2 de abr. de 2025

O BAIXO MIÑO

O BNG agarda que o PP non promova a dragaxe do Río Miño baseándose en informes ambientais cuestionables como os de Altri  

 O grupo provincial do Bloque subliña que a comunidade científica non avala o “dragado máxico” como solución global aos problemas do río e insiste na necesidade dunha actuación integral con criterios técnicos serios 


Beatriz Lomba, deputada do BNG no Baixo Miño, e concelleira na Guarda
Foto: D.P.

Infogauda / O Baixo Miño

 O BNG vén de manifestar a súa esperanza de que o Partido Popular non promova a dragaxe do Río Miño baseándose en informes ambientais cuestionables como os da macrocelulosa Altri. Así o expresou a deputada e concelleira Beatriz Lomba na Deputación no momento no que o goberno provincial de Luís López rexeitou a proposta nacionalista de realizar pedir ao goberno central e á Xunta unha actuación integral de rexeneración ambiental do Miño cun enfoque global de base científica e, pola contra, insistiu en apostar pola dragaxe do último treito do río como solución “máxica” para todos os problemas que se precisan resolver no leito. 

 Lomba lamentou que o PP porfíe na dragaxe a pesares de que a comunidade científica non avala esa actuación para atallar as plantas invasoras, verteduras contaminantes, así como os efectos dos encoros en todo o treito internacional. Destacou que dragar un tramo con problemas de sedimentación é inútil se non se actúa sobre as causas remotas do sistema de sedimentación (o encoro de Frieira e os baleirados incontrolados de Naturgy), xa que o río manterá a súa tendencia e  encherá  de sedimentos enseguida a zona dragada. “Estas dúas afirmacións –advertiu a deputada- son conclusións dos informes da Estratexia nacional de restauración dos ríos elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente e a Universidade Politécnica de Madrid”.  

 Engadiu tamén que “as medidas que se teñen tomado ata agora para atallar as dinámicas do río na desembocadura demostraron ser ineficaces e incluso contraproducentes, (...) e que  observando a onde nos levaron as dragaxes feitas e cales foron os efectos da extracción de áridos, a prudencia recoméndanos ser un pouco escépticos sobre esa medida”. “Falar de dragaxe respectuosa como din vostedes –apelou ao PP- é unha incoherencia. Lamentamos a falta de sensibilidade para apostar por unha contorna vulnerable”, subliñou. 

 Ante a aposta cerrada do PP pola dragaxe, e dado que ademais das posibles actuacións do goberno central a Xunta de Galicia concorreu-conxuntamente con Portugal- a fondos europeos do POCTEP para desenvolver un proxecto de eliminación das especies invasoras no leito do Miño, o Bloque amosouse preocupado e instou ao Partido Popular a non realizar a eliminación de áridos a toda costa “con informes ambientais como os que propoñen para implantar Altri”. Lembra o BNG que eses estudos son “sospeitosos” e “cuestionables” por non ter en conta as afeccións a unha contorna natural protexida. 

 Lomba insistiu en que é necesaria unha atención ao río “inmediata e coordinada” entre o goberno español, de Portugal, e a Xunta de Galicia seguindo unha estratexia global, integral e coordinada “con todo o rigor científico” e non fundamentada en “ocorrencias”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario