15 de ago. de 2024

PATRIMONIO

A Xunta de Galicia lanza unha campaña para concienciar a cidadanía da importancia de coidar o patrimonio 

O obxectivo desta acción é fomentar a sensibilización, impulsar o coñecemento dos bens e incentivar boas prácticas e iniciativas de preservación


Igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia lanza a campaña Que siga contando a nosa historia coa que o Goberno galego busca fomentar a sensibilización cidadá sobre a importancia do coidado do patrimonio cultural da Comunidade autónoma. Deste xeito, preténdese reivindicar o inmenso valor que ten na configuración da nosa historia e identidade para as xeracións actuais e futuras.

 O obxectivo desta acción da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é fomentar a concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións. Para iso, a Administración autonómica elixe seis bens patrimoniais da Comunidade, entre os que se inclúe algún con máis de 400 séculos de historia, que representan a gran riqueza patrimonial de todo o territorio con exemplos de diferentes tipoloxías, estilos, épocas e zonas. 

 En concreto, a campaña Que siga contando a nosa historia difunde imaxes de bens como o mosteiro de Santa María de Oia e a catedral de Santa María de Tui, en Pontevedra; o convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón (A Coruña); e o santuario das Ermidas no Bolo (Ourense). De igual xeito, tamén se difunde a relevancia para o noso patrimonio da Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo) e do campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes (A Coruña). 

 Deste xeito, o departamento que dirixe José López Campos procura trasladarlle á cidadanía un recordatorio dos anos e séculos que levan estes elementos entre nós axudando a construír a identidade de Galicia como pobo. Ao poñelos en valor, a campaña fai un chamamento á responsabilidade colectiva para impulsar a sensibilización e evitar comportamentos incívicos que, aínda que son illados, poden danar o noso patrimonio cultural, que conta en total con 781 Bens de Interese Cultural (BIC), así como milleiros de bens catalogados. 

Continuidade á campaña Por outros tantos máis

 Coa campaña Que siga contando a nosa historia tamén se quere trasladar aos galegos e ás galegas que a conservación do patrimonio é unha tarefa compartida que require tamén dun esforzo conxunto da sociedade.

 Precisamente, esta campaña dá continuidade á Por outros tantos máis, que se puxo en marcha por estas datas o pasado ano, difundindo o valor e protección de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o santuario de Santo Andrés de Teixido, en Cedeira; a Muralla romana de Lugo, ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga, en Castro Rei; os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, de Campo Lameiro; os Muíños do Folón e do Picón, no Rosal; ou a igrexa da Veracruz, no Carballiño. 

 Estas campañas encádranse no esforzo feito ao longo dos últimos anos para protexer, poñer en valor en divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo de orgullo, identidade e riqueza para o país. Consecuentemente, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén unha política decidida a favor da salvagarda dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico Galicia a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos.  

 Así o reflicten os máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou as intervencións aprobadas no último Consello da Xunta para actuar durante 2024 e 2025 en sete igrexas cun investimento de case 850.000€. Neste caso en concreto, o obxecto é levar a cabo actuacións de protección, conservación e rehabilitación na colexiata de Santa María do Campo, na Coruña, e nas igrexas de Bugallido, en Ames; de Santa Cristina de Fecha, en Santiago; de Santiago do Deán, na Pobra do Caramiñal; de Luou en Teo; e na de San Martiño de Rodís, en Cerdeda. Ademais, tamén se levarán a cabo traballos de protección e reparación da igrexa de Santalla de Rebordaos, no Saviñao (Lugo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario