James Rhodes amosa o seu compromiso coa saúde mental colaborando con Saúde Mental FEAFES Galicia
• Xunto á Consellería de Política Social, o músico e activista dos dereitos da infancia financiará o programa “Tecendo Saúde Mental”, enfocado no traballo coa mocidade e as familias nas que existe algún problema de saúde mental.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago
Na xornada de onte, James Rhodes visitou a sede de Saúde Mental FEAFES Galicia, entidade coa que vai colaborar no financiamento dun programa que brindará apoio e soporte a familias vulnerables nas que existe algún problema de saúde mental. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañou ao pianista na súa visita, posto que a devandita consellería contribuirá tamén ao sustento económico do proxecto.
No encontro, o persoal da entidade puidoe superación d explicar á conselleira e ao activista o traballo que realiza Saúde Mental FEAFES Galicia, baseado na atención gratuíta, integral e personalizada a persoas con problemas de saúde mental. Nun percorrido polas instalacións, da man do presidente da entidade, Xosé Ramón Girón, coñeceron os distintos programas e servizos que se prestan dende a federación, ademais de escoitar de primeira man o testemuño de superación dunha usuaria.
James Rhodes expresou en todo momento a relevancia de coidar e atender a saúde mental, así como traballar na prevención de problemas desa índole e protexer aos nenos e nenas que se podan atopar en risco. Insistiu na necesidade de que os distintos organismos colaboren coa dotación de recursos e a posta en marcha de proxectos encamiñados a esa fin.
Pola súa banda, a conselleira de Política Social recalcou o seu compromiso coa saúde mental, materializado nunha longa e estable colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia, a quen sempre amosou o seu apoio que agora reafirma co co-financiamento deste novo programa.
“Tecendo Saúde Mental” ten por obxectivo mellorar a calidade de vida das familias nas que existe unha casuística de saúde mental, especialmente monomarentais, así como facilitar a vinculación inclusiva e activa destas persoas na comunidade, prover apoio emocional e psicolóxico, previr e detectar situacións de violencia e promover estratexias de crianza positiva; entre outros.
A dotación deste proxecto será de case 177.000€, dos que a Fundación Rhodes doará 50.000€ e a Consellería de Política Social aportará 126.660,48€. Con el brindarase atención individualizada a 60 persoas en toda Galicia, ademais de implementar accións de apoio na crianza, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, formación e orientación laboral.
Saúde Mental FEAFES Galicia
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario