27 de dec. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés recibirá o Derbi As Nosas para despedir o ano 

• Este sábado, 28 de decembro, ás 19.00 horas, na Sangriña: o derbi ante o Porriño, que será retransmitido por televisión na TVG2 

• Será un duelo de altos voos entre primeiro e cuarto clasificado, duros rivais e vellos coñecidos, en que cada acerto e cada erro será crucial 

• Volve á convocatoria Estela Carrera, recuperada tras unha infección, pero con precaución, aínda que se suma a nova baixa de África Sempere por enfermidade común 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés despide o 2024 esta fin de semana facendo de anfitrión da gran festa do balonmán galego. Este sábado 28 de decembro ás 19:00 horas, o pavillón municipal A Sangriña será o escenario do mítico Derbi As Nosas ante o Conservas Orbe Zendal BM Porriño, partido de undécima xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2024/2025 e último encontro antes do parón do Nadal. Un duelo entre vellos rivais, crucial para a loita polas primeiras posicións da clasificación, e que o Mecalia Atlético Guardés afronta coa baixa puntual de África Sempere. O encontro será retransmitido pola segunda canle da Televisión de Galicia. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega á gran cita da xornada para o deporte galego sentindo aínda o subidón de dar un golpe sobre a mesa o pasado domingo en casa do Costa do Sol Málaga. As de Ana Cristina Teixeira Seabra pelexaron os 60 minutos completos daquel duelo entre primeiro e segundo, igualadísimo en case todo momento, ata que conseguiron dominar o ritmo do partido e crear distancia no marcador cara aos últimos dez minutos. Unha vez máis, o Mecalia Atlético Guardés soubo sufrir para despois sacar músculo e terminou facendo a fazaña, conseguindo vencer ao seu principal rival polo liderado e romper o seu impresionante refacho de case dous anos sen perder como anfitrioas (21-26). 

 Este xute de enerxía será vital para afrontar este encontro, previsiblemente tamén moi esixente, contra un vello coñecido e cuarto clasificado, e ademais de novo en condicións de equipo curto. As de Ana Seabra veranse unha semana máis limitadas por importantes ausencias entre as súas filas, entre as que se segue notando o efecto da lesión de ligamento cruzado de Elena Martínez. Persisten aínda as dificultades para o club á hora de atopar unha nova fichaxe que encaixe tanto no seu nivel actual como no seu orzamento, e mentres tanto o Mecalia Atlético Guardés debe afrontar igualmente as baixas puntuais doutras xogadoras. 

 Nas últimas semanas o equipo da Guarda houbo de sobrepoñerse á ausencia de Estela Carrera, xa que unha infección apartouna da competición nos partidos ante Valladolid e Málaga. Xa recuperada, a porteira volverá á convocatoria este sábado, aínda que é posible que non some moitos minutos de xogo por precaución. Por outra banda, o seu caso repetirase esta semana con África Sempere, que causará baixa para o derbi por enfermidade común. No aire está aínda a posibilidade de reforzar a convocatoria con algunha xogadora de categoría xuvenil. 

 Pola súa banda, o Porriño chegará á Sangriña como cuarto clasificado tras un inicio de tempada en que acumula seis vitorias, un empate e tres derrotas. As galegas conseguiron bater nestas primeiras dez xornadas a grandes rivais como Elxe, Elda ou Bera Bera, neste último caso sendo un dos dous únicos equipos en logralo. O ano pasado loitaron polo terceiro posto de Liga e non hai dúbida de que esta tempada as de Isma Martínez apuntan tamén moi alto, xa que están a rexistrar ademais moi bos resultados no seu debut nas competicións europeas este ano. Con todo, estas boas sensacións son a outra cara dunha carga de traballo e cansazo adicional que o Mecalia Atlético Guardés non vén soportando esta tempada. 

 O último Derbi As Nosas remóntase ao mes de agosto, cando A Sangriña recibiu a final da Supercopa de Galicia, que se saldou cunha axustada vitoria local (29-26). En canto á súa versión ligueira, o pavillón guardés foi escenario tanto do triunfo anfitrión na penúltima xornada da pasada tempada (29-23, marzo) como da axustada vitoria do Porriño na eliminatoria de cuartos de final (29-30, abril). Aínda que o Mecalia Atlético Guardés sabe que adoita ter a tixola polo mango en O Inferno, tamén prevé un partido impredicible en que calquera detalle marcará a diferenza. E, sen dúbida, que será todo un espectáculo para os seguidores do balonmán galego. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Vai ser un partido que se decidirá por detalles” 

 A adestradora do Mecalia, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na dificultade do encontro: “Esperamos un partido competitivo”. A técnica define ao do sábado como un duelo “entre dous equipos que queren puntuar e demostrar que merecen estar nas posicións que ocuparon ata o de agora”. Polo demais, confía no traballo das súas e unha semana máis reitera a súa intención de seguir buscando “boas sensacións” que as leven aos dous puntos da vitoria. 

 Con todo, Seabra insiste especialmente na dureza do Porriño. “Sabemos que temos que estar a un bo nivel para conseguilo, non só defensivamente senón tamén con algo máis de carácter ofensivo”, indica. A férrea defensa foi unha das claves para os resultados das súas esta tempada, aínda que a falta de determinación no ataque en certos momentos foi responsable doutros tantos bloqueos en partidos que tiveron que resolver con certo sufrimento. “Vai ser un partido que se vai a decidir por detalles”, sentenza. 

 Pero pase o que pase, a adestradora do Mecalia Atlético Guardés sabe que será un encontro para gozar por todos os presentes, a mellor maneira de terminar o que está a ser un gran ano para os afeccionados da Sangriña. “Espero que realmente sexa unha gran festa do balonmán galego”, conclúe. 

AXENDA 

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 11 

Mecalia Atlético Guardés – Conservas Orbe Zendal BM Porriño 

Sábado, 28 de decembro, ás 19:00 horas 

Pavillón da Sangriña 

O encontro será emitido en directo pola TVG2.

BINGO DO ATLÉTICO GUARDÉS

•  Sábado, 28 de decembro, ás 21:30 horas, no pavillón A Sangriña



DEPORTES

XORNADA DE INICIACIÓN AO FÚTBOL GAÉLICO 

  Este luns, 30 de decembro, ás 20:30, no Campo da Sangriña, de A Guarda




Gróvias Futebol Gaélico / Redacción Deportes / A Guarda

 A equipa feminina de Gróvias levará a cabo unha xornada para dar a coñecer o fútbol gaélico entre as mulleres do Baixo Miño. Será este luns, 30 de decembro, ás 20:30, no Campo da Sangriña, de A Guarda. Ao remate terá lugar un terceiro tempo de confraternización.  

 O fútbol gaélico é un deporte de balón orixinario da Irlanda caracterizado polo uso tanto dos pés como das mans para mover a bola e conseguir anotar. Aínda que de recente implantación no noso país, en Irlanda é o deporte máis popular e con máis licencias federativas.  

 Se che gusta facer deporte en grupo agardámosche este luns na Guarda.

A GUARDA

O Concello de A Guarda busca novos praceiros para o Mercado de Abastos   

 En total, os postos licitados son sete: catro deles no andar baixo e os outros tres no primeiro andar


Fachada principal da praza de abastos de A Guarda
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda  

 O Concello de A Guarda vén de sacar a licitación pública a concesión demanial de varios postos do Mercado de Abastos.   

 En total, os postos licitados son sete: catro deles no andar baixo e os outros tres no primeiro andar. Estas concesións terán unha duración de 25 anos e o importe do tipo mínimo do canon adecúase ao tamaño de cada posto.  

 Toda persoa interesada pode presentar a súa oferta ata o día 7 de febreiro de 2025. O proceso de licitación e a información sobre este atópase na Plataforma de Contratación do Estado, accesible a través do apartado “Perfil do Contratante” da páxina web do Concello da Guarda.  

 Coa explotación dos postos preténdese revitalizar a Praza de Abastos, dar un uso a un ben de dominio público, establecer unha actividade económica e abastecer á poboación de produtos para o consumo humano. 

A sala de estudo de A Guarda cambia de  localización de forma temporal   

  Ubicarase de xeito temporal, ata novo aviso, na sala multiusos da Casa dos Alonso

 

Localización da sala de estudo, na sala multiusos da Casa dos Alonso


 Por mor de obras de mellora na sala de estudo do antigo Concello, a sala de estudo de A Guarda instalarase de xeito temporal, ata novo aviso, na sala multiusos da Casa dos Alonso.  

 O horario será de 8:00 a 22:00 horas, de luns a venres; e de 8:00 a 15:00h, os sábados. Así dará acollida a todo aquel estudantado que debe estudar nestas datas festivas con motivo dos exames de xaneiro.

O ROSAL

Espírito navideño e talento no I Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas, da Agrupación Musical do Rosal  

 O evento celebrarase este domingo, 29 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio municipal 

 


Infogauda /  O Rosal 

 Música, tradición e mocidade serán as protagonistas este domingo 29 de decembro, a partir das 18.00 horas, no auditorio municipal do Rosal, que acollerá a celebración da primeira edición do Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas, da Agrupación Musical do Rosal. Dese xeito, as voces máis novas encherán de espírito navideño o auditorio, ofrecendo un espectáculo que promete emocionar e unir ao público arredor da música.  

 Este evento busca promover a música coral entre a mocidade, destacando valores como o traballo en equipo, a disciplina e o desfrute da música. Dixirido a agrupacións corais de todo tipo, con participantes de ata 18 anos, o concurso suporá un reto, xa que cada agrupación deberá interpretar tres pezas relacionadas co Nadal cun tempo máximo de 10 minutos. O xurado premiará aos mellores coros con galardóns de 200, 100 e 50 euros.  

 Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a asistir e gozar dunha tarde única de música, “apoiando ás novas xeracións e emocionándonos coas súas interpretacións”. “É un orgullo acoller un certame que promove a tradición musical e o talento da nosa mocidade e celebrar o Nadal dun xeito creativo e enriquecedor”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

O ROSAL

O Rosal ponse a punto coa colaboración da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño  

  Foron meses de intenso traballo para o mantemento e a realización de actuacións na rede de abastecemento de auga, en camiños e aparcadoiros de todo o concello   


O concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, con persoal e maquinaria nunha zona de actuación

Foto. C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal segue avanzando para garantir servizos e espazos públicos de calidade para a veciñanza. O Concello vén de rematar meses de intensa colaboración coa Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para a posta a punto dos camiños de todo o municipio, así como para a realización de numerosas actuacións de mellora en todos os barrios e parroquias.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia da colaboración coa Mancomunidade “para afrontar actuacións tan diversas e necesarias coas que seguir mellorando o noso concello, garantindo o mantemento e recuperación das zonas que máis o necesitan, e continuar así transformando espazos vitais para o benestar da veciñanza”.  

 Unha colaboración na que é clave a coordinación entre Mancomunidade e os traballadores municipais, que fixeron un esforzo conxunto para acometer tarefas de mantemento de grande importancia para a veciñanza. A rexedora quixo agradecer de xeito especial “o compromiso dos operarios municipais e da Mancomunidade, que co seu traballo e dedicación fixeron posible levar a cabo estas actuacións tan necesarias para manter o noso Concello en condicións óptimas”.  

 Deste xeito, Mancomunidade achega a maquinaria necesaria e as e os operarios para realizar diferentes actuación entre as que destacaron as melloras na rede de abastecemento de augas, tamén en colaboración coas traídas veciñais, para accións como o cambio de tubaxes en zonas como San Miguel, Pías, Marzán, Tabagón, As Eiras ou Fornelos, así como pequenas reparacións noutras parroquias. Neste sentido realizouse tamén o enganche de auga no Barrio Novo e o asfaltado da maioría das traídas, o que permitirá un servizo máis eficaz e duradeiro.  

 Por outra banda, executáronse actuacións clave nos camiños municipais, como a mellora das vías que conectan As Eiras con Pías; o acondicionamento do aparcadoiro e da senda das Aceñas; ou intervencións en zonas como Caselas ou nun camiño agrario na zona de Cartas. Preparáronse ademais os camiños para a celebración da tradicional carreira de San Silvestre do vindeiro 31 de decembro, poñendo en valor tamén a importancia dos eventos sociais e deportivos na dinamización do municipio.  

 O concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, destacou o esforzo realizado polo Goberno municipal para o mantemento integral do concello. “A nosa prioridade é ofrecer unha rede de infraestruturas óptima, coidando tanto os pequenos detalles como as grandes intervencións. Estes traballos de acondicionamento reflicten o noso compromiso co benestar de rosaleiros e rosaleiras”, recalcou.  

 Entre outras actuacións tamén se levaron a mellora de espazos clave como o sobreancho do cemiterio de Tabagón; os aparcadoiros de Caselas e da contorna do Calvario; o bacheo de todos os camiños do Rosal; ou o acondicionamento do punto verde e de acopios (sic) de Viso dos Eidos, Tabagón, Cunchada e A Mata.

VILA NOVA DE CERVEIRA

Presidente da Assembleia da República visita dois marcos de descentralização cultural de Cerveira  


O Presidente da Assembleia da República, José Pedro Aguiar-Branco com  o Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira
Foto: C.M. V. de C.


Irene Pinheiro / Vila Nova de Cerveira  

 O Presidente da Assembleia da República, José Pedro Aguiar-Branco, esteve, esta manhã, em Vila Nova de Cerveira para uma visita à XXIII Bienal Internacional de Arte de Cerveira e ao Palco das Artes. A segunda figura do Estado Português foi acompanhada pelo Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira, Rui Teixeira, e pelo Presidente da Assembleia Municipal, António Quintas, bem como por alguns deputados da Assembleia Municipal.    

 Aproveitando o momento para agradecer publicamente o apoio concedido ao evento, através da República Portuguesa – Cultura / Direção-Geral das Artes e que a FBAC integra a Rede Portuguesa de Arte Contemporânea, o Presidente Rui Teixeira referiu que “o projeto político saído do 25 de Abril, em que se ambicionava a promoção da dignidade, da igualdade de oportunidades, de acesso à cultura, da justiça, do trabalho e dos direitos sociais, tem de ser continuado e valorizado pelo Estado Português”. E acrescentou: “A Bienal Internacional de Arte de Cerveira é, por isso, corolário das conquistas de Abril e hoje, passados 46 anos, já se afirmou como um dos acontecimentos mais marcantes das artes plásticas do nosso país e um evento de referência para a cultura artística nacional e internacional. Permanece, na sua essência, como um local de encontro, criação e experimentação artísticas, descentralizador e consolidador da oferta cultural da região Norte e do país”.    

 Após a visita à XXIII Bienal Internacional de Arte de Cerveira (BIAC), sob o tema “És Livre?”, o Presidente da Assembleia da República, José Pedro Aguiar-Branco passou ainda pelo Palco das Artes, por forma a testemunhar a pujança de Vila Nova de Cerveira na dinamização cultural, com eventos reconhecidos nacional e internacionalmente e estruturas físicas dotadas de condições acústicas e de conforto de elevada exigência, posicionando-se na vanguarda da promoção de atividades multiculturais.   

TOMIÑO

Tomiño asina un convenio de colaboración para a implantación do novo modelo de xestión de residuos 

  O municipio terá acceso a “Wayste”, unha plataforma creada pola LIPOR para monitorización da xestión de residuos  


O goberno local asinou na pasada semana un convenio de colaboración coa LIPOR, Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto
Foto: C.T.
  

Infogauda / Tomiño 

 Tomiño continúa traballando para sacar á licitación o antes posible un novo contrato de xestión de residuos, que permita elevar a eficiencia do sistema de recollida de lixo. Con este obxectivo, o goberno local asinou na pasada semana un convenio de colaboración coa LIPOR, Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto, unha entidade portuguesa especializada na valorización e tratamento dos residuos urbanos, e responsable da xestión do lixo de 8 municipios lusos, entre eles o de Porto e outros da súa área de influencia; un organismo, fundado en 1982, que trata na actualidade máis de 500.000 toneladas de residuos urbanos producidas por un millón de habitantes da área mencionada. 

 A sinatura deste convenio entre a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente do Consello de Administración de Lipor, José Manuel Ribeiro, permitirá a Tomiño utilizar unha plataforma (Wayste) tecnolóxica e innovadora, que acompañe e monitorice o proceso de implementación no noso municipio dun sistema de recollida selectiva porta a porta de residuos urbanos. “Esta ferramenta permitiranos, ademais de elevar a eficiencia do sistema de recollida e a valorización dos residuos xerados, así como ter datos que nos indiquen o nivel de cumprimento dos obxectivos de reciclaxe que nos esixen dende Europa, e cos que, estamos comprometidos”, explica a rexedora tomiñesa.  

 Os sistemas de monitorización e de análise da plataforma, permitirán tamén crear perfís de coñecemento da participación dos usuarios e usuarias, co fin de dar resposta ás necesidades destes e coñecer mellor as súas prácticas. Neste sentido, a rexedora salientou a importancia da colaboración con LIPOR “para que o concello poida afrontar os retos ambientais de presente e de futuro, implementando sistemas innovadores que melloren a recollida e o tratamento dos nosos residuos, optimizando o servizo e beneficiando dun xeito claro á nosa veciñanza, para continuar mellorando como un concello máis sostible ambientalmente”.  

 Esta colaboración entre Concello e LIPOR, como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “será moi beneficiosa para as dúas partes, xa que o Concello contará cos técnicos da LIPOR, cunha amplísima experiencia neste eido, como asesores para a implantación do novo modelo e a LIPOR demostrará a súa capacidade para desenvolver este modelo noutros municipios”.  

 O novo modelo é un reto para ambas partes asinantes e converterá a Tomiño nun concello pioneiro no cumprimento da lei de residuos, como xa o foi na extensión da compostaxe, grazas ao programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

OIA

O Concello de Oia aproba o seu orzamento para 2025 cun importe de 2,1 millóns de euros  

•  Entre as principais novidades inclúense axudas económicas polo nacemento dun fillo ou filla en familias empadroadas no municipio 

 

Vista do concello de Oia
Foto: C.O.
 

Infogauda / Oia 

 O pleno do Concello de Oia vén de aprobar de forma inicial o proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2025, que ascende a un total de 2.167.561,26 euros. A aprobación inicial levouse a cabo na sesión plenaria celebrada este xoves día 26, contando co voto a favor do equipo de goberno e a abstención dos demais grupos políticos municipais.  

 A alcaldesa, Cristina Correa, destacou a boa saúde financeira do Concello, con débeda cero, e explicou que as contas para 2025 están  baseadas en ingresos e gastos realistas, tendo en conta o incremento experimentado nunha serie de servizos que consumen unha grande cantidade de recursos das arcas municipais. Ademais, realizouse un grande esforzo de axuste para manter conxeladas, por oitavo ano consecutivo, as taxas e impostos, atendendo á dificultade que supón para as familias o incremento do custo da vida nos últimos anos.  

 Entre as principais novidades do orzamento para o próximo ano inclúese unha aposta polo fomento da natalidade, con axudas económicas ás familias empadroadas no concello polo nacemento dun fillo ou filla. En concreto, a axuda será de 200 euros por cada nacemento que se producira durante 2024, e a cantidade deberá ser consumida no comercio local en gastos relacionados coa crianza do fillo ou filla. Outra novidade relacionada co apoio ás familias oienses será a incorporación, a partir de xaneiro, dunha educadora familiar no Concello.  

 Destacan tamén as partidas orzamentarias para o subministro eléctrico (175.000 euros), o Servizo de Axuda no Fogar (325.000 euros), a recollida e xestión de residuos (140.000 euros) e o servizo de limpeza de edificios públicos.   

 O capítulo de investimentos tamén inclúe unha partida 38.700 euros que irá destinada a diversas actuacións, tales como adquisición de terreos, mobiliario urbano, melloras no tendido eléctrico, compra de contedores, melloras de equipos informáticos e investimentos en bombas. Con cargo a esta mesma partida tamén se asumirá parte da achega municipal ás obras de rehabilitación da praza de abastos actualmente en curso.  

Subvencións  

 A alcaldesa subliñou que as contas de 2025 dan continuidade á colaboración coas traídas de augas veciñais, destinando 25.000 euros a subvencións nominativas. Así mesmo, séguese apostando pola conciliación familiar, cunha partida para cubrir o servizo de aula de acollida no CEIP Mestre Manuel García e cunha dotación económica para os campamentos de verán en Santa María de Oia e Refoxos.  

 Outras asociacións sen ánimo de lucro da comarca, como Cruz Vermella, San Xerome Emiliani, Fibromiño, Vontade, Asociación Contra el Cáncer e SOS Tomiño, tamén recibirán unha achega municipal.   

 En materia de subvencións tamén destaca o apoio ao deporte, manténdose as axudas a clubs, e á celebración dos tradicionais curros, neste caso con partidas para as asociacións organizadoras das tres citas que teñen lugar no municipio (A Valga, Torroña e Mougás). 

TUI

A Eurocidade Tui-Valença vivirá unha tarde máxica coa Cabalgata Internacional de Reis 

  Coma novidade este ano os Reis recibirán aos nenos e nenas xa pola mañá no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, e volverán facelo tras o percorrido internacional. 




Infogauda / Tui 

 A Eurocidade Tui-Valença prepárase para vivir unha tarde máxica de Reis coa tradicional Cabalgata Internacional, que terá lugar o domingo, 5 de xaneiro de 2025. As súas maxestades, Melchor, Gaspar e Baltasar, teñen previsto chegar ás 16:30 h á estación de tren de Valença. Dende alí, iniciarán un percorrido de 3,5 quilómetros acompañados por unha ampla comitiva de máis de 200 persoas ata o paseo da Corredoira, en Tui.  

 Esta é a única cabalgata internacional entre dous países e volverá encher de ilusión ás miles de persoas que se achegarán a presenciar o paso dos Reis Magos polas rúas de Valença e Tui. Un dos momentos máis destacados será o cruzamento pola emblemática ponte internacional.  

 Melchor, Gaspar e Baltasar viaxarán en tres impresionantes carrozas, seguidos dunha colorida comitiva que incluirá música a cargo da Rondalla O Mosteiro, de Pexegueiro, e das charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo. Tamén estarán presentes as carrozas das asociacións Arume, de Malvas; Aloia, de Pazos de Reis; e Xuntanza, de Randufe, que levarán maxia e alegría a este percorrido, durante o cal se repartirán máis de 1.500 quilos de caramelos sen glute.  

 Ao final do percorrido, os Reis Magos recibirán a todos os nenos e nenas que desexen saudalos no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela. Como novidade, este ano ofrecerán unha recepción previa no mesmo lugar o domingo pola mañá, de 10:30 a 12:30 h.  

 Ademais, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán ás persoas maiores das residencias e centros de día de Tui e Valença. O venres 3 de xaneiro, a partir das 10:45 h, achegaranse á Residencia Paz e Ben, ao Centro de Día Amoralia e á Residencia San Telmo. Pola tarde, desde as 16:00 h, estarán en Valença, na IPSS da Cruz Vermelha, na Santa Casa da Misericordia e no Centro de Día.  

 A Cabalgata Internacional de Reis, organizada pola Eurocidade Tui-Valença, conta coa colaboración da Garda Nacional Republicana; a Associação Humanitária de Bombeiros Voluntários de Valença; Protección Civil de Valença e de Tu; Policía Local de Tui; o Grupo Scout Alhoia e a Radio Municipal de Tui.

TUI

A Biblioteca Municipal agasalla aos seus lectores co conto “Branca de neve e os sete ananos” adaptada e ilustrada por Ánxeles Ferrer 

 A  iniciativa realízase grazas á doazón da propia autora  


“Branca de Neve e os sete ananos” , adaptada e ilustrada por Ánxeles Ferrer, que vai acompañada dun CD cun audio-conto
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Nestas datas de Nadal a Biblioteca Municipal de Tui está a agasallar a todos os nenos e nenas de até 9 anos de idade que retiren un libro en préstamo cun exemplar da obra clásica dos irmáns Grimm “Branca de Neve e os sete ananos” adaptada e ilustrada por Ánxeles Ferrer, que vai acompañada dun CD cun audio-conto.  

 Ánxeles Ferrer posúe unha longa traxectoria como autora e ilustradora de literatura infantil, cunha decena de libros escritos e ilustrados por ela e con máis de vinte obras nas que participa como ilustradora. Na actualidade está centrada na súa actividade como artesá téxtil.  

 Este agasallo é posible grazas á colaboración da autora que ten doado un amplo número de exemplares desta obra á Biblioteca Municipal tudense coa finalidade de contribuír á difusión da lectura entre os seus usuarios máis novos.  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, agradece á ilustradora Ánxeles Ferrer que novamente este ano teña este xeneroso xesto para todos os lectores e lectoras máis cativas da Biblioteca Municipal tudense ofrecendo unha obra súa como agasallo aos que retiren libros en préstamos a domicilio nestas datas de Nadal.

TUI

Música e deporte na programación de Nadal para despedir o ano

  A Banda de Música e as corais tudenses actuarán no Teatro Municipal. A Orquestra Kubo dará a benvida ao 2025 no Espazo Feiral 

  

A maxia continúa no edificio da praza da Inmaculada co Taller Máxico de Papá Noel
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A programación de Nadal continúa a encher de maxia Tui con diferentes propostas nos próximos días.   

 O Teatro Municipal de Tui acollerá hoxe venres e mañá sábado os concertos de Nadal da Banda de Música Popular de Tui e das tres corais tudenses, Centro Sociocomuntiario, Ponte das Febres e San Telmo, respectivamente. As entradas para estes eventos musicais están á venda en tui.gal.   

 Amais hoxe venres ás 16.30 h na Residencia Paz e Ben actuou a Coral San Telmo.   

 Para dar a benvida ao 2025 a orquestra Kubo actuará á unha madrugada do mércores 1 de xaneiro no Espazo Feira, na avenida da Concordia.  No recinto, cuberto con carpa, a orquestra ofrecerá un espectáculo musical e festivo para comezar o ano.  

 Por outra parte onte á tarde comezou a terceira e derradeira quenda do Mercado do Nadal con vinte postos que enchen de creatividade, artesanía, produtos de Nadal, e gastronomía o céntrico paseo da Corredoira. O seu horario este venres e o domingo será 12 a 14 h e de 17 a 21 h, mentres que o sábado o seu horario prolongarase até ás 22 h.   

 A maxia continúa tamén no edificio da praza da Inmaculada co Taller Máxico de Papá Noel que abre de 11 a 14 h e de 17 a 20 h. Amais este sábado 28 de decembro e o venres 2 e sábado 3 contará coa presenza dos paxes reais.  O deporte tamén está presente nesta programación coa III San Silvestre Tudense Solidaria que se celebrará o martes, 31 de decembro, dende ás 10.30  h cun percorrido urbano de catro quilómetros que poderá realizar correndo, andando ou en marcha nórdica. A proba bate récord de participación xa que a tres días de que peche a inscrición están xa anotadas 1200 persoas.  Na páxina web do club Atletismo Tui pódese cubrir o formulario de inscrición até ás 22 h deste domingo, 29 de decembro. A proba é solidaria coa Asociación Española contra co Cancro.   

Aparcamento gratuíto no IES San Paio até o 5 de xaneiro 

 Até o 5 de xaneiro pódese aparcar no recinto do IES San Paio de forma gratuíta en horario de 10 a 22 h. Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración do IES San Paio que posibilita que durante estas festas se habilite este zona de aparcamento en pleno centro urbano.  

GONDOMAR

O incumprimento dos ratios de persoal na residencia Vila do Conde, de Gondomar provoca sobrecarga laboral que afecta o servizo 

 A CIG denuncia que se tramitaron dous expedientes por este motivo en 2023 e 2024 sen que a Consellaría de Política Social teña respondido aínda 


Residencia da terceira idade Vila do Conde, en Gondomar
Foto: CIG

Infogauda / Gondomar

 A sección sindical da CIG na residencia da terceira idade Vila do Conde, en Gondomar, denuncia que os incumprimentos en materia de persoal está a provocar unha sobrecarga laboral nas persoas traballadoras que afecta a calidade do servizo. Dende a central sindical sinalan que se tramitaron dous expedientes administrativos, tras constatarse que o centro non cumpre os ratios de persoal establecidos pola Xunta sen que a Consellaría de Política Social teña nin sequera respondido. A representación da CIG no comité (4 delegadas de 5) da residencia de maiores Vila do Conde -de xestión privada pero con prazas públicas concertadas coa Xunta- explica que unha vez esgotada a vía do diálogo coa empresa, que se nega a atender as demandas da parte social, decidiu facer públicos os incumprimentos dos ratios de persoal establecidos pola Administración para este tipo de centros. 

 Uns incumprimentos que foron constatados pola propia Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia en 2023 e 2024, o que motivou a apertura de dous expedientes administrativos que a Consellaría de Política Social aínda non resolveu. A CIG tivo constancia dos feitos tras unha nova denuncia presentada nos últimos meses ante Inspección de Maiores.  

 Ante a pasividade da Consellería, e dunha Inspección de Maiores que se nega a recibir ao comité para atender as incidencias, a CIG presentou hai meses unha denuncia na Inspección de Traballo por uns feitos que supoñen unha gran carga de traballo para o persoal, causando numerosas baixas, riscos psicosociais, estrés e ansiedade.  

 Xa que a residencia continúa funcionando con menos persoas traballadoras das que establece a normativa para este tipo de centros, até o punto de que na quenda de mañá traballan unicamente 9 auxiliares e unha limpadora, na de tarde 7 auxiliares e ningunha limpadora e na de noite 2 auxiliares e unha enfermeira para atender a 130 persoas. 

 A conseguinte sobrecarga laboral afecta a calidade do servizo: atrasos nos horarios das comidas e da medicación e imposibilidade para poder acompañar ao baño aos residentes a tempo de que poidan facer as súas necesidades e á hora de garantir unha hixiene persoal axeitada, entre outras cuestións. 

 Segundo sinala a presidenta do comité de empresa, Susana Represas, moitas familias son coñecedoras deste tipo de deficiencias “porque as propias persoas usuarias lles trasladan queixas”. Unhas deficiencias que se veñen producindo dende hai anos, pero que nos últimos dous estanse a ver incrementadas. “De feito, agora as familias xa non poden acceder ao interior do centro como facían antes; dende a pandemia da covid só poden estar na entrada ou no exterior da residencia”. Na CIG denuncian que se trata dunha medida coa que as empresas pretenden ocultar as deficiencias na atención e no mantemento das instalacións.  

 Ante este empeoramento das condicións de traballo e da atención aos residentes o cadro de persoal decidiu en asemblea unha serie de medidas para facer público o que está a acontecer, xa que a dirección sostén que o problema non é de incumprimento dos ratios de persoal senón de organización. “É non é só que incumpran os ratios porque o di a propia Consellaría, senón que tampouco cumpren o establecido na folla de traballos diarios na que figura o número de persoas traballadoras que prestan servizo, xa que temos constado que aparece un número de persoal que non é real no día a día”. 

 Por iso, ademais de socializar a problemática entre as familias e de levar a cabo distintas accións para visibilizar a conflitividade laboral existente no centro, manterán xuntanzas cos grupo municipais de Gondomar e coas forzas políticas con representación no Parlamento galego para intentar que Política Social actúe para garantir que a residencia conta co persoal necesario para ofrecer unha atención digna.

VIGO

O Consorcio Casco Vello de Vigo pecha un ano “histórico” coa compra de Ribeira do Berbés 9 para “dar vida ao barrio” con nova vivenda pública 

  A delegada da Xunta de Galicia, e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, confirma a adquisición do inmoble situado xunto ao Edificio Redeiras


A representante autonómica sinalou que o CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, autorizou a compra do edificio situado no número 9 da Ribeira do Berbés
Foto. X.G.

Infogauda / Vigo

 A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, avanzou este venres que o comité executivo do organismo autónomo aprobou a adquisición dun novo inmoble no Berbés por un importe de 315.000 euros para a súa rehabilitación. Esta reforma permitirá construír novas vivendas no barrio histórico vigués, onde o CCVV xa adquiriu outros doce edificios.  

 A representante autonómica sinalou que o CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, autorizou a compra do edificio situado no número 9 da Ribeira do Berbés, entre o Edifico Redeiras da Universidade de Vigo e o Albergue Público de Peregrinos Juan Manuel López Chaves. Trátase dun inmoble de catro andares cunha superficie de 61 metros cadrados por planta. “Pechamos con esta adquisición un ano histórico no que cumprimos o compromiso firme da Xunta de Galicia de dar vida ao barrio para lograr unha rehabilitación integral do Casco Vello no menor tempo posible”, sinalou.  

 Para a recuperación do Berbés xa levouse a cabo nos últimos meses a compra de dous edificios situado nos número 25 e 27. “É unha das mellores noticias que podiamos dar aos vigueses: construción de vivenda de protección e rehabilitación do Casco Vello, sen esquecer que a Xunta segue traballando en ámbitos como Navia para dotar á cidade de vivenda pública”, apuntou a delegada.  

“Un dos mellores exemplos” 

 Ana Ortiz tamén fixo fincapé en que o Consorcio Casco Vello de Vigo é “un dos mellores exemplos do traballo continuado que realizamos en favor da cidadanía viguesa cando non se lle poñen trabas”. Indicou igualmente que o labor xa é visible en “rúas enteiras como as do Casco Vello Alto que locen agora como nunca, con decenas de emprendedores e negocios que decidiron que o seu futuro está no barrio histórico”.  

 Respecto dos plans de futuro do CCVV destacou que en 2025 avanzarán as obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas).

PONTEVEDRA

O BNG pide á Deputación que consolide o Plan +  Provincia nun documento estrutural e permanente con condicións de reparto “claras e definidas” 

  Mosquera subliña que crear un plan estable de obras e servizos permitiría aos concellos ter maior cobertura e seguridade para realizar investimentos 


Manuela Rodríguez Pumar, deputada do BNG na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra 

 O BNG pediu hoxe á Deputación que consolide o Plan + Provincia -iniciativa herdeira do Plan Concellos impulsada polo anterior goberno do BNG-PSOE para distribuír fondos entre os municipios da provincia- nun documento estrutural e permanente con condicións de reparto “claras e definidas”. O voceiro nacionalista César Mosquera subliñou que crear un plan estable de obras e servizos (POS), sexa cal sexa a súa denominación, permitiría aos concellos ter unha maior cobertura, previsión e seguridade para realizar investimentos.  

 Mosquera destacou que ata 2015 o Plan de Obras e Servizos da Deputación dividíase en diferentes liñas de actuación e os concellos non podían saber con previsión cantos cartos lles traspasaría o goberno provincial. Subliñou que coa chegada ao goberno do BNG e o PSOE púxose en marcha o Plan Concellos e fixáronse condicións definidas e equilibradas. “Isto supuxo un antes e un despois no comportamento da Deputación”, subliñou. 

 Sostivo o nacionalista que o actual goberno do PP mantivo o plan con algunhas modificacións, o que cualificou de “acerto que agradeceron os concellos da provincia”. Indicou que o anuncio de que as bases para 2025 aceptarán gastos plurianuais ten bastantes consecuencias, entre outras, que será un plan que seguirá nos vindeiros anos con orzamento comprometido por parte do goberno provincial. 

 “Parécenos ben porque permitirá grandes investimentos”, apuntou Mosquera, ao tempo que lanzou unha proposta ao PP: xa que se trata dun plan no que están todos os grupos de acordo en termos xerais, deberíase fixar como un instrumento orgánico (xa sexa regulamento ou ordenanza) que o consolide de maneira estrutural e permanente no tempo cunhas condicións xenéricas claras e definidas. Segundo Mosquera, unha vez fixados os criterios básicos do reparto de fondos poderíase deixar aberta unha posibilidade para incorporar pequenos axustes segundo as circunstancias. “Sería unha boa iniciativa deixar isto ordenado porque daría outro tipo de cobertura aos concellos e non permitiría unha volta atrás”, subliñou o voceiro do BNG.  

 Por outra parte, o BNG votou hoxe en contra da aprobación definitiva dos orzamentos da Deputación para 2025 xa que o PP non permitiu facer achegas do resto dos grupos para a súa elaboración. Mosquera referiu tamén outros argumentos dados anteriormente para rexeitar as contas: non dan resposta ás necesidades dos concellos para cumprir os obxectivos de residuos, eliminan políticas de mobilidade destinadas a recuperar espazo público para as persoas, e destinan a maior parte do incremento de fondos a gasto corrente en lugar de a investimentos. 

 No Pleno, o BNG tamén votou en contra do pacto pola lingua presentado polo PP, por considerar que a proposta non é unha iniciativa real para revitalizar o galego. Mosquera criticou que ata o de agora foi o Partido Popular foi quen rompeu o consenso sobre a lingua co decreto do bilingüismo e cunha traxectoria que pon en evidencia que as e os populares propoñen pactos moi diferentes dos que logo levan á práctica. “As formas son contrarias ás súas declaracións”, sostivo o voceiro, quen lembrou que nestes momentos deputadas e deputados provinciais do PP realizan as súas intervencións en español e incluso “inventan toponimias que non existen”, nomeando tamén a concelleiros do PP de Pontevedra que falan, por exemplo, de ‘Puentesampayo’ cando é unha denominación que non existe.  

Eólica mariña na costa sur da provincia 

 Finalmente, a deputada Manuela Rodríguez Pumar preguntou ao goberno da Deputación se o ente provincial presentou algunha consideración ou alegación en relación aos proxectos de instalación dos parques eólicos mariños Pinzón e Roleira.  

 Subliñou a nacionalista que, recentemente, na sede electrónica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Secretaría de Estado de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ambos proxectos para a zona da costa suroeste da provincia de Pontevedra foron obxecto de exposición pública na súas fases de consultas, xa rematadas.  

 Destacou que dada a afección a diversos concellos dentro do ámbito provincial, dentro das entidades consultadas atopábase a Deputación de Pontevedra, polo que solicitou ao goberno do PP explicacións sobre se presentou de alegacións e, en caso positivo, en que sentido.  

 O goberno de Luís López non deu resposta verbalmente á pregunta no mesmo pleno, polo que o grupo do BNG agarda que sexa trasladada a contestación por escrito. 

CULTURA

A XUNTA DE GALICIA DECLARA ‘ANO CASTELAO’ O 2025 

CON MOTIVO DE DA CELEBRACIÓN DO 75 ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO 


Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ca. 1926 
Fotografía: Jaime Pacheco 
Arquivo Fotográfico Pacheco, Concello de Vigo


Infogauda / Santiago de Compostela 

 O Goberno galego acordou declarar o vindeiro 2025 como Ano Castelao co gallo da celebración do 75 aniversario do seu pasamento e como “mostra de gratitude do pobo galego” a esta figura senlleira da cultura e política galegas. Así se decidiu no Consello da Xunta celebrado hoxe onde se aprobou a declaración institucional, en que se erixe a Daniel Alfonso Rodríguez Castelao como “un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e galegas” que é capaz de “convocar sempre e unir a todos”. Por iso, ponse en valor que o pobo galego lle teña outorgado “a máxima estima e o teña escollido como un dos seus símbolos”. 

 Consecuentemente, con motivo da Declaración Institucional do 2025 como Ano Castelao, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten preparada unha ampla programación para enxalzar as importantes achegas do intelectual galeguista, tanto no eido da política como no da cultura. 

 Deste xeito, unha das accións máis relevantes para enxalzar a súa contribución histórica será a recreación virtual de Castelao nunha exposición na Cidade da Cultura, que permitira interactuar directamente con el, e na cal tamén se reproducirá a súa voz. Deste xeito, será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos. 

 Esta recreación da figura e da súa vida no Metaverso será posible grazas ao proxecto Galiverso da Cidade da Cultura, unha iniciativa das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que emprega as tecnoloxías inmersivas e que, na actualidade, permite no Museo Centro Gaiás descubrir importantes bens que forman parte do noso patrimonio cultural a través da súa recreación en realidade virtual. 

Difusión entre os escolares 

 Ademais desta recreación virtual de Castelao e da súa vida e obra, a Xunta ten organizado, dentro da súa programación para difundir o legado cultural e intelectual do escritor rianxeiro, actividades diversas de carácter educativo pero tamén con compoñente de lecer para desenvolver en todos os centros escolares de toda Galicia. 

 Estas actividades levaranse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas con que contan as escolas galegas. 

Publicación histórica das tres versións de ‘Os vellos non deben de namorarse’ 

 A estas accións educativas sumaráselle a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das tres versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral: Os vellos non deben de namorarse. Cómpre salientar que será a primeira vez que se leve a cabo a publicación simultánea dunha das obras máis populares do teatro galego, estreada en Bos Aires en 1941. 

 Hai que destacar que esta edición especial tripla enmárcase na coincidencia da celebración do Ano Castelao co 75 aniversario o ano que vén da creación de Galaxia, editorial que conta tamén cunha forte carga simbólica en Galicia e que ten tido á fronte da súa presidencia figuras sobranceiras, como foi Ramón Otero Pedrayo, e que leva traballando activamente tres cuartos de século polo prestixio da literatura, cultura e lingua galegas. 

 Finalmente, a ampla programación para festexar o Ano Castelo tamén incluirá, entre outras accións, a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, en que Castelao foi un dos partícipes directos. 

TURISMO

XUNTA DE GALICIA E A AGRUPACIÓN EUROPEA DE COOPERACIÓN TERRITORIAL GALICIA-NORTE DE PORTUGAL (AECT) DESENVOLVERÁN ACCIÓNS TURÍSTICAS DE PROMOCIÓN DO XACOBEO 2027 

 Turismo de Galicia e a entidade transfronteiriza asinarán un convenio que permitirá fortalecer as relacións entre a Xunta de Galicia e as entidades políticas, económicas e culturais portuguesas 


Catedral de Santiago
Foto: Turismo de Galicia

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Consello da Xunta de Galicia autorizou este venres a sinatura dun acordo de colaboración entre Turismo de Galicia e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) para a promoción, dinamización, difusión e coordinación da Estratexia de Turismo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O acordo permitirá reforzar as relacións entre as institucións galegas, especialmente a Xunta de Galicia, e as institucións políticas, económicas e culturais portuguesas. 

 Ademais, intensificarase a colaboración e aproximación coas distintas asociacións públicas e privadas, en especial as asociacións portuguesas do Camiño de Santiago, así como cos concellos e entidades rexionais de Galicia e de Portugal e realizaranse accións de dinamización de accións conxuntas, turístico-culturais pero tamén nos demais ámbitos entre Galicia e Portugal. Ao tempo, fomentarase a cooperación e integración entre os actores do sector turístico interrexional. 

 O convenio, que terá unha vixencia de dous anos, recolle o interese de Turismo de Galicia por desenvolver unha intensa divulgación entre a poboación dos anos santos xacobeos. Estes constitúen para a comunidade galega unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia autonomía. 

 O Camiño Portugués xa é a ruta xacobea que máis medra -a razón dun 8 % anual e dun 42 % na súa variante pola Costa- e cada vez con maior peso internacional, cun 65 % dos peregrinos procedentes doutros países. Esta ruta interior, xunto coa súa variante pola Costa, son o segundo e o terceiro itinerario xacobeo máis transitado -con máis de 169.000 Compostelas recollidas no que vai de ano en ambas as rutas. 

 No ámbito turístico en xeral, Galicia está a rexistrar un constante crecemento do mercado internacional. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) destacan o incremento do 22 % no pasado mes de novembro en viaxeiros estranxeiros, sendo precisamente Portugal o país de procedencia que acadou a maior suba cun 45,6 % sobre os datos do mesmo mes en 2023. 

 A Axencia de Turismo de Galicia comprométese a colaborar no financiamento deste acordo achegando un total de 195.000 euros que se distribuirán nas anualidades 2025 e 2026.