13 de ago. de 2024

DEPORTES

PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS, SEGUNDO MELLOR CLUB NA IV COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE  SLÁLOM EN DUMBRÍA 

O Club Deportivo Miño acudiu con un gran equipo formado por quince nenos e nenas
 

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera 

 Seguen as competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom, nesta ocasión no concello de Dumbría, no campo de slálom do Couquiño, celebrouse este sábado a cuarta competición da Copa Galega de Promoción de Slálom. A finalidade destas competicións é a promoción deste deporte e fomentar a actividade física entre os máis novos. O Club Deportivo Miño acudiu con un gran equipo formado por quince nenos e nenas. Todos eles fixeron dúas baixadas do circuíto, contando a mellor das dúas para determinar a súa posición final. 

 Abriu a competición Nerea Álvarez, en C1 Infantil. A  única representante do club en canoa, rema de xeonllos e cunha soa folla na pa, acadou o cuarto lugar, a centésimas de segundo de acadar a medalla de bronce.   

 O resto de representantes  competiron en K1 onde se rema sentado e con dúas follas na pa.   

 O K1 Infantil Masculino, tivo moita representación do club; Iván Cruz rematou cuarto, Izan Vicente, sexto, Alejandro Barreiro, sétimo, Leo Álvarez, noveno e Xián Pérez décimo. 

 En K1 Benxamín Masculino, Roque Olveira foi o gañador da proba, conseguindo unha medalla de ouro, e o seu compañeiro Brais Vicente quinto. 

 En K1 Alevín Masculino, Lois Montenegro acadou a medalla de bronce e Martín Vicente foi sétimo.   
  
 En K1 Infantil Feminino, Leila Álvarez conseguiu a medalla de prata ao rematar segunda, Nerea Álvarez foi cuarta, Catalina Sánchez sétima e Beatriz Sánchez oitava.








 En K1 Alevín Feminino, Rita Olveira gañou con claridade, acadando a medalla de ouro.  

 En K1 Prebenxamín Feminino, a teixuguiña máis nova, Iria Álvarez, tamén acadou a medalla de ouro.   



 Bo balance para os Teixugos a nivel de podios con tres ouros unha prata e un bronce. Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño -Teixugos, rematou segundo cun total de 206 puntos por detrás do Montaña Quixós con 253 e diante do Club Tea de Mondariz con 146.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario