11 de nov. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés busca resarcirse ante o Elche 

• Este martes ás 20.30 horas, no pavillón municipal A Sangriña, no partido de novena xornada, dedicado á campaña NON contra a violencia de xénero 

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán valerse da súa semana adicional de descanso ante un duro rival para recuperala senda da vitoria tras perder a pasada semana contra Bera Bera 

María Sancha volve á convocatoria, recuperada da súa rotura nun dedo da man dereita 




Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés disputará este martes 12 de novembro de 2024, ás 20.30 horas, no pavillón municipal A Sangriña, a novena xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025, cun partido dedicado á campaña NON contra a violencia de xénero de Deporte Galego. 

 As de Ana Seabra enfrontaranse a outro dos pesos pesados da categoría, Atticgo BM Elche, un rival veterano que promete opoñer unha dura pelexa malia non ter comezado a tempada con moi bo pé. Fronte a el, o Mecalia Atlético Guardés tratará de recuperala súa etapa de vitorias para manterse na batalla polo máis alto da clasificación, contando ademais co novo efectivo de María Sacha, xa recuperada da súa lesión. 

 Tralo adiamento do partido de oitava xornada por coincidencia coa competición europea, o Mecalia Atlético Guardés chega este martes coa vantaxe que supón unha semana de descanso adicional sobre o seu rival. Unha situación da que buscará valerse para palialas consecuencias do último partido, no que obtivo a súa primeira derrota da tempada fronte a Super Amara Bera Bera, tamén na Sangriña. Malia unha resistencia e aguante loables, as de Ana Seabra non puideron frear a rapidez de ataque das vascas e caeron pola mínima (26-27), perdendo o liderado e a súa condición de invictas. Este martes, con semana e media polo medio para recuperárense do golpe e traballar nos erros que as levaron á derrota, o Mecalia Atlético Guardés tratará de volver sumar dous puntos e de demostrar que non acumula un dos seus mellores comezos ligueiros históricos por nada. Para iso, ademais, o plantel branquivermello poderá darse un respiro por unha vez, despois de varias semanas sufrindo o peso de distintas lesións e sen poder suplilas ausencias con xogadoras de base. A gran noticia para este martes é a volta de María Sancha, recuperada por fin dunha rotura no cuarto metacarpiano da man dereita producida o pasado mes de agosto durante a pretempada. Así, a excepción de Elena Martínez (que continúa recuperándose da súa rotura de ligamento cruzado e meniscos), e sen máis baixas adicionais, Ana Cristina Teixeira Seabra poderá contar cunha contundente convocatoria, reforzada ademais coa xuvenil Yanet Rodríguez na portería. 

 O Mecalia Atlético Guardés tratará de explotar todas estas condicións favorables fronte a un Atticgo BM Elche que non acaba de atopar o seu sitio esta tempada, e que chega ademais despois dunha fin de semana de viaxes e esixente xogo na liga europea. O equipo ilicitano, un dos grandes nomes da categoría e que o ano pasado competiu polo título de Liga, visitará A Sangriña este martes, en cambio, na parte baixa da táboa, en décima posición e con tan só dúas vitorias ao seu favor dun total de oito partidos xogados. As de Joaquín Rocamora acumulan un percorrido de comezo de tempada máis complicado ca o Mecalia Atlético Guardés, e por iso no seu desprazamento ata A Guarda, tratarán de amosar toda a súa calidade, conscientes da importancia de non deixarse caer na táboa unha vez finalizadas as primeiras semanas de toma de contacto coa tempada. 

 A última visita do Elche ao Inferno levárona as anfitrioas pola mínima (26-25), hai case exactamente un ano, un sufrido resultado que se suma á ancha derrota que viviron as da Guarda na súa visita ao feudo ilicitano (31-23), na derradeira xornada da liga regular 2023/2024. En definitiva, as de Ana Cristina Teixeira Seabra non deben deixarse enganar pola posición na clasificación do seu contrincante, que por outra parte foi un dos dous únicos equipos capaces de vencer ao Bera Bera polo de agora. Conscientes do reto, tratarán de apelar ao cansazo rival e de valerse dos seus efectivos para facer o seu xogo e seguir no máis alto. 

Ana Seabra: “Temos que cometer menos erros que no último partido para competirmos ao nivel que queremos” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na importancia de non subestimala posición na que chega o Elche este martes: “Sabemos que imos xogar contra un rival con bastante calidade, un equipo que non se rende e que defensivamente crea sempre moitas dificultades a tódolos seus opoñentes, con superioridade e agresividade”, explica. A técnica destaca como puntos clave do equipo a súa capacidade de tiro exterior, coas laterais Kelly de Abreu e Carmen Figueiredo; a relación da primeira liña coa pivote Carmen Prelchi o a calidade na súa portería, rexentada por Udane Bernabé e Nicole Morales. 

 Dada a situación rival, Seabra explica que o equipo alacantino irá a por todas, “e que sen dúbida queren causarnos moitos problemas”. Por outra banda, a adestradora do Mecalia Atlético Guardés tamén lembra a vantaxe que supón a semana de descanso adicional que gozaron as súas: “Traballaron moito durante a semana, como fixeron ata agora, e despois dun partido amargo a pasada finde estamos ben”, indica, recalcando ademais a importancia de contar de novo con María Sancha. 

 Porén, a directora deportiva do Mecalia Atlético Guardés tamén sabe que non vai ser doado, e remata a súa mensaxe chamando á autocrítica: “Somos conscientes de que temos que cometer menos erros que no último partido e que mellorar a nosa eficacia de tiro para poder competirmos ao nivel que queremos e lograr os dous puntos”. 

AGENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 9 

Mecalia Atlético Guardés – Atticgo BM Elche 

Martes, 12 de novembro | 20:30 horas | Pavillón da Sangriña | 

En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés. 

A GUARDA

Máis dunha veintena de participantes no achegamento aos cogomelos


Monitor e persoas que asistiron a charla divulgativa no Centro Cultural de A Guarda
Fotos: C.A.G.

Saída ao Feno para iniciarse no coñecemento dos cogomelos

Infogauda / A Guarda

 Organizada polo Concello de A Guarda, durante a fin de semana realizouse unha dobre actividade para o achegamento aos cogomelos. Así, o venres fíxose unha explicación sobre o mundo dos fungos: aqueles máis representativos, os que poden xerar confusión, as súas partes e as súas características.  

 Ademais, os máis de 20 participantes iniciáronse no cultivo de cogomelos cun substrato e micelio de seta para que nun mes podan ter as súas propias setas comestibles na casa.  

 Xa o sábado, as persoas interesadas xuntáronse para facer unha ruta de identificación de cogomelos, mais as altas temperaturas das últimas semanas están a atrasar a súa aparición.

DEPORTES

ATLETISMO

Os irmáns Sierpes Pereira do Sport Lisboa e Benfica brillan no Campionato Rexional zona do Norte, de curta Matogueira Longo de Portugal

Álex Sierpes Pereira fíxose coa vitoria na categoría Sub18 masculina, por diante do atleta Alfonso Gómez, do Sporting Clube de Braga, múltiple medallista en campionatos de Portugal e internacional coa súa respectiva selección


Álex Sierpes Pereira - no centro - coa súa medalla de ouro acadada en Guimarães


Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes

 Este pasado domingo os atletas guardeses Álex e Christian Sierpes Pereira, de A Guarda, desprazáronse a Guimarães (Portugal), onde se celebrou paralelamente o 1 Cros dos Conquistadores e o Campionato Rexional Norte de Cros. 

 Faríano sobre unha distancia de 3.5km, no circuito situado no parque da cidade deportiva de Guimarães, proba que estivo organizada pola sección de atletismo do Victoria Sport e a Asociación do Atletismo Braga, co apoio da Câmara Municipal de Guimarães. 

 En xogo estaban os títulos das categorías Sub18 – Sub20 e absoluta. 


 Álex - primeiro pola esq. - e Christian Sierpes Pereira - a seguir - nun momento da proba dos 3,5km

Christian e Álex Sierpes Pereira, onte en Guimarães


 Álex e Christian Sierpes Pereira, callaron unha boa actuación na categoría Sub18 (nados en 2007 e 2008) onde tiveron unha dura e bonita batalla campal durante o transcurso da proba, xa que os corredores do Sporting Clube de Braga, puxéronllo moi difícil aos dous irmáns. 

 Álex Sierpes endureceu moito a proba no tramo final que fixo tensar tanto a corda, que o actual campión de Portugal non deu aguantado a última arrancada de Sierpes, entrando cun tempo de 10´05", seguido de Alfonso Gómez, do S.C. Braga; e en 3ª posición Gabriel Figueirido con 10´30"; entrando Christian Sierpes Pereira con 10´42", en 4º lugar. Pero o título levouno Alfonso Gómez, porque Álex, por ser español, non lle computa dita designación, pero acadou a medalla de ouro no protocolo de entrega que albergou simultaneamente o 1 Cros dos Conquistadores de Guimarães. 

Moitas felicidades!

DEPORTES

ATLETISMO

Atletas da Sociedade Atlética do Trega, de Tomiño, brillan na XLVII carreira Popular de San Martiño (Ourense) onde a choiva estivo presente

Ouro para Paula Rocha e para Alba Vasconcellos, respectivamente; e prata para Sergio Silva Souto


Paula Rocha Bautista - no centro - coa súa medalla de ouro
No podio Alba Vasconcellos Rodríguez - no centro - coa súa medalla de ouro, e Sergio Silva Souto - a súa dereita - coa medalla de prata

Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes

 Onte celebrouse a XLVII carreira Popular de San Martiño, considerada a proba máis antiga de Galicia. No evento deportivo destacou a participación masiva de centros escolares de toda a provincia ourensá, en categorías inferiores; e na absoluta, ao máis puro estilo popular afeccionados do mundo do runnig, desde a categoría senior ata veteranos en ambos os sexos. 

 Entre eles destacaron con grandes actuacións 3 dos nosos atletas, na categoría Sub16 e Sub14 por partida dobre nos dous sexos. 

 A tomiñesa Paula Rocha Bautista, fíxoo na Sub16: a guardesa Alba Vasconcellos Rodríguez, na Sub14 feminino; e o tomiñés  Sergio Silva Souto, en Sub14 masculino. 

 Este ano resaltou a participación de atletas da modalidade inclusiva, para darlle visibilidade á enfermidade da ELA (esclerose lateral amiotrófica), recadando fondos para a súa investigación. 

 Moitas felicidades aos 3 campións!

O ROSAL

O Rosal transforma o coiro en arte nun novo Obradoiro de Outono  

O Concello celebra o vindeiro sábado 23 de novembro un curso no que as e os participantes fabricarán unha funda de libreta  

Aberta xa a inscrición para participar nesta iniciativa dirixida a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos   



Infogauda / O Rosal

 Este outono o coiro cobra vida nas mans de rosaleiros e rosaleiras. O Concello xa ten en marcha unha nova cita cos Obradoiros de Outono, un taller de artesanía en coiro, de aproximadamente catro horas de duración, no que as persoas participantes descubrirán os segredos para traballar con este material e crearán a súa propia funda de libreta guiados por Ana, da rosaleira Media Lúa Artesanía.  

 Como sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, con este novo obradoiro o Concello “busca impulsar a creatividade e ofrecer á veciñanza a oportunidade de achegarse ao mundo da artesanía en coiro sen importar a experiencia previa. Un novo espazo de aprendizaxe, expresión e diversión co que rosaleiros e rosaleiras poden achegarse a actividades diferentes e sentir o valor de traballar coas mans, de crear algo dende cero”. 

 Organizado pola OMIX do Rosal, aínda que o taller está dirixido a público de todas as idades terán prioridade á hora da inscrición as persoas menores de 30 anos. Este primeiro obradoiro celebrarase o vindeiro 23 de novembro ás 10.00 horas na Nave Obradoiro da Mata e terá un prezo de 20 euros.  

 Con prazas moi limitadas, as persoas interesadas poden xa inscribirse a través do formulario web habilitado. Unha vez realizada a inscrición chamarase ás persoas interesadas para confirmar a súa participación e informar sobre o modo de pago. 

OIA

Charla informativa sobre alzheimer e outras demencias 

Os días 21 e 25 de novembro, de 16.30 a 18.30 horas na Aula Mentor (antiga biblioteca, no baixo do Casa do Concello de Oia)




Infogauda / Oia 

 A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA) impartirá os próximos días 21 e 25 de novembro unha sesión formativa gratuíta en Oia enmarcada dentro do proxecto “Alzhéimer de Preto”. Trátase dunha iniciativa de FADEAL (Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras Demencias) e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello de Oia.  

 A actividade impartirase os días 21 e 25 de novembro en horario de 16.30 a 18.30 horas na Aula Mentor (antiga biblioteca, no baixo do Casa do Concello). Está dirixida principalmente a coidadores/as de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.   

 As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25% das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar.  

 Por este motivo ponse a disposición das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática. O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar  a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.   

 Para máis información pode contactarse no correo electrónico info.fadeal@gmail.com ou no teléfono 610 437 895. 

VILA NOVA DE CERVEIRA

Trabalhadores de origem latina aprendem/melhoram a língua portuguesa 

   

Cerca de 60 formandos de diferentes nacionalidades receberam, este sábado, os diplomas que certificam a conclusão com êxito do plano de formação em língua portuguesa

Foto: C.M. V. de C.


Irene Pinheiro / Vila Nova de Cerveira

 Cerca de 60 formandos de diferentes nacionalidades da América do Sul - venezuelanos, bolivianos, colombianos e peruanos – receberam, este sábado, os diplomas que certificam a conclusão com êxito do plano de formação em língua portuguesa, destinado aos adultos que residem e/ou trabalham no concelho de Vila Nova de Cerveira, no âmbito do Projeto Local Promotor de Qualificação, dinamizado pela ETAP Cerveira.    

 O encontro, que decorreu no Auditório da Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira, contou com a presença do Presidente da Câmara Municipal, Rui Teixeira, da Vereadora com o Pelouro da Educação, Sónia Guerreiro, do Secretário da Junta de Freguesia da União de Freguesias de Vila Nova de Cerveira e Lovelhe, Cândido Malheiro, do Diretor da ETAP, José Luís Presa, e do Coordenador do Centro Qualifica, além de técnicos, docentes e discentes.     

 O Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira destacou o papel da ETAP na capacitação dos participantes, e felicitou os formandos “pelo esforço e conclusão de uma etapa importante que assegura uma melhor capacidade de expressão e compreensão da língua portuguesa, facilitando a integração social, profissional e cívica dos participantes na comunidade cerveirense”. Rui Teixeira explicou que a autarquia tem desenvolvido “um trabalho persistente em prol da integração de migrantes, com diagnóstico de necessidades e apresentação de respostas facilitadoras. Todos temos muito a aprender com os outros”.

 De sublinhar que o aumento significativo da população estrangeira residente no concelho de Vila Nova de Cerveira levou o executivo municipal liderado por Rui Teixeira a adotar uma estratégia efetiva de integração e inclusão, através de ações por iniciativa própria e/ou em parceria. À dinamização de aulas de Português Língua de Acolhimento (PLA), há ainda a implementação de dois espaços Centro Local de Apoio à Integração de migrantes (CLAIM) – no CAE e no Centro Coordenador de Transportes – e de um novo centro de atendimento da Agência para a Integração, Migrações e Asilo (AIMA) de Vila Nova de Cerveira, por forma a apoiar todo o processo de integração de pessoas migrantes, articulando com as diversas estruturas locais e promovendo a interculturalidade a nível local.     

 De acordo com os resultados dos Censos 2021, verifica-se que os residentes estrangeiros no concelho de Vila Nova de Cerveira subiram de 278 em 2011 para 607 em 2021, correspondendo a uma variação de, aproximadamente, 120%, sendo na sua maioria oriundos de países não pertencentes ao espaço territorial da União Europeia.   

TOMIÑO

O Mercado de Tomiño celebra o outono con charlas, obradoiros e saídas ao campo  

As actividades, organizadas pola Asociación de Praceiros e Praceiras máis o Concello, arrancaron o pasado xoves e rematan o día 18 deste mes, tendo como fin dinamizar a praza municipal e por en valor os produtos locais de tempada  


As xornadas micolóxicas, a cargo do experto portugués Carlos Manuel Venade, abriron o pasado xoves a axenda de actos
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Mercado Municipal de Tomiño celebra a chegada do outono durante un par de semanas, nas que haberá charlas, obradoiros, saídas ao campo e un longo etcétera. As actividades, organizadas pola Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado coa colaboración económica do Concello, teñen como fin promocionar a praza de abastos e os seus postos dun xeito diferente e dinámico. Cunha clara posta en valor dos produtos locais, de tempada e de calidade, as actividades, todas de balde, teñen como obxectivo desfrutar da cultura, da música e dos sabores desta estación do ano.  

 As xornadas micolóxicas, a cargo do experto portugués Carlos Manuel Venade, abriron o pasado xoves a axenda de actos. No primeiro andar do mercado, o público asistente puido coñecer o interesante mundo das setas e as particularidades dos cogomelos máis coñecidos na zona. Venade falou da importancia de coñecer ben as variedades que nacen no bosque para evitar intoxicacións que poden chegar a ser mortais, como por exemplo, a amanita muscaria, unha das especies máis velenosas.  

 O venres pola mañá tivo lugar unha saída de campo para a recollida de cogomelos, guiada tamén polo experto portugués e a súa compañeira Elena Venade, técnica en xestión de Recursos Naturais. A actividade, na que participou unha vintena de persoas, rematou cunha degustación de pinchos elaborados con setas, engadindo os exemplares recollidos no campo á exposición montada no propio mercado.  

 Xa pola tarde, Amparo Grandío, experta en tecnoloxía de alimentos e propietaria do obradoiro de conservas “Petiscos”, foi a encargada de impartir un taller no que o público aprendeu os principios fundamentais para facer conservas de outono vexetais e artesanais con produtos de tempada.  

 O día 9 de novembro chegou ao primeiro andar do mercado unha nova edición dos Sábados con sabor e música, oportunidade para degustar pinchos con produtos de tempada a prezos reducidos, mentres se desfruta da música en directo. De 12.00 a 14.00 horas, o grupo tomiñés AcevedosDelgados en concerto, tocará pop rock con versións e temas propios. 

 Tania Alves, presidenta da Asociación de Praceiros e Praceiras e propietaria de O fogón do Mercado, pechará a programación de outono o luns 18 de novembro cun obradoiro de doces de cabaza no que as persoas poderán aprender como darlle unha alternativa culinaria diferente a un dos produtos da tempada. O taller será de balde de 11.00 a 13.30 horas e contará con prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa a través do formulario habilitado na web municipal.  

 Durante os días de actividades, o Mercado de Tomiño acolle de forma simultánea tres exposicións nas mesmas instalacións: unha mostra de mel e apicultura de Mulleres Abelleiras, unha de escultura con obras dos artistas Liliya Pobornikova e Nando Álvarez e unha de licores galegos de Pazo Valdomiño.  

 A presidenta da Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado, Tania Alves, e a concelleira de Educación, Cristina Martínez, animaron á veciñanza a participar nesta nova iniciativa coa que se pretende dar visibilidade e por en valor o mercado municipal (cualificado pola Xunta de Galicia como Mercado de Excelencia) e descubrir os mellores produtos de tempada.

PONTEVEDRA

A Deputación vai presentar no Museo de Pontevedra Antonio Palacios. Obra completa, o catálogo definitivo da obra do arquitecto 

A presentación do libro de Álvaro Bonet López, editado polo Museo, será este mércores 13 de novembro, ás 19:00 h, no Edificio Castelao 


Antonio Palacios. Obra completa.
Fotos: D.PO.
Páxinas interiores do libro Antonio Palacios. Obra completa


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación publicou este ano a través do Museo de Pontevedra o libro Antonio Palacios. Obra completa. Nel, o arquitecto Álvaro Bonet, un dos maiores expertos en Palacios, reúne 239 fichas perfectamente documentadas de obras construídas ou proxectadas polo arquitecto porriñés. A publicación presentarase este mércores 13 de novembro, ás 19:00 h, no Museo de Pontevedra.  

 Antonio Palacios. Obra completa, constitúe o catálogo definitivo da obra do de Palacios. Nesta publicación, Álvaro Bonet identifica arredor dun centro de obras ata agora non lle estaban atribuídas ou non se coñecían, ademais de achegar documentación descoñecida sobre outras 40 construcións e proxectos. Trátase dun volume de 466 páxinas que recolle un gran número de ilustracións en cor, que inclúe fotografías actuais e históricas, planos e debuxos. O libro pretende ser unha obra de referencia para calquera investigadora ou investigador que se achegue no futuro ao legado arquitectónico de Antonio Palacios.  

 Álvaro Bonet estudou Arquitectura na Universidade Politécnica de Madrid. É membro fundador de Madrid Ciudadanía y Patrimonio, e autor de diversos estudos sobre patrimonio histórico madrileño. Actualmente centra as súas investigacións na figura de Antonio Palacios. Tamén publicou numerosos artigos e outros dous libros sobre o arquitecto porriñés: Trazar a mirada, guía de viaxe de Antonio Palacios (2021), e Mándolle os planos. O legado de Antonio Palacios en Nigrán (2023).  E é autor dun capítulo do catálogo da exposición de Vigo Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia (2020). Ademais, Bonet López, que prepara a súa tese doutoral sobre o citado arquitecto, foi o director do Simposio Antonio Palacios, organizado polo Museo de Pontevedra en abril deste ano. 

ECONOMÍA

Amplo seguimento da folga na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra 

Centos de traballadoras/es aproveitaron a primeira xornada de paros por un convenio digno para mobilizarse en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía 


Mobilización do persoal do sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, polas rúas da cidade de Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Pontevedra / Vigo

 A primeira das dúas xornadas de folga convocadas na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra para reclamar unhas condicións de traballo dignas tivo un amplo seguimento entre os cadros de persoal do sector, que aproveitaron para desenvolver mobilizacións en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. 

 A incidencia do paro foi maior nas grandes empresas e nas compañías con concesións públicas, como Universidade, Concellos, delegacións da Xunta ou centros de saúde, mais tamén en organismos estatais como Instituto Social da Mariña e Seguridade Social. En canto ás empresas privadas, salienta o elevado seguimento en Stellantis ou no grupo Nueva Pescanova na área de Vigo ou Cabomar e Ence na de Pontevedra. Os centros comerciais tamén acusaron a convocatoria de xeito especial. 

 O labor dos piquetes informativos comezou ben cedo, con presenza en centros comerciais, organismos públicos, centros de saúde e hospitais e compañías de limpeza, onde se desenvolveron mobilizacións e se depositou lixo en sinal de protesta. Posteriormente leváronse a cabo concentracións e manifestacións polas rúas das tres localidades. 

 Para este martes día 12 hai convocada outra xornada de folga, que o persoal do sector aproveitará para desenvolver novas protestas. En Vigo terá lugar unha manifestación dende Vía Norte ás 19:00 horas, mentres que en Pontevedra sairá da praza da Peregrina á mesma hora. No caso de Vilagarcía haberá concentracións de 11:00 a 11:30 horas diante do Hospital do Salnés, de 12:00 a 12:30 horas diante do Concello de Vilagarcía e manifestación posterior polas rúas da localidade. 

 Dende as organizacións sindicais convocantes -a CIG e UGT-sinalaron que o convenio está caducado dende decembro de 2022, polo que a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras atinxe xa o 12%. Mais a patronal insiste nunha proposta de suba de salarios “insuficiente” e négase a reducir a xornada laboral. Os cadros de persoal, pola súa banda, reclaman un aumento de soldos do 3,1% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión para non perder poder adquisitivo. Mentres que o empresariado ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial a IPC. 

 Tamén reclaman un día máis de vacacións e outro de asuntos propios, e a modificación do artigo 5 para que cando nun centro de traballo se produza unha ampliación de xornada por parte do cliente ou por outros motivos “que esa xornada se reparta entre o persoal que non ten xornada completa; xa que agora se fai coas xubilacións, pero non coas ampliacións de xornada”. 

 As negociacións romperon o pasado mes de abril tras 16 xuntanzas, e o 17 de xuño tivo lugar unha mediación no AGA (acrónimo de Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) que rematou sen acordo. A finais de setembro reuniuse a comisión paritaria para abordar a interpretación do artigo do convenio anterior que establece a actualización salarial conforme ao IPC, algo que non se fixo en 2023. En consecuencia, a parte social decidiu presentar un conflito colectivo para que se aplique esta suba. “Independentemente da resolución xudicial, que pode tardar meses, nós queremos seguir negociando o convenio”, sinalaron dende as centrais. 

 Mais semella que a patronal non está pola labor, até o punto de que non se moveu das súas posicións “nin un milímetro” a pesar de que a parte social mesmo rebaixou as súas pretensións económicas durante a mediación. Por iso decidiron levar a cabo asembleas de persoas traballadoras, que optaron maioritariamente pola folga e as mobilizacións para darlle continuidade ao paro de 24 horas convocado en xaneiro e ás manifestacións e concentracións desenvolvidas en maio e xuño. 

Dende as organizacións sindicais valoraron moi positivamente a resposta do persoal do sector e fixeron fincapé na necesidade de seguir a reivindicar na rúa un convenio colectivo digno para un sector caracterizado por unha elevada precariedade laboral, no que a gran maioría son mulleres con contratos a tempo parcial e que ingresan unha media de 300-400 euros ao mes. “Na pandemia considerábasenos esenciais, pero agora non se quere recoñecer o noso labor, mentres as empresas dispararon os seus beneficios neste período.”

TOMIÑO

O GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE CRITICA A DEMAGOXIA E AMBIGÜEDADE DO PP, ASÍ COMO O DESLEIXO DO GOBERNO NACIONALISTA, EN MATERIA DO SANEAMENTO EN TOMIÑO  


Concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño 

Infogauda / Tomiño

 O Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño amosa o seu firme compromiso coa extensión do saneamento no municipio tomiñés, porque - como refire Violeta de Santiago, voceira do devandito grupo - é obrigado por lei, porque é unha necesidade para a igualdade da veciñanza viva onde viva; porque é unha prioridade para o medio ambiente; e porque é unha demanda clamorosa, constante e recurrente da cidadanía tomiñesa que carece deste servizo básico e fundamental para o benestar e para fixar poboación.

 As concelleiras do PSdeG-PSOE critican a deixadez absoluta na xestión desta cuestión crucial para as persoas, por parte do Goberno nacionalista, que se escuda  sempre na extensión e dispersión do noso territorio e son incapaces de presentar nin un so proxecto ante a Unión Europea, que conta con recursos dabondo para este fin.  

 As socialistas móstranse sorprendidas ante a moción presentada polo PP ó pleno extraordinario a celebrar este luns día 11, na que solicitan un “proxecto de extensión e construcción do saneamento polas parroquias do rural” para presentar ante a Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria. 

 Violeta de Santiago refire tamén: O Partido Popular debería saber que nese Plan, financiado ao 100% polo Goberno do Estado, tan so son subvencionables proxectos únicos e continuistas, é decir, proxectos a executar nun mesmo territorio, polo que extender e crear saneamento polas parroquias do rural é pura demagoxia pois non se contempla nas bases do citado plan.  

 Por outra banda, as concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE critican tamén o ínfimo prazo para presentar os proxectos, tan so un mes, cando o anterior Goberno presidido por Carmela Silva otorgaba o dobre de tempo para garantizar que todos os concellos poidesen optar ás subvencións e alertan da posibilidade de que algúns gobernos afíns poidan dispor de información privilexiada antes da publicación no BOP, logo do manifestado no propio pleno por unha deputada, e que polo tanto dificulte o acceso igualitario ao ser un proceso por concorrencia competitiva.   

 Por último, a voceira socialista aconsella ó Partido Popular de Tomiño que presione á Xunta de Galicia para que desconxele o fondo de cooperación local para poder optar a fondos para saneamento e para que invista no colector xeral de Sobrada, unha infraestructura imprescindible para poder implantar e avanzar co saneamento no norte de Tomiño, que estaba comprometido polo Goberno de Touriño pero que coa chegada de Feijóo á Presidencia quedou esquecido nun caixón e que segue sen consignación nos orzamentos xerais para o ano 2025.

PEDORNES (OIA)

Chega unha nova edición da Semana Cultural de Pedornes 

Na súa XXXVII edición, que inclúe a cuadraxésima edición da Festa do Magosto




Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes

Acúrtanse os días e chega a Semana Cultural de Pedornes para entreter á rapazada, pero tamén á mocidade, aos pais/nais e aos avós/avoas. Un ano máis hai programadas actividades para os máis pequenos da casa de luns a sábado a partir das 17:30 h. Tamén se celebran distintos campionatos de luns a venres a partir das 19:30 h onde o máis importante é fomentar a participación de grandes e pequenos/as. Do venres ao domingo o programa complétase cunha serie variada de actividades formativas e culturais complementarias para todos os públicos: teatro, sendeirismo, charlas, talleres, actuacións musicais etc. 

 Este é o programa coas actividades que hai cada día: 

Luns día 11: 

 Ás 17:30 h. comezaremos cun obradoiro infantil de pandeiretas con materiais reciclados dirixido por Patricia Muñoz. Logo, ás 19:30 h comezarán os campionatos de tenis de mesa para adultos (maiores de 12 anos) e de brisca, no que participaran tanto nenos como adultos. 

Martes día 12: 

 Proxectarase unha película infantil ás 17:30 h e despois celebraranse os campionatos de chinchimoni e escoba. 

Mércores día 13: 

 Hai un taller de modelaxe con barro programado para as 17:30 h e a partir das 19:30 h celebraranse os campionatos de dominó e parchís. 

 Xoves día 14: Iniciaremos as actividades deste día cun taller infantil de galletas artesanais dirixido por José Ricardo Pravio (Peli) e continuaremos cos campionatos de tute e damas. 

 Venres día 15: Pola tarde, ás 17:30 h actuará Brais das Hortas co espectáculo “Contos para caghar patatillas”. Seguidamente, celebrarase o campionato de futbolín para adultos. A iso das 21:00 h temos o concurso de postres que posteriormente serán degustados por todos os asistentes. Logo, pelaremos as castañas e haberá chocolate para todos os participantes. Todo elo estará animado por un grupo de música tradicional. Anímase aos asistentes a traer os seus instrumentos para unirse á festa e montar unha gran foliada. 

Sábado día 16: 

 O sábado é o día grande da Semana Cultural, comezando ás 10:00 h un “Roteiro polo noso patrimonio”, cun percorrido circular de 3 h de duración con saída do Centro Cultural de Pedornes e que pasará polos castros do Castro e do Crasto e os gravados rupestres do Alto do Visiño, Auga dos Cebros e A Pousadela. De seguido, temos un obradoiro de inoculación de micelio en troncos para o cultivo de cogomelos, no eirado de Pedornes, dirixido por Xoan Lois Vila. 

 A quenda de tarde comeza ás 17:00 cos campionatos de tenis de mesa e de futbolín infantís (inscrición o venres pola tarde) e tamén haberá un inchable. 

 Ás 18:30, Marta Pombal impartirá unha charla-taller de primeiros auxilios e a continuación o grupo de teatro FMEC Producións representará a obra “O Xardín de Vila Gris”. 

 A iso das 21:00 h terá lugar a XL Festa do Magosto, con castañas asadas, viño tinto do ano e refrescos, todo elo totalmente gratis. O Magosto estará amenizado por Roberto Caco. 

 Ás 22:00 h, aproximadamente, realizarase a entrega de premios aos gañadores de todos os campionatos e celebrarase o sorteo das 14 cestas de produtos variadas elaboradas nesta edición. Ademais, haberá algúns sorteos sorpresa máis. 

Domingo día 17: 

 O último día, o grupo de teatro afeccionado local “As dez patas do banco” representará a obra titulada “Onde andará?”. A continuación, proxectarase o audiovisual “OS CURROS DA GROBA, entre liberdade e ritual”, con fotografías de Ana Belén Jarrín e deseño musical e sonoro de Nacho Álvarez. As actividades rematarán coa conferencia impartida por Manuel A. Pombal (Peque) titulada “Como realizar unha árbore xenealóxica familiar”. 

 Durante toda a semana haberá servizo de cantina e tamén unha gran carpa cubrindo o terreiro da festa. 

TOMIÑO

 Cea-Teatro da Memoria

O 23 de novembro, ás 20:00 horas, no local das antigas escolas de Cristelos (Tomiño)




Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña, propón unha nova actividade o 23 de novembro, ás 20:00horas, para finalizar este 2024.  

 Esta nova proposta é unha obra de teatro acompañada dunha cea republicana no local das antigas escolas de Cristelos (Tomiño).  

 A obra de teatro, de Ana Abad, foi gañadora do I Certame de Microteatro da Memoria en 2021. 

 "Un biolo na noite" ten como protagonista a tía María, nai de Guillermo Vicente de Santiago, último alcalde republicano de Tui, a quen xa homenaxeamos en maio deste ano.  

 Trala representación virá unha espléndida cea republicana, elaborada por cociñeiras-os voluntarios.  

 Reservar no 636 247 329.

 Esperamos a vosa participación!!!