24 de xuño de 2024

A GUARDA

JOSÉ MANUEL DE LA GUERRA REDONDO: ENTRE O REAL E O ONÍRICO

Expón súas creacións pictóricas, ata o día 6 de xullo, na Casa dos Alonso 


José Manuel de la Guerra 
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 José Manuel de la Guerra Redondo, artista e creador multidisciplinar, afincado na vila de A Guarda, vén de abrir na Casa dos Alonso (Praza do Reló, nº 1) unha heteroxénea exposición de pintura.  

 Heteroxénea como adxectivo, que neste caso concreto tamén pode equivaler a variada, toda vez que o autor presenta unha evidente diversidade cromática, estilística, técnica e temática.

 Entre as propostas artísticas que José Manuel de la Guerra presenta por vez primeira, na vila de A Guarda, onde reside dende fai algún tempo, o visitante vaise atopar cunha gran cantidade de roteiros creativos cos cales o pintor ofrece innumerables suxerencias, que a súa vez poden encadrarse en diferentes "ismos". Todo iso froito dun continuado labor,  e mesmo de exploración. 

 Mediante diferentes motivos, soportes e técnicas, José Manuel de la Guerra amosa un compromiso coa arte e a súa vez, un constatable oficio, froito dunha longa andaina formativa e profesional, coa arte pictórica como compañeira de viaxe.  




 Abstracción, expresionismo, figuración, realismo,..., son, entre outros, diferentes estilos que José Manuel de la Guerra adoita para amosar beleza, de moitas maneiras. Tantas como ideas circulan pola súa mente privilexiada.

 Dese xeito, as obras que presenta convidan a observalas con detalle e a gozar do que podemos ollar, e mesmo do que podemos intuir. 

 "A mostra pictórica presentada transita entre a forma figurativa e a máis profunda abstracción, abarcando un amplo espectro de paisaxes reais e imaxinarias, algúns subxectivos e outros pertencentes ao colectivo", dixo José Manuel de la Guerra a este cronista.

 En todo caso, a mostra ben merece unha visita devagar.

José Manuel de la Guerra Redondo (1961)

 Cursou estudos na Escuela de Artes Aplicadas, de Madrid, ampliando súa formación na Escuela Superior de Restauración de Bienes Culturales e a Escuela de Cerámica de La Moncloa.

 Posteriormente trasladouse a Venezuela a traballar co seu pai, recoñecido interiorista dos máis emblemáticos locais de Caracas.

 Ao longo da súa carreira foi explorando distintas formas de expresión artística e de deseño dixital.

 Nesta ocasión faino a través da pintura, buscando atrapar á ollada do espectador a medio camiño entre o real e o irreal, entre o cotiá e o onírico.

Horarios

A  exposición estará aberta ao público ata o día 6 de xullo. Todas as persoas que queiran visitala poderán facelo de luns a venres de 9 a 14 horas, ou pola tarde de xoves a sábado de 18 a 20 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario