23 de ago. de 2024

A GUARDA

A Deputación trai este sábado á Guarda unha actuación de Bruxo Queiman no marco do programa +Música 

O concerto financiado pola institución provincial terá lugar a partir das 21:00 horas no auditorio a ceo aberto de san Bieito   


O espectáculo, baixo o nome de “Queiman Folki”, concíbese como unha mostra da terra galega onde se mestura o tradicional conxuro coa exaltación da terra e do mar, do Camiño de Santiago e do conxunto do folclore galego

Foto: D.PO.

Infogauda / A Guarda

 A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Bruxo Queiman e as Bruxas-Peregrinas que se celebrará este sábado 24 de agosto a partir das 21:00 horas no auditorio a ceo aberto de san Bieito, de A Guarda. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.  

 O espectáculo, baixo o nome de “Queiman Folki”, concíbese como unha mostra da terra galega onde se mestura o tradicional conxuro coa exaltación da terra e do mar, do Camiño de Santiago e do conxunto do folclore galego. No espectáculo, a personaxe do peregrino emprende o Camiño para se encontrar co seu ser interior, e na escuridade da noite dará paso ao ritual no que se romperá o silencio para invocar os espíritos e libralo do mal a través da cerimonia da queimada. A proposta escénica, ademais de música de estilo folk-celta, conta con danza, pirotecnia e lume.  

 O concerto de Bruxo Queiman é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario