15 de xul. de 2024

O ROSAL

Contacontos ilustrado para mergullarse no Rosal, na historia da escritora Luísa Villalta    

Será da man de Polo Correo do Vento este martes 16 de xullo ás 12:30 horas no auditorio municipal de balde  




Infogauda / O Rosal  

 O Rosal prepárase para mergullar aos máis pequenos e pequenas na historia da escritora Luísa Villalta. Será este martes, 16 de xullo, ás 12:30 horas no auditorio municipal do Rosal, con entrada de balde; con  Tinta do Mar’, un contacontos ilustrado co que festexar as Letras Galegas e divulgar a biografía e traxectoria da autora homenaxeada neste 2024.  

 Polo Correo do Vento será o encargado de facer desfrutar á cativada cunha proposta na que alternará a narración da vida de Luísa Villalta coa creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, o espectáculo contará coa interpretación de distintas pezas musicais e se pechará cun pequeno coloquio adaptado a idade da rapazada participantes e cun taller no que cada persoa asistente poderá realizar a súa propia caricatura da escritora.  

 Dende o Concello convidan a toda a rapazada a participar neste encontro co que se busca dar a coñecer a figura de Villalta, escritora, filóloga e violinista á que a Real Academia Galega (RAG) dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Escritora de poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, a RAG destaca dela que foi unha creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeu na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario