Chega unha nova edición da Semana Cultural de Pedornes
Na súa XXXVII edición, que inclúe a cuadraxésima edición da Festa do Magosto
Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes
Acúrtanse os días e chega a Semana Cultural de Pedornes para entreter á rapazada, pero tamén á mocidade, aos pais/nais e aos avós/avoas. Un ano máis hai programadas actividades para os máis pequenos da casa de luns a sábado a partir das 17:30 h. Tamén se celebran distintos campionatos de luns a venres a partir das 19:30 h onde o máis importante é fomentar a participación de grandes e pequenos/as. Do venres ao domingo o programa complétase cunha serie variada de actividades formativas e culturais complementarias para todos os públicos: teatro, sendeirismo, charlas, talleres, actuacións musicais etc.
Este é o programa coas actividades que hai cada día:
Luns día 11:
Ás 17:30 h. comezaremos cun obradoiro infantil de pandeiretas con materiais reciclados dirixido por Patricia Muñoz. Logo, ás 19:30 h comezarán os campionatos de tenis de mesa para adultos (maiores de 12 anos) e de brisca, no que participaran tanto nenos como adultos.
Martes día 12:
Proxectarase unha película infantil ás 17:30 h e despois celebraranse os campionatos de chinchimoni e escoba.
Mércores día 13:
Hai un taller de modelaxe con barro programado para as 17:30 h e a partir das 19:30 h celebraranse os campionatos de dominó e parchís.
Xoves día 14: Iniciaremos as actividades deste día cun taller infantil de galletas artesanais dirixido por José Ricardo Pravio (Peli) e continuaremos cos campionatos de tute e damas.
Venres día 15: Pola tarde, ás 17:30 h actuará Brais das Hortas co espectáculo “Contos para caghar patatillas”. Seguidamente, celebrarase o campionato de futbolín para adultos. A iso das 21:00 h temos o concurso de postres que posteriormente serán degustados por todos os asistentes. Logo, pelaremos as castañas e haberá chocolate para todos os participantes. Todo elo estará animado por un grupo de música tradicional. Anímase aos asistentes a traer os seus instrumentos para unirse á festa e montar unha gran foliada.
Sábado día 16:
O sábado é o día grande da Semana Cultural, comezando ás 10:00 h un “Roteiro polo noso patrimonio”, cun percorrido circular de 3 h de duración con saída do Centro Cultural de Pedornes e que pasará polos castros do Castro e do Crasto e os gravados rupestres do Alto do Visiño, Auga dos Cebros e A Pousadela. De seguido, temos un obradoiro de inoculación de micelio en troncos para o cultivo de cogomelos, no eirado de Pedornes, dirixido por Xoan Lois Vila.
A quenda de tarde comeza ás 17:00 cos campionatos de tenis de mesa e de futbolín infantís (inscrición o venres pola tarde) e tamén haberá un inchable.
Ás 18:30, Marta Pombal impartirá unha charla-taller de primeiros auxilios e a continuación o grupo de teatro FMEC Producións representará a obra “O Xardín de Vila Gris”.
A iso das 21:00 h terá lugar a XL Festa do Magosto, con castañas asadas, viño tinto do ano e refrescos, todo elo totalmente gratis. O Magosto estará amenizado por Roberto Caco.
Ás 22:00 h, aproximadamente, realizarase a entrega de premios aos gañadores de todos os campionatos e celebrarase o sorteo das 14 cestas de produtos variadas elaboradas nesta edición. Ademais, haberá algúns sorteos sorpresa máis.
Domingo día 17:
O último día, o grupo de teatro afeccionado local “As dez patas do banco” representará a obra titulada “Onde andará?”. A continuación, proxectarase o audiovisual “OS CURROS DA GROBA, entre liberdade e ritual”, con fotografías de Ana Belén Jarrín e deseño musical e sonoro de Nacho Álvarez. As actividades rematarán coa conferencia impartida por Manuel A. Pombal (Peque) titulada “Como realizar unha árbore xenealóxica familiar”.
Durante toda a semana haberá servizo de cantina e tamén unha gran carpa cubrindo o terreiro da festa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario