O Rosal, exemplo de innovación sostible no deporte máis alá das fronteiras
• Unha delegación da Câmara Municipal de Monçao visitou o campo de fútbol da Mata para coñecer de primeira man a transformación realizada nestas instalacións
Infogauda / O Rosal
A aposta do Rosal polo deporte, a sostibilidade, o medio ambiente e a innovación traspasa fronteiras. A transformación do campo de fútbol da Mata converteu ao concello nun referente en sostibilidade, un modelo que espertou o interese tamén a nivel transfronteirizo. Unha delegación composta polo xefe da División de Planificación e Obras Públicas de Monçao, Pedro Cruz, e representantes da câmara municipal lusa visitou as instalacións para afondar no proceso de transformación e compartir experiencias sobre innovación e sostibilidade no deporte.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recibiu aos representantes portugueses e subliñou a importancia desta aposta estratéxica que levou ao concello a ser un dos primeiros do estado español en renovar un campo de fútbol municipal baixo criterios de sostibilidade, incorporando un recheo a base de piña triturada ao céspede artificial, unha alternativa innovadora e respectuosa co medio ambiente fronte ao caucho tradicional, que vai diseminando microplásticos. “Non só melloramos a práctica deportiva o campo, senón que demos un paso fundamental cara á sostibilidade, reducindo o impacto ambiental das nosas instalacións municipais, mellorando a eficiencia enerxética e o confort para as persoas usuarias”, salientou.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou os beneficios da renovación do campo tanto para as e os deportistas como para o medio ambiente. “Este proxecto marcou un antes e un despois na forma de entender as infraestruturas deportivas. Apostamos por un modelo sostible que mellore a experiencia das e dos deportistas, que reduza a nosa pegada ecolóxica e que converte ao Rosal nun referente de modernidade e respecto polo medio ambiente”, resaltou.
A visita da delegación portuguesa para coñecer este proxecto pioneiro permitiu estreitar lazos transfronteirizos e fortalecer o intercambio de boas prácticas entre ambas poboacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario