O Rosal ponse a punto coa colaboración da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño
• Foron meses de intenso traballo para o mantemento e a realización de actuacións na rede de abastecemento de auga, en camiños e aparcadoiros de todo o concello
Infogauda / O Rosal
O Rosal segue avanzando para garantir servizos e espazos públicos de calidade para a veciñanza. O Concello vén de rematar meses de intensa colaboración coa Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para a posta a punto dos camiños de todo o municipio, así como para a realización de numerosas actuacións de mellora en todos os barrios e parroquias.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia da colaboración coa Mancomunidade “para afrontar actuacións tan diversas e necesarias coas que seguir mellorando o noso concello, garantindo o mantemento e recuperación das zonas que máis o necesitan, e continuar así transformando espazos vitais para o benestar da veciñanza”.
Unha colaboración na que é clave a coordinación entre Mancomunidade e os traballadores municipais, que fixeron un esforzo conxunto para acometer tarefas de mantemento de grande importancia para a veciñanza. A rexedora quixo agradecer de xeito especial “o compromiso dos operarios municipais e da Mancomunidade, que co seu traballo e dedicación fixeron posible levar a cabo estas actuacións tan necesarias para manter o noso Concello en condicións óptimas”.
Deste xeito, Mancomunidade achega a maquinaria necesaria e as e os operarios para realizar diferentes actuación entre as que destacaron as melloras na rede de abastecemento de augas, tamén en colaboración coas traídas veciñais, para accións como o cambio de tubaxes en zonas como San Miguel, Pías, Marzán, Tabagón, As Eiras ou Fornelos, así como pequenas reparacións noutras parroquias. Neste sentido realizouse tamén o enganche de auga no Barrio Novo e o asfaltado da maioría das traídas, o que permitirá un servizo máis eficaz e duradeiro.
Por outra banda, executáronse actuacións clave nos camiños municipais, como a mellora das vías que conectan As Eiras con Pías; o acondicionamento do aparcadoiro e da senda das Aceñas; ou intervencións en zonas como Caselas ou nun camiño agrario na zona de Cartas. Preparáronse ademais os camiños para a celebración da tradicional carreira de San Silvestre do vindeiro 31 de decembro, poñendo en valor tamén a importancia dos eventos sociais e deportivos na dinamización do municipio.
O concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, destacou o esforzo realizado polo Goberno municipal para o mantemento integral do concello. “A nosa prioridade é ofrecer unha rede de infraestruturas óptima, coidando tanto os pequenos detalles como as grandes intervencións. Estes traballos de acondicionamento reflicten o noso compromiso co benestar de rosaleiros e rosaleiras”, recalcou.
Entre outras actuacións tamén se levaron a mellora de espazos clave como o sobreancho do cemiterio de Tabagón; os aparcadoiros de Caselas e da contorna do Calvario; o bacheo de todos os camiños do Rosal; ou o acondicionamento do punto verde e de acopios (sic) de Viso dos Eidos, Tabagón, Cunchada e A Mata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario