ANABAM: FAUNA ATROPELADA NO BAIXO MIÑO
Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) / A Guarda
Outubro marca, polo xeral, a chegada das chuvias, pero tamén marca o comezo dos desprazamentos de varias especies de anfibios (píntegas e sapos) nas estradas baixomiñotas, pois normalmente as condicións de humidade, provocada polas chuvias, e de temperatura, non chegaron os fríos, son as axeitadas para a mobilidade destes seres.
Un dos puntos negros para as píntegas é a estrada A Guarda-Camposancos, onden cada tempada (de outubro a mediados de decembro) máis dun cento de exemplares adoitan ser vítimas de atropelos. E xa comezamos co noso fatídico reconto. Este pasado domingo (06/10/2024) rexistramos as 4 primeiras mortes no tramo comprendido entre a baixada á depuradora e a baixada á praia do Muíño. Comprobamos que a iluminación diminúe os atropelos, pois a maioría destes danse no tramo que carece de puntos de luz.
Se queres enviarnos información da fauna atropelada nas estradas do Baixo Miño, podes facelo por WhatsApp (616 18 05 57) ou por correo electrónico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario