22 de ago. de 2024

O ROSAL

O Festival de Músicos Xoves e o Encontro de Corais pechan un agosto cargado de música no Rosal  

Estes eventos terán lugar o sábado 24 e o domingo 25, respectivamente 

 


Infogauda / O Rosal 

 A música non deixou de soar no Rosal este verán, polo que esta época cargada de concertos non podía pechar doutra forma que coa celebración da XXXIII edición do Festival Músicos Xoves, cos seus respectivos encontros de bandas e corais. 

 Este veterano evento, busca servir de punto de encontro para músicos de diferentes territorios, e está organizado pola Agrupación Musical do Rosal, en colaboración co Concello do Rosal, coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal e coa Fundación O Rosal. 

 A primeira das citas, o Encontro de Bandas, terá como escenario a praza do Calvario, e dará comezo ás 20.30h do sábado. Nela reuniranse a Agrupación Musical de Goián e a Banda Municipal de Caldas de Reis, que acaba de acadar o primeiro premio na segunda sección do Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia”. Pola súa parte, a Banda da Agrupación Musical do Rosal será a encargada de pechar a xornada cun programa que servirá de preparación para o XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares que terá lugar en Pontevedra, no vindeiro outubro. 

 Cabe destacar que, en caso de choiva, o Encontro de Bandas será trasladado ao Auditorio Municipal. 

 Xa o domingo, terá lugar o Encontro de Corais, e será nesta ocasión a igrexa de Santa Mariña a encargada de acoller ás voces das tres agrupacións participantes. Nesta ocasión, poderase gozar da Coral Polifónica de Vila Praia de Áncora (Portugal), o Coro Xuvenil Sauti Yangu Tu, de Guntín (Lugo) e da Coral da Agrupación Musical do Rosal, que actuará en casa nun evento que dará comezo ás 20.00h. 

 Ambas actividades serán abertas ao público e de balde, reafirmando así o compromiso existente no Rosal pola cultura accesible e ao alcance da veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario