4 de out. de 2024

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atléitoc Guardés vai a pola cuarta en Gran Canaria 

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra viaxan ás Illas para visitar este sábado ao Rocasa Gran Canaria na cuarta xornada da Liga Guerreras Iberdrola (19:30 horas [hora peninsular], pavillón insular Antonio Moreno) 

• O Mecalia chega líder virtual e aspira a conseguir a súa cuarta vitoria consecutiva 

• Jazmín Mendoza súmase ás ausencias xa previstas de María Sancha e Blazka Hauptman, tras sentir molestias despois do último adestramento 


O Mecalia Atlético Guardés xa está nas Illas Canarias
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés viaxa esta fin de semana ás Illas Canarias para disputar a cuarta xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025. Este sábado 5 de outubro ás 19:30 horas (horario peninsular), as de Ana Seabra chegarán invictas ao pavillón insular Antonio Moreno, fogar dun Rocasa Gran Canaria que aínda non sabe o que é gañar esta tempada. 

 E é que o equipo da Guarda comezou a tempada cunha racha inmellorable, sumando catro vitorias incontestables e sabendo sobrepoñerse a varias dificultades. A pasada xornada, o Mecalia sufriu boa parte do seu encontro contra Zuazo na Sangriña, pero ao final tirou de experiencia para conquistar sen dúbidas a segunda parte, coroándose como líder da clasificación grazas á diferenza de goles. O obxectivo deste sábado é repetir a faena para ampliar a súa condición de líder invicto, e con ela seguir creando colchón e gañando confianza. 

 Tratará de facelo, como vén sendo habitual, pese ás notables ausencias. A técnica Ana Cristina Teixeira Seabra leva traballando dende o comezo da tempada cun plantel curto debido ás baixas de Blazka Hauptman e María Sancha, reforzando en ocasións a convocatoria con algunhas xogadoras xuvenís. Porén, para o partido co Rocasa a situación complícase algo máis: a extremo dereito Jazmín Mendoza tampouco xogará esta fin de semana despois de facerse dano nun nocello no último adestramento. Polo demais, Sancha continúa coa súa rotura nun dedo da man dereita e probablemente non poderá xogar ata decembro; e aínda que Hauptman xa está recuperada, non estaba planeada a súa volta á pista para este momento e non puido unirse á viaxe a estas alturas. Por este mesmo motivo, a adestradora do Mecalia Atlético Guardés tampouco poderá contar con xogadoras da base este sábado. 

 Pero ademais das súas baixas, o Mecalia Atlético Guardés é consciente de que a situación do seu rival será o seu principal obstáculo. O Rocasa Gran Canaria, veterano da categoría elite, ten aínda pendente sumar a súa primeira vitoria esta tempada. Tras librar do descenso no desempate a pasada tempada, o equipo insular non goza dun bo inicio de Liga, sumando un empate e dúas derrotas que o deixan na metade baixa da táboa. Por todo iso, espérase unha forte resistencia das de Carlos Herrera, que buscarán aproveitar a súa condición de anfitrioas para resarcirse dos golpes das últimas xornadas. 

 E é que se algo saben as de Telde é facerse grandes na casa. Non debe pasarse por alto o feito de que o derradeiro encontro entre ambos conxuntos na pista do pavillón insular Antonio Moreno, o pasado mes de febreiro, saldouse a favor do Mecalia Atlético Guardés pola mínima (27-28). Aínda que as condicións deste sábado na illa sexan diferentes, se o Mecalia ten algo claro é que terá que pelexar pola cuarta. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Xogar na illa é sempre moi difícil, pero queremos eses dous puntos e imos facer de todo para conquistalos” 

 A adestradora Ana Cristina Teixeira Seabra ten claro que o deste sábado será un partido esixente: “Sabemos que xogar na illa é sempre moi difícil, sabemos que teremos que estar moi concentradas e facer un bo partido para conseguirmos os dous puntos”. A técnica portuguesa apela unha vez máis á concentración no xogo, especialmente ante un rival coma Rocasa, que considera moi perigoso. “Temos a consciencia de que é un equipo duro, que defende duro e na súa casa é moi forte. É un equipo que cambia un pouco, que ten outras ideas e traballa doutra forma”, explica.  

 Con todo, Ana Cristina Teixeira Seabra promete que as súas tamén acoden dispostas a ofrecer un reto, co liderado sobre a mesa: “Imos pelexar, queremos ser competitivas”, adianta, e sentencia: “Queremos eses dous puntos e imos facer de todo para conquistalos”. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 4 

Rocasa Gran Canaria – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 5 de outubro, às 19:30 horas (hora peninsular) 

Pavillón Insular Antonio Moreno (Telde, Gran Canaria) | 

En directo pola canle de YouTube do Rocasa Gran Canaria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario