11 de nov. de 2024

TOMIÑO

O GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE CRITICA A DEMAGOXIA E AMBIGÜEDADE DO PP, ASÍ COMO O DESLEIXO DO GOBERNO NACIONALISTA, EN MATERIA DO SANEAMENTO EN TOMIÑO  


Concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño 

Infogauda / Tomiño

 O Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño amosa o seu firme compromiso coa extensión do saneamento no municipio tomiñés, porque - como refire Violeta de Santiago, voceira do devandito grupo - é obrigado por lei, porque é unha necesidade para a igualdade da veciñanza viva onde viva; porque é unha prioridade para o medio ambiente; e porque é unha demanda clamorosa, constante e recurrente da cidadanía tomiñesa que carece deste servizo básico e fundamental para o benestar e para fixar poboación.

 As concelleiras do PSdeG-PSOE critican a deixadez absoluta na xestión desta cuestión crucial para as persoas, por parte do Goberno nacionalista, que se escuda  sempre na extensión e dispersión do noso territorio e son incapaces de presentar nin un so proxecto ante a Unión Europea, que conta con recursos dabondo para este fin.  

 As socialistas móstranse sorprendidas ante a moción presentada polo PP ó pleno extraordinario a celebrar este luns día 11, na que solicitan un “proxecto de extensión e construcción do saneamento polas parroquias do rural” para presentar ante a Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria. 

 Violeta de Santiago refire tamén: O Partido Popular debería saber que nese Plan, financiado ao 100% polo Goberno do Estado, tan so son subvencionables proxectos únicos e continuistas, é decir, proxectos a executar nun mesmo territorio, polo que extender e crear saneamento polas parroquias do rural é pura demagoxia pois non se contempla nas bases do citado plan.  

 Por outra banda, as concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE critican tamén o ínfimo prazo para presentar os proxectos, tan so un mes, cando o anterior Goberno presidido por Carmela Silva otorgaba o dobre de tempo para garantizar que todos os concellos poidesen optar ás subvencións e alertan da posibilidade de que algúns gobernos afíns poidan dispor de información privilexiada antes da publicación no BOP, logo do manifestado no propio pleno por unha deputada, e que polo tanto dificulte o acceso igualitario ao ser un proceso por concorrencia competitiva.   

 Por último, a voceira socialista aconsella ó Partido Popular de Tomiño que presione á Xunta de Galicia para que desconxele o fondo de cooperación local para poder optar a fondos para saneamento e para que invista no colector xeral de Sobrada, unha infraestructura imprescindible para poder implantar e avanzar co saneamento no norte de Tomiño, que estaba comprometido polo Goberno de Touriño pero que coa chegada de Feijóo á Presidencia quedou esquecido nun caixón e que segue sen consignación nos orzamentos xerais para o ano 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario