destacado xacemento arqueolóxico. Durante unha visita guiada de 45 minutos os visitantes coñecerán en detalle a cultura castrexa e como vivían no Trega.
As visitas gratuítas están organizadas do martes 15 ao domingo 20 de abril en dúas quendas ás 12:00 e ás 17:00h, respectivamente. O punto de comezo é a explanada da casa forestal, a casa en pedra que se atopa despois de cruzar a zona escavada do castro. Esta visita guiada pode completarse coa visita ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) que se atopa na cima do monte e que nestes meses de primavera abre de martes a domingo de 10:00 a 20:00h.
Coincidindo coa Semana Santa a Oficina de Turismo de A Guarda, na praza do Reló, comezará co seu horario de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30h. Tamén atención no teléfono 986 61 45 46 ou en turismo@aguarda.es
Para completar a visita pódese acudir á exposición de cámaras fotográficas na Casa do Concello, no horario de mañá dos días laborais.
Dous concertos
Asemade, a igrexa parroquial acollerá esta fin de semana dous concertos. O sábado, día 12, ás 21:00h o coro Gli Appassionati traerá a obra ‘Stabat Mater’ de Steve Dobrogosz, mentres que o domingo 13 ás 17:00h, será a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda quen ofrecerá un concerto de marchas procesionais.
Festas da Pascua
Na Guarda ademais teñen lugar as tradicionais Festas da Pascua de Buxán que darán comezo este sábado 12, ás 22:00h, coa celebración do seu serán. Xa o xoves 17 celebrarase a tradicional lacoada nas Escolas de san Lourenzo.
A festa continuará o venres 18 de marzo co partido de fútbol masculino entre solteiros e casados no Estadio Municipal.
O sábado 19 (ás 11:00h para nenos e ás 16:30h para adultos), haberá tradicionais xogos populares e á noite, verbena, amenizada polo Trío La Noche e o grupo América (23:00 h).
Na xornada do 20 de abril (Domingo de Pascua), a partir das 11:00h poderanse degustar pratos como zorza e callos, amenizado co grupo Airiños do Folón.
A tarde está reservada para a tradicional Festa do Biscoito con inchables e pintacaras para nenos. Ás 17:00 comezará a poxa de produtos tradicionais para pechar ás 19:30 coa actuación do grupo folk Os Folieiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario