O Mercado de Tomiño celebra o outono con charlas, obradoiros e saídas ao campo
As actividades, organizadas pola Asociación de Praceiros e Praceiras máis o Concello, arrancaron o pasado xoves e rematan o día 18 deste mes, tendo como fin dinamizar a praza municipal e por en valor os produtos locais de tempada
Infogauda / Tomiño
O Mercado Municipal de Tomiño celebra a chegada do outono durante un par de semanas, nas que haberá charlas, obradoiros, saídas ao campo e un longo etcétera. As actividades, organizadas pola Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado coa colaboración económica do Concello, teñen como fin promocionar a praza de abastos e os seus postos dun xeito diferente e dinámico. Cunha clara posta en valor dos produtos locais, de tempada e de calidade, as actividades, todas de balde, teñen como obxectivo desfrutar da cultura, da música e dos sabores desta estación do ano.
As xornadas micolóxicas, a cargo do experto portugués Carlos Manuel Venade, abriron o pasado xoves a axenda de actos. No primeiro andar do mercado, o público asistente puido coñecer o interesante mundo das setas e as particularidades dos cogomelos máis coñecidos na zona. Venade falou da importancia de coñecer ben as variedades que nacen no bosque para evitar intoxicacións que poden chegar a ser mortais, como por exemplo, a amanita muscaria, unha das especies máis velenosas.
O venres pola mañá tivo lugar unha saída de campo para a recollida de cogomelos, guiada tamén polo experto portugués e a súa compañeira Elena Venade, técnica en xestión de Recursos Naturais. A actividade, na que participou unha vintena de persoas, rematou cunha degustación de pinchos elaborados con setas, engadindo os exemplares recollidos no campo á exposición montada no propio mercado.
Xa pola tarde, Amparo Grandío, experta en tecnoloxía de alimentos e propietaria do obradoiro de conservas “Petiscos”, foi a encargada de impartir un taller no que o público aprendeu os principios fundamentais para facer conservas de outono vexetais e artesanais con produtos de tempada.
O día 9 de novembro chegou ao primeiro andar do mercado unha nova edición dos Sábados con sabor e música, oportunidade para degustar pinchos con produtos de tempada a prezos reducidos, mentres se desfruta da música en directo. De 12.00 a 14.00 horas, o grupo tomiñés AcevedosDelgados en concerto, tocará pop rock con versións e temas propios.
Tania Alves, presidenta da Asociación de Praceiros e Praceiras e propietaria de O fogón do Mercado, pechará a programación de outono o luns 18 de novembro cun obradoiro de doces de cabaza no que as persoas poderán aprender como darlle unha alternativa culinaria diferente a un dos produtos da tempada. O taller será de balde de 11.00 a 13.30 horas e contará con prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa a través do formulario habilitado na web municipal.
Durante os días de actividades, o Mercado de Tomiño acolle de forma simultánea tres exposicións nas mesmas instalacións: unha mostra de mel e apicultura de Mulleres Abelleiras, unha de escultura con obras dos artistas Liliya Pobornikova e Nando Álvarez e unha de licores galegos de Pazo Valdomiño.
A presidenta da Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado, Tania Alves, e a concelleira de Educación, Cristina Martínez, animaron á veciñanza a participar nesta nova iniciativa coa que se pretende dar visibilidade e por en valor o mercado municipal (cualificado pola Xunta de Galicia como Mercado de Excelencia) e descubrir os mellores produtos de tempada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario