15 de ago. de 2024

TUI

A ribeira de Caldelas acollerá o IV Rocha Folk 

Actuarán as bandas de gaitas Templarios del Oza, Amigos do Bombinho, Lembranzas da Terra e a Ínsua. Amais haberá concertos de Os Melidaos, Pärbo, As Pituquiñas e Tanto no ten. 




Infogauda / Tui

 A ribeira de Caldelas acollerá mañá venres 16 e sábado 17 de agosto o IV Rocha Folk, organizado pola Asociación Cultural A Ínsua, dentro da súa Semana Cultural, e no que colabora o Concello de Tui. Este evento forma parte da programación “Tui, verán na rúa”. Serán dúas xornadas nas que a música e neste espazo natural privilexiado á beira do Miño atraerán a centos de persoas.  

 O programa do IV Rocha Folk, Festival Folk Internacional, ábrese mañá venres ás 21 h, no exterior do Hotel Balneario, coa actuación das pandereiteiras “As Pituquiñas”, da Asociación Cultural Santa Columba. Ás 22 h, xa na ribeira, comezará o pasacalles e actuación, da Banda de Gaitas Lembranzas da Terra, de Guillarei, e a continuación estarán en concerto Os Melidaos, que este ano foron galardoados co Premio Martín Codax, na categoría de Música tradicional.  

 O sábado abrirá a programación prevista a Banda de Gaitas Templarios del Oza de Toral de Merayo, do Bierzo, cun pasacalles e sesión vermú. Ás 19.30 h está previsto un pasacalles da Agrupación de Bombos Amigos do Bombinho, de Fontoura (Portugal).  

 Ás 20.30 h, na capela do Carmen, o dúo Pärbo, formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, ofrecerá un concerto.   

 Ás 21.30 h haberá un pasacalles da Agrupación de Bombos Amigos do Bombinho, de Fontoura, con posterior concerto desta agrupación; da Banda de Gaitas Templarios del Oza; e da Banda de Gaitas A Ínsua de Caldelas.  

 Pechará o IV Rocha Folk o grupo Tanto nos Ten.  

 Deste xeito concluíran dúas xornadas nas que a música será a gran protagonista na ribeira da Caldelas, pero tamén no Hotel Balneario e na capela do Carme. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario