4 de out. de 2024

TOMIÑO

Tomiño enche o outono de cultura e lecer  

•  O Concello ten programada unha completa axenda de actividades con teatro, cine e música para todos os públicos  

 A programación compleméntase coa axenda saudable, desañada para promover a actividade física e os hábitos de vida saudables especialmente entre as persoas adultas 

 



Infogauda / Tomiño 

 Tomiño mergúllase no outono cunha morea de actividades de cultura e lecer para toda a veciñanza. Con máis dunha ducia de propostas para os meses de outubro e novembro, o Concello pon en marcha novos ciclos de teatro, cine e música para ofrecer alternativas de lecer accesibles a todos os tomiñeses e tomiñesas sen ter que desprazarse e sen grandes custos. “Queremos que a veciñanza poida desfrutar dunha oferta ampla e variada para todos e todas, con opcións próximas e de calidade coas que aprender, divertirse e gozar da cultura”, resaltou a alcaldesa, Sandra González. 

 Nesta tempada outonal o teatro será un dos grandes protagonistas cun ciclo de espectáculos para persoas adultas con dos sesións ao mes os sábados ás 21.00 horas no auditorio municipal de Goián e que comeza este mesmo 5 de outubro coa obra de Excéntricas ‘O auto do Castromil’. Non faltará tampouco o teatro familiar, un ciclo pensado para gozar coa cativada que tamén ofrecerá dúas sesións ao mes os domingos ás 17.30 horas, tamén no auditorio municipal. A primeira proposta chega este mesmo domingo 6 da man de Galitoon e o seu ‘The Show Moscón’. 

 Unha das grandes novidades deste ano é que o auditorio municipal converterase nunha gran sala de cine. Tras a grande acollida do cine de verán, o Concello quere que a maxia da pantalla grande continúe todo o ano e comeza este outono un ciclo de cine gratuíto para público familiar e xuvenil que permitirá a rapazada e mocidade gozar das mellores películas no ambiente típico dun cinema sen ter que desprazarse fóra de Tomiño e sen o custo que pode supoñer para moitas familias. “O noso obxectivo é ofrecer espazos de encontro e ocio accesible onde poidan gozar todos os membros da familia”, destacou a rexedora.  

 A música tamén terá o seu lugar co tradicional Concerto de Outono da Coral Polifónica de Tomiño o domingo 13 de outubro e o agardado Concerto de Santa Icía da Agrupación Musical e Banda Xuvenil de Goián o sábado 30 de novembro. Dúas citas imprescindibles para todas e todos os amantes da música que prometen encher de novas e apaixonantes melodías o auditorio municipal de Goián.  

 Esta ampla programación cultural e de lecer complementa a axenda ‘Impacto Saudable’ posta en marcha este ano por primeira vez polo Concello de Tomiño, unha programación con actividades deseñadas para promover a actividade física e os hábitos de vida saudables entre a veciñanza de todas as idades, con especial fincapé nas persoas adultas. “É unha iniciativa pioneira na que queremos que participen todas as persoas, mellorando así a súa calidade de vida e o seu benestar. A saúde tamén é cultura e lecer e queremos que forme parte da ampla programación prevista para este outono”, explicou Sandra González. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario