22 de ago. de 2024

VIGO

O Consorcio Casco Vello de Vigo suma a compra dun novo edificio para continuar coa recuperación do Berbés 

A delegada territorial da Xunta de Galicia, e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, anuncia a adquisición de Ribeira do Berbés, 27, co que xa son once os inmobles comprados polo consorcio


A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, diante do edificio do Berbés obxecto de adquisición
Foto: X.G.


Infogauda / Vigo 

 A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, anunciou este xoves a adquisición dun novo edificio do Berbés para continuar coa recuperación do emblemático barrio vigués. 

 O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, aprobou a compra do inmoble situado no número 27 da Ribeira do Berbés, tamén con saída a rúa Poboadores, por un importe de 324.280 euros (IVE incluído). Trátase dunha casa composta de planta baixa e tres pisos cunha superficie construída de 209,94 m2 e cun patio na súa parte posterior no que existe un pozo de auga potable. 

 A nova rehabilitación permitirá construír novas vivendas no barrio do Berbés, onde o CCVV xa adquiriu outros dez edificios permitindo a creación ata este momento de seis vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación. “Estamos a cumprir cunha das prioridades da Xunta que é facilitar o acceso á vivenda aos vigueses”, sinalou a representante autonómica. 

 O pasado mes de xullo xa foi adxudicada a reforma do edificio situado no número 39 da Ribeira do Berbés, con saída ao número 2 da rúa San Francisco, por un importe de 498.844,13 euros. Ás seis vivendas xa construídas, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse tamén as dúas do número 39. 

 Outros catro edificios foron cedidos polo Consorcio para a creación da sede urbana da Universidade de Vigo (na agrupación dos números 11, 13 e 15) e do Albergue de Peregrinos de Vigo, promovido pola Xunta de Galicia, no número 5. O Consorcio adquiriu tamén o edificio situado no número 7, pendente aínda de rehabilitación. 

 O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do PAIF do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario