O persoal das ITV galegas acorda convocar folga para o vindeiro 6 de setembro
Denuncian que non houbo ningún contacto, nin coa Xunta, nin coa empresa
Infogauda / Compostela
O persoal das ITV galegas acordou onte luns, en asemblea, convocar unha xornada de folga, tanto nas estacións fixas como nas móbiles, para o venres día 6 de setembro. Coincidindo co paro teñen prevista unha concentración, ás 11:30 horas, diante da Xunta de Galiza.
O persoal denuncia que non houbo contacto algún nin coa Xunta, nin coa concesionaria, SyC Applus desde que iniciaron as protestas. Lembran que esta empresa ten a concesión das estacións galegas da Inspección Técnica de Vehículos desde o ano 1987. Denuncian que malia terlle demandado en varias ocasións o prego de condicións para coñecer exactamente os termos das mesmas, nin a administración pública galega, nin a empresa os facilita. Por iso levarán as súas protestas ao edificio administrativo de San Caetano.
As xornadas de folga convocadas até o de agora, a última o pasado sábado, foron secundadas de forma masiva polo persoal, o que obrigou a pechar as instalacións dos servizos de inspección en toda Galiza. Por iso reclaman que empresa e Xunta reaccionen xa que, logo de máis de 13 xuntanzas para a negociación do convenio colectivo, non houbo ningún tipo de achegamento. Por iso advirten que, de continuar sen contacto nin avance algún, non descartan endurecer as súas posicións e mesmo convocar folga indefinida.
Os traballadores e traballadoras das ITV, que son un servizo público dependente da Xunta de Galiza aseguran que xa rebaixaron as súas pretensións para tratar de achegar posturas e facilitar o proceso de negociación. Un paso fronte o que a empresa permaneceu “inmóbil”, sen apenas variar a súa proposta inicial.
Salarios conxelados
Denuncian que malia a empresa actualizar as tarifas ás persoas usuarias do servizo e de conseguir uns beneficios que só en Galiza ascenden aos 22 millóns de euros, as traballadoras e traballadores teñen os salarios conxelados. Beneficios que se suman aos que esta compañía obtén polas concesións das ITV que ten noutras comunidades e coa súa presenza en 70 países. Por iso exixen unha mellora salarial e unhas condicións laborais dignas.
Os principais atrancos na negociación seguen a ser cuestións referentes á xornada e aos días de libre disposición; avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave, que chegan aos 500 euros ao mes; así como igualar o plus quenda que varía segundo a categoría, percibindo as categorías máis baixas contías económicas inferiores.
Outras reivindicacións pasan por mellorar as licenzas e o complemento de IT por continxencias comúns do 90% dende o primeiro día, melloras nas vacacións ou mellorar as condicións do persoal desprazado nas ITV móbiles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario