28 de ago. de 2024

TUI

Unha ducia de actividades enchen o “Setembro Xudeu” en Tui 

Con visitas guiadas, conferencias, exposicións, música e ruta de tapas 


Presentación da programación do “Setembro Xudeu”, en Tui
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 Tui é a única cidade da provincia integrada na Red de Juderías de España e no itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” O mes de setembro en Tui estará centrado nas actividades programadas para a posta en valor do patrimonio que atesoura esta localidade en relación coa presenza de comunidades xudías e criptoxudías ao longo dos séculos nesta histórica cidade.  

 A celebración, en 35 países de toda Europa, na primeira fin de semana de setembro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía - que Tui celebra dende o ano 2006 - é a oportunidade para un amplo programa de actividades que percorren todo o mes.  

 Visitas guiadas tematizadas, conferencias, exposicións, xogo de escapismo, concerto de música sefardí, as xornadas gastronómicas sefardís centradas neste ano nunha ruta de tapas de bacallau,..., son as ofertas que o Concello de Tui programa para este “Setembro xudeu” co obxectivo de poñer en valor a importancia da herdanza da cultura xudía e o seu patrimonio.  

 Cada ano se selecciona unha temática central que serve como punto focal para debates, actuacións e diversas actividades culturais. En 2024, o tema central das Xornadas Europeas da Cultura Xudía será “Familia”, un concepto co que a Rede de Xuderías -da que Tui forma parte dende 2019- quere mostrar como o proxecto común de recuperación do legado xudeu que comparten as súas 21 cidades é entendido como a extensión dunha gran familia que traballa unida nun proxecto profundamente enraizado e que crece e florece arredor da cultura e o patrimonio.  

 Ao longo de todo o mes de setembro colocarase na praza do Concello e na Oficina de Turismo unha gran árbore que simboliza a unión e o crecemento das cidades que forman parte da Rede, propoñendo á veciñanza e visitantes formar parte das Xornadas cunha sinxela actividade dotada de premios. 

 Para iso, os participantes deberán facerse unha foto xunto á árbore, e subila a Instagram etiquetando á conta da Rede de Xuderías nesta rede social (@redjuderias). Entre todas as fotos, sortearanse exemplares das publicacións da Rede de Xuderías que rescatan o patrimonio material e inmaterial desta herdanza (“Ciudades de Sefarad”, “Sabores de Sefarad” e “Gastrosimbología”).  

 Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, a celebración deste “Setembro xudeu” reúne un amplo abano de ofertas e actividades para todos os públicos que nos achegan ao coñecemento do legado xudeu na nosa cidade que conforma un interesante capítulo da historia tudense. Cabe lembrar, engade a concelleira, que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).  

 Ana María Núñez destaca, xunto ás visitas teatralizadas, a presentación do libro e exposición de Vilma Faingezicht - que chega dende Costa Rica -; a conferencia de Israel Doncel, director de comunicación de Casa Sefarad; o concerto do dúo “Terra sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”; o xogo de escape ou a nova oferta das xornadas gastronómicas sefardís cunha ruta de tapas de bacallau en oito establecementos da nosa localidade.  

PROGRAMA 

Todo o mes de setembro 

Sesión fotográfica Xornada Europea da Cultura Xudía – Familia. 

Situado en Praza do Concello e Oficina de Turismo. 

Xogo de espismo, descarga mediante QR na Oficina Municipal de Turismo. 

Xornadas gastronómicas sefardís: ruta de tapas de bacallau. 

Domingo, 1 de setembro 

11,30 h.: Visita guiada “As familias xudías de Tui”. 

Guiada polo historiador Suso Vila. 

Inicio no lavadoiro de Riomuiños. 

Luns, 2 setembro 

20,00 h.. Presentación do libro  “Una judía en el Camino de Santiago”,  de Vilma Faingezicht.

Exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” de Vilma Faingezicht. 

Exposición “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”. Comisario Suso Vila. Sala Municipal de Exposicións – Edificio Francisco Sánchez. 

Venres 6 de setembro 

19,30 h.Conferencia “El mundo judío comunicado a través del arte”. Israel Doncel, director de comunicación de Casa Sefarad. 

Sala Municipal de Exposicións – Edificio Francisco Sánchez. 

Sábado, 7 desetembro 

22,00 h. Visita guiada nocturna con degustación de viño kosher. 

Inicio Oficina Municipal de Turismo. 

Domingo, 8 de setembro 

11,30 h. Visita guiada con momento musical. 

Inicio Oficina Municipal de Turismo. 

Domingo, 15 de setembro

11,30 h. Vista teatralizada ao patrimonio xudío. 

Inicio Oficina Municipal de Turismo. 

Domingo 22 desetembro

11,30 h. Visita guiada “Presenzas xudías na catedral de Tui”, con José Ramón Fernández Fernández. 

Inicio: Portada da Catedral de Tui. 

20,00 h.: Concerto do dúo “Terra sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”. 

Igrexa gótica de san Domingos, de Tui. 

Sábado 28 desetembro

18,00 h. Xogo de escapismo “A comunidade xudía de Tui”. 

Inicio Oficina Municipal de Turismo.

Domingo 29 de setembro

18,00 h. Visita guiada ao Tui xudeu. 

Inicio na Oficina Municipal de Turismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario