27 de dec. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés recibirá o Derbi As Nosas para despedir o ano 

• Este sábado, 28 de decembro, ás 19.00 horas, na Sangriña: o derbi ante o Porriño, que será retransmitido por televisión na TVG2 

• Será un duelo de altos voos entre primeiro e cuarto clasificado, duros rivais e vellos coñecidos, en que cada acerto e cada erro será crucial 

• Volve á convocatoria Estela Carrera, recuperada tras unha infección, pero con precaución, aínda que se suma a nova baixa de África Sempere por enfermidade común 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés despide o 2024 esta fin de semana facendo de anfitrión da gran festa do balonmán galego. Este sábado 28 de decembro ás 19:00 horas, o pavillón municipal A Sangriña será o escenario do mítico Derbi As Nosas ante o Conservas Orbe Zendal BM Porriño, partido de undécima xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2024/2025 e último encontro antes do parón do Nadal. Un duelo entre vellos rivais, crucial para a loita polas primeiras posicións da clasificación, e que o Mecalia Atlético Guardés afronta coa baixa puntual de África Sempere. O encontro será retransmitido pola segunda canle da Televisión de Galicia. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega á gran cita da xornada para o deporte galego sentindo aínda o subidón de dar un golpe sobre a mesa o pasado domingo en casa do Costa do Sol Málaga. As de Ana Cristina Teixeira Seabra pelexaron os 60 minutos completos daquel duelo entre primeiro e segundo, igualadísimo en case todo momento, ata que conseguiron dominar o ritmo do partido e crear distancia no marcador cara aos últimos dez minutos. Unha vez máis, o Mecalia Atlético Guardés soubo sufrir para despois sacar músculo e terminou facendo a fazaña, conseguindo vencer ao seu principal rival polo liderado e romper o seu impresionante refacho de case dous anos sen perder como anfitrioas (21-26). 

 Este xute de enerxía será vital para afrontar este encontro, previsiblemente tamén moi esixente, contra un vello coñecido e cuarto clasificado, e ademais de novo en condicións de equipo curto. As de Ana Seabra veranse unha semana máis limitadas por importantes ausencias entre as súas filas, entre as que se segue notando o efecto da lesión de ligamento cruzado de Elena Martínez. Persisten aínda as dificultades para o club á hora de atopar unha nova fichaxe que encaixe tanto no seu nivel actual como no seu orzamento, e mentres tanto o Mecalia Atlético Guardés debe afrontar igualmente as baixas puntuais doutras xogadoras. 

 Nas últimas semanas o equipo da Guarda houbo de sobrepoñerse á ausencia de Estela Carrera, xa que unha infección apartouna da competición nos partidos ante Valladolid e Málaga. Xa recuperada, a porteira volverá á convocatoria este sábado, aínda que é posible que non some moitos minutos de xogo por precaución. Por outra banda, o seu caso repetirase esta semana con África Sempere, que causará baixa para o derbi por enfermidade común. No aire está aínda a posibilidade de reforzar a convocatoria con algunha xogadora de categoría xuvenil. 

 Pola súa banda, o Porriño chegará á Sangriña como cuarto clasificado tras un inicio de tempada en que acumula seis vitorias, un empate e tres derrotas. As galegas conseguiron bater nestas primeiras dez xornadas a grandes rivais como Elxe, Elda ou Bera Bera, neste último caso sendo un dos dous únicos equipos en logralo. O ano pasado loitaron polo terceiro posto de Liga e non hai dúbida de que esta tempada as de Isma Martínez apuntan tamén moi alto, xa que están a rexistrar ademais moi bos resultados no seu debut nas competicións europeas este ano. Con todo, estas boas sensacións son a outra cara dunha carga de traballo e cansazo adicional que o Mecalia Atlético Guardés non vén soportando esta tempada. 

 O último Derbi As Nosas remóntase ao mes de agosto, cando A Sangriña recibiu a final da Supercopa de Galicia, que se saldou cunha axustada vitoria local (29-26). En canto á súa versión ligueira, o pavillón guardés foi escenario tanto do triunfo anfitrión na penúltima xornada da pasada tempada (29-23, marzo) como da axustada vitoria do Porriño na eliminatoria de cuartos de final (29-30, abril). Aínda que o Mecalia Atlético Guardés sabe que adoita ter a tixola polo mango en O Inferno, tamén prevé un partido impredicible en que calquera detalle marcará a diferenza. E, sen dúbida, que será todo un espectáculo para os seguidores do balonmán galego. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Vai ser un partido que se decidirá por detalles” 

 A adestradora do Mecalia, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na dificultade do encontro: “Esperamos un partido competitivo”. A técnica define ao do sábado como un duelo “entre dous equipos que queren puntuar e demostrar que merecen estar nas posicións que ocuparon ata o de agora”. Polo demais, confía no traballo das súas e unha semana máis reitera a súa intención de seguir buscando “boas sensacións” que as leven aos dous puntos da vitoria. 

 Con todo, Seabra insiste especialmente na dureza do Porriño. “Sabemos que temos que estar a un bo nivel para conseguilo, non só defensivamente senón tamén con algo máis de carácter ofensivo”, indica. A férrea defensa foi unha das claves para os resultados das súas esta tempada, aínda que a falta de determinación no ataque en certos momentos foi responsable doutros tantos bloqueos en partidos que tiveron que resolver con certo sufrimento. “Vai ser un partido que se vai a decidir por detalles”, sentenza. 

 Pero pase o que pase, a adestradora do Mecalia Atlético Guardés sabe que será un encontro para gozar por todos os presentes, a mellor maneira de terminar o que está a ser un gran ano para os afeccionados da Sangriña. “Espero que realmente sexa unha gran festa do balonmán galego”, conclúe. 

AXENDA 

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 11 

Mecalia Atlético Guardés – Conservas Orbe Zendal BM Porriño 

Sábado, 28 de decembro, ás 19:00 horas 

Pavillón da Sangriña 

O encontro será emitido en directo pola TVG2.

BINGO DO ATLÉTICO GUARDÉS

•  Sábado, 28 de decembro, ás 21:30 horas, no pavillón A Sangriña



Ningún comentario:

Publicar un comentario