Dependentas pontevedresas de Inditex mobilízanse pola equiparación laboral e contra a centralización da negociación colectiva
A concentración, convocada pola CIG-Servizos, desenvolveuse esta mañá ás portas da tenda de Zara da rúa do Príncipe, de Vigo
Infogauda / Vigo
Un grupo de dependentas de Inditex na provincia de Pontevedra mobilizouse hoxe en Vigo para reclamar a equiparación laboral con outras provincias do Estado e para rexeitar a política de centralización da negociación colectiva que está aplicar o grupo téxtil.
A protesta, convocada pola CIG-Servizos, desenvolveuse ás 11:30 horas diante da tenda de Zara na rúa do Príncipe ao berro de “Negociación aquí e non en Madrid”, “Traballo en Inditex e non chego a fin de mes” e “Aquí traballamos, aquí negociamos”.
Porque unhas das principais reivindicacións do persoal pontevedrés é que a compañía cumpra o pactado coa CIG en decembro, cando se comprometera a constituír o marco provincial para avanzar na nova negociación colectiva tanto das cuestións pendentes como da renovación do convenio colectivo, cuxa vixencia remata a final de ano. “Pero agora néganse a respectar o asinado e pretenden impoñer a negociación estatal, moitísimo máis barata para a empresa e prexudicial para as traballadoras/es”.
Mais coa mobilización tamén reclaman a equiparación laboral con outras provincias, departamentos e cadeas do grupo no que ten que ver coa antigüidade (que CCOO e UGT conxelou no convenio do sector téxtil “a cambio de nada”), co plus de tarde, co resto de axudas sociais e coas reducións de xornada en función da idade que existen nas distintas plataformas loxísticas.
Por iso dende a CIG-Servizos anuncian que se en próximas datas non se producen avances nas negociacións (“tras cinco xuntanzas a dirección só ofrece a antigüidade a partir dos oito anos na empresa e que supón a ridícula cantidade de entre 7 e 16 euros ao mes”) convocarán novas protestas en establecementos do grupo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario