O Concello de A Guarda asinou un convenio de colaboración con Acougo
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda asinou un convenio de colaboración con Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida. “O obxectivo é fomentar programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores, así como medidas específicas para o acollemento familiar.
Con esta colaboración preténdese crear novas oportunidades de formación e sensibilización tanto para profesionais no sector como para novas familias locais interesadas no acollemento familiar”, indican desde o Goberno municipal.
Pola súa parte, as representantes de Acougo, referiron que “esta entidade defende como obxectivo principal da súa acción o achegar á sociedade a realidade dos nenos e nenas en situación de desprotección e, a partir de aí, tratar coas familias acolledoras ou potencialmente acolledoras para ofrecer a preparación, a orientación, o acompañamento e o apoio para dotalas de competencias no manexo das dificultades e necesidades específicas dos menores acollidos.”
Finalmente, desde o executivo local relembraron que “un primeiro paso para dar a coñecer o labor desta asociación na Guarda, foi a súa participación na V Mostra Asociativa no pasado mes de setembro, onde moitos descubriron a importante acción social de Acougo.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario