14 de ago. de 2024

A GUARDA

AS MULLERES PARTICIPARÁN NO XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA

 Despois de moitas décadas, esa conmemoración, con 669 anos de antigüidade,  voltará a ser mixta

Imaxe de Santa Trega que se venera na ermida do monte que leva o nome da mártir de Iconio
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 As  mulleres poderán volver participar na celebración de Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega. Esa nova situación non debería ser noticia, se o relato e a decisión que no seu día as apartou desa tradición non se houbesen producido. As mulleres nunca deberon ser excluídas. Nunca. Pero fórono. 

 "(...) Debemos recordar a los lectores que los cultos de este VOTO tienen la característica de que a ellos solo concurren hombres, con la absoluta exclusión de mujeres, lo cual da a estos actos una nota emocionante de gravedad, silencio y recogimiento edificantes (...)", afirmou don Juan Domínguez Fontela (A Guarda, 8-X-1869 - Santiago de Compostela, 11-III-1942), no semanario local "Presente", correspondente a xullo/agosto de 1937.
 
 Compre relembrar que Domínguez Fontela foi coéngo nas catedrais de Burgos, Ourense e Tui; profesor da Universidade Pontificia; académico de número da Real Academia Galega; correspondente da Real Academia da Historia; arqueólogo, historiador, investigador, autor de numerosos artigos en prensa (Faro de Vigo, La Región, La Voz del Tecla,...), así como dos libros Autobiografía del Padre Sarmiento, baseada nunha copia de frei José Goyanes; Tratado de Albeitería de Jordán Rubio de Calabria (século XIII); e Transcrición paleográfica dunha versión galega do século XV. Nuestra guerra con Portugal en el siglo XVIII;...
 
 Agora, grazas á iniciativa do presidente da Irmandade do Clamor, e a súa vez, párroco de Santa María de A Guarda, Juan José Estévez González, as mulleres voltarán a estar en pé de igualdade cos homes, no Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega. Dese xeito, rectifícase unha anómala situación, que nunca debeu producirse, e as donas voltarán a participar nesa antiquísima tradición, do mesmo xeito que viñérono facendo os varóns.

Irmandade do Clamor

 A Irmandade do Clamor, cuxa existencia conta con 884 anos, xa que foi formalmente establecida no ano 1140  (e súas constitucións aprobounas o bispo de Tui D. Paio Menéndez nese mesmo ano); organiza cada ano, na ermida de Santa Trega, catro celebracións: a do Luns de Pentecostés, adicada ao Espírito Santo e á Virxe do Mar; o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega (que orixinariamente tiña lugar o luns infraoctavo da Asunción, e que desde fai moitos anos está sendo no último sábado de agosto); a festividade de Santa Trega, o 23 de setembro, e a de San Estevo, o 26 de decembro.

 Polo seu carácter, destaca sobre todas elas, O Voto a Santa Trega, unha tradición que provén do ano 1355 - que segundo o Chronicon Conimbricense (un manuscrito contendo textos analíticos redactados no mosteiro de Santa Cruz, de Coimbra, a finais do século XII) "este foi o anno mais seco que os homens viron" -, e ao que viñan asistindo únicamente homes.  

 Segundo a tradición, o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega ten relación directa cunha seca que se padeceu na comarca do Baixo Miño durante sete anos. Iso trouxo aparellada diversas epidemias que produciron desolación e miseria. No libro de San Isidoro, de Caminha, está documentado que a auga foi racionada. 

O último sábado de agosto celebrarase o Voto a Santa Trega 

 A aparición de Santa Trega e as posteriores rogativas e actos de penitencia, foron o inicio do Voto a Santa Trega. A tradición rememorarase un ano máis, o sábado día 31 de agosto, a partires das 20:30 h., en que as mulleres - despois de moitas décadas sen poder participar, por decisión clerical - e homes de sete das parroquias (Santa María de A Guarda, San Lourenzo de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras) do arciprestado de A Guarda, precedidos por unha cruz procesional, partirán con carácter penitencial desde o parque do Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, un dos cumes do monte Santa Trega. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de San Pablo e primeira mártir do cristianismo, rezarase o santo rosario e o vía crucis meditado. 

 A entrada no atrio da ermida efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do Clamor. A continuación o actual presidente da Irmandade do Clamor, procederá a celebración eucarística. Rematada ésta, efectuará - en latín - a beizón do pan. 

 "(...) Aínda que inicialmente o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega - dixo nunha edición precedente do Voto, o párroco de Camposancos e de San Xoán de Tabagón, Ángel Soliño Fernández -, duraba tres días e desde fai moitos anos, reduciuse a súa duración, dado que comeza á tardiña do último sábado de agosto e conclúen os actos antes de medianoite; sí se mantén a bendición do pan, como recordo do xexún que efectuaban os nosos devanceiros. Sei que algúns de vós pasaredes a noite soamente con pan e auga". 

 Logo do canto do Veni Creator Spiritus (himno cristián en latín, que invoca ao Espírito Santo, cuxo texto atribúese a san Rábano Mauro, douto monxe do século IX) coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe outros particulares - "(...) Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrie eleison, (...)" -, darase a coñecer o novo presidente e o capelán da Misa da Alba.  

 A continuación, o presidente da Irmandade do Clamor mostrará o relicario de Santa Trega (que contén unha reliquia da santa, concedida polo arcebispo de Tarragona, o 1º de agosto de 1950, ao bispo da diócese Tui-Vigo, frei José López Ortiz, quen a entregou o 31 de agosto dese ano a Agustín Nandín Lomba, crego guardés que foi prior da Irmandade do Clamor). Relicario que ata antes da pandemia da Covid-19 viña sendo bicado polos devotos. Simultáneamente efectuarase a repartición dos pans, dando así por rematados - ao redor das 23:00 h. - os actos do Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o século XIV, e que por causa da devandita pandemia non se celebrou nos anos 2020 e 2021.  

Santa Trega: avogosa da cabeza e do corazón     

  Ademais do relicario, que se viña dando a bicar aos fieis nas catro celebracións ás que antes nos referiamos, tamén existe un relicario do Lignum Crucis (fragmento da Cruz na que foi crucificado Xesucristo, doado por frei Rosendo Salvado Rotea, monxe bieito - que foi bispo de New Norcia  (Australia)  - moi relacionado co convento da Transfiguración do Señor, de A Guarda), onde seu irmán Miguel de los Santos Salvado Rotea (Tui, 6 de xullo de 1811 – A Guarda, 17 de abril de 1894), sacerdote e fotógrafo, foi capelán. 


 Relicarios do Lignum Crucis e de Santa Trega

 Ao longo de todo o ano, numerosos devotos procedentes de diversos países, acuden ao santuario do Monte Santa Trega, e depositan aos pés da imaxe da protomártir Santa Trega, centos de exvotos - maioritariamente fotografías tamaño carné, que se van incorporando a álbums -, así como esmolas en metálico, agradecendo ou pregando a intercesión da santa, que está considerada avogosa das doenzas da cabeza e do corazón, e patroa dos ermitáns.

 Ademáis dos guardeses e veciños da comarca do Baixo Miño, os pescadores de Póvoa de Varzim son moi devotos da protomártir Santa Trega, como quedou acreditado na antiga porta da ermida da santa, onde deixaron gravadas súas marcas, ademáis doutros lugares dos que temos constancia, como ainda pode comprobarse a día de hoxe. Aquela porta, infortunadamente perdeuse, máis hai documentos gráficos que acreditan á presenza das marcas poveiras na porta principal do santuario. En todo caso, A Guarda - que na cidade de Póvoa de Varzim conta cunha rúa que leva o topónimo do noso concello - erixiu unha estela de pedra, situada a carón da ermida do Trega, cunha praca conmemorativa que leva o seguinte texto:   

MARCAS POVEIRAS 

HOMENAXE A PÓVOA DE VARZIM 

23-9-1991     

 A festividade de Santa Trega - padroeira do arciprestado de A Guarda - celébrase cada 23 de setembro. Unha data na que logo de moitos anos en que as mulleres de A Guarda - especialmente as da Marina (como se dí empregando o localismo guardés) -, foron quen souberon manter a devoción e a tradición; desde fai varias décadas, toda a poboación guardesa participa de forma activa nas celebracións eclesiásticas, na solemne procesión e na "poxa dos froitos", así como na romaría tradicional que afortunadamente - e que sexa por moitos anos -, aínda conserva a súa esencia tradicional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario