30 de set. de 2025

A GUARDA

A Comunidade de Montes de A Guarda autoriza de forma condicionada a instalación de gaiolas para o control do xabaril no Monte Trega



Informa (fotografía e redacción): Xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda

 Logo da moción presentada polo Grupo Municipal Socialista no Pleno da Corporación e da posterior solicitude formal do Concello de A Guarda para a captura de exemplares de xabaril conflictivos, a Comunidade de Montes de A Guarda acordou autorizar de forma condicionada a colocación de gaiolas no Monte Santa Trega.

 A decisión foi adoitada tralas reclamacións da Comunidade de Montes para poñer en marcha medidas preventivas fronte ao conflito coa especie, incluíndo peticións para limitar o acceso da especie á vía pública no centro da Guarda ou a solicitude de firma dun convenio de colaboración para a instalación sistemas de valado en terreos agrícolas, solicitudes que ata agora non obtiveron resposta efectiva por parte municipal.

 Conforme á solicitude recibida polo Concello a autorización establece que a colocación e seguimento das gaiolas será realizada por persoal técnico de TRAGSA, baixo supervisión da Comunidade, e subliña que se trata dunha medida puntual. Deste xeito, as condicións impostas obrigan ao Concello a complementar esta actuación con medidas preventivas concretas, entre as que destacan:

     manter a estrada de circunvalación e a de Camposancos nun estado de limpeza e desbroce das beirarrúas aceptable durante todo o ano, co obxectivo de permitir que os condutores poidan anticipar o posible cruce e a presenza de animais na vía,

     xestionar ante o organismo competente a mellora da sinalización viaria nas zonas con maior concentración de accidentes relacionados co xabaril,

     e promover a implementación de medidas fronte aos danos agrícolas, poñendo á disposición da veciñanza que así o solicite persoal municipal para a instalación de cercados permanentes e eléctricos temporais en terreos agrícolas.

 En caso de incumprimento destas condicións, a Comunidade de Montes resérvase o dereito a revogar de inmediato a autorización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario