15 de xul. de 2024

O ROSAL

Máis de 200 persoas superan entre viñedos do Rosal, un novo desafío de Eureka Reto Rural 

O equipo ‘Tanedo’, o máis rápido en rematar o xogo, gañou unha ruta en caiac ata San Simón, con experiencia intermareal, observación de aves, e comida no Restaurante Casa Chano en Redondela  

A vindeira cita será o sábado 20 de xullo en Tomiño. Inscricións xa  abertas na web 

 

Máis de 200 persoas aceptaron unha nova proba de ‘Eureka Reto Rural’ para desfrutar no Rosal dunha experiencia única que combinou diversión e aprendizaxe sobre a tradición vitivinícola rosaleira


Infogauda / O Rosal  

 Desafío entre viñedos superado. Máis de 200 persoas aceptaron unha nova proba de ‘Eureka Reto Rural’ para desfrutar no Rosal dunha experiencia única que combinou diversión e aprendizaxe sobre a tradición vitivinícola rosaleira. Unha actividade interactiva, divertida e orixinal pensada para toda a familia coa que EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúan a desvelar os segredos do territorio e que neste caso e aproveitando a celebración da XXXII Feira do Viño do Rosal levou a todas e todos os participantes a resolver pistas e desafíos relacionados co proceso de produción do viño. 







  

 O equipo ‘Tanedo’ foi o gañador do xogo de escapismo, polo que poderá desfrutar dunha ruta en caiac ata San Simón, con experiencia intermareal, observación de aves, e unha comida no Restaurante Casa Chano. de Redondela para seis persoas. Por outra banda, ‘Aliens’, ‘LNeRodri’ e ‘Lapandi’ foron os gañadores dos lotes de produtos locais da tenda Paquín, especializada en produtos típicos galegos e das Rías Baixas, mentres que ‘Las Bebedoras’ e ‘HugoP’ gañaron prazas para desfrutar da cata de viños a cargo de Marina Cruces, na Feira do Viño do Rosal.  

 As persoas que non puideron asistir esta fin de semana á cita no Rosal poderán igualmente desfrutar do xogo de escapismo de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. 

 ‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 20 de xullo ás 20.00 horas en Tomiño co ‘Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago’ como temática central. 

 As persoas que desexen participar en calquera dos xogos de escapismo deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario