Interior dá a razón ao BNG e substituirá o cartel deturpado de Tui
• Néstor Rego celebra o encargo, por parte do Goberno do Estado após a iniciativa do BNG, dun novo cartel coa toponimia oficial e urxe desenvolver todas as medidas necesarias para garantir o respecto total á única nomenclatura legal
Infogauda / Tui
O Goberno do Estado vén de recoñecer a razón do Bloque Nacionalista Galego e confirma que procederá a substituír o cartel do Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui onde figuraba un topónimo deturpado. Na súa resposta a preguntas formuladas polo BNG no Congreso, o executivo estatal asegura que, após a iniciativa presentada pola organización nacionalista, encargou xa un novo cartel que respecta a forma oficial do nome da localidade. Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso avanza que estará vixiante para o cumprimento da normativa e a substitución deste cartel.
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Néstor Rego, denunciou a vulneración da lexislación vixente en materia de toponimia oficial por parte do Ministerio do Interior, reclamando a retirada inmediata do rótulo incorrecto. O Goberno do Estado, finalmente, vese obrigado a corrixir o erro e a cumprir coa Lei 3/1983 de normalización lingüística, que estabelece que "os topónimos terán como única forma oficial a galega".
O BNG celebra que a denuncia realizada e a iniciativa presentada tivesen un efecto inmediato, forzando a rectificación do Goberno. Porén, a organización nacionalista insiste en que esta situación non debería repetirse e que a Administración Xeral do Estado “debe garantir o estrito cumprimento da legalidade en materia de toponimia”.
Néstor Rego lembra ademais que o Consello de Europa xa advertiu ao Estado español en varias ocasións sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas, subliñando a necesidade de respectar os dereitos lingüísticos da cidadanía galega. "O Goberno non pode seguir ignorando as recomendacións do Consello de Europa nin vulnerando a lexislación vixente. Con esta rectificación, queda demostrado que a denuncia e a mobilización son ferramentas útiles para defender os dereitos da nosa lingua" apunta o deputado nacionalista.
O BNG seguirá vixiante para evitar que se repitan vulneracións similares e continuará exixindo ao Goberno do Estado que adopte medidas para garantir o respecto total á toponimia oficial galega en toda a súa acción institucional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario