9 de mar. de 2024

TUI

O GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE TUI COMEZA UNHA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS 

Para solicitar ao pleno da corporación municipal de Tui, que se poña o nome de “SENDA AGATHA BROESKAMP” a actual senda do río Furnia, entre as parroquias de Malvas e Pexegueiro


Agatha Broeskamp foi pioneira no cultivo ecolóxico en Galiza


BNG de Tui

 O BNG de Tui comeza unha campaña de recollida de sinaturas, como mostras de apoio público, para solicitar ao pleno da corporación municipal de Tui, que se poña o nome de “SENDA AGATHA BROESKAMP” a actual senda do río Furnia, entre as parroquias de Malvas e Pexegueiro. 

 Agatha Broeskamp foi pioneira no cultivo ecolóxico en Galiza, así como a primeira persoa en inscribirse no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica. 

 A súa práctica respectuosa coa natureza acompañouse coa loita polos dereitos labregos e a defensa do consumo local, traballando dende distintos ámbitos: 

– Vogal do Sindicato Labrego Galego. 

– Membro do CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia), onde traballou para conseguir un órgano de goberno transparente e democrático. 

– Participou, xunto cun grupo de familias consumidoras, como agricultora de referencia de Árbore Sociedade Cooperativa Galega, unha cooperativa de consumo creada no ano 2001 que ten hoxe máis de 200 socios e unha tenda aberta ao público, onde se persegue, ademais do consumo responsable e xusto, o coidado do noso entorno. É un referente en Vigo, e posiblemente a nivel galego. 

– Membro fundadora da APEGA (Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos), sobre o ano 2003, dende onde tratou de buscar sinerxías e colaboración entre diversas produtoras a nivel de toda Galiza, con representantes en todas as provincias 

– Colaborou na recuperación do Mercado da verdura no ano 2014 no cárcere vello en Tui. 

– Involucrouse na loita contra os transxénicos, concienciando e colaborando na creación da plataforma galega Anti-transxénicos, e montando en Tui Info-transxénicos, onde se fixo campaña para a eliminación destes alimentos modificados xeneticamente, e conseguindo que concellos do Baixo Miño se declarasen concellos libres de transxénicos. 

 – Levou a cabo con outros compañeiros o banco de sementes autóctonas. 

 Mais alá disto, foi poñente en diversas edicións do Congreso de Agroecoloxía organizado pola Universidade de Vigo, participando ademais en moitos outros espazos, coma palestras, entrevistas, cursos, publicacións, etc. 

 Agatha, de nacionalidade alemá, viviu na parroquia de Pexegueiro durante case trinta anos. A súa finca na Fonteseca foi das primeiras en contar con certificado ecolóxico de Galiza. Esta finca converteuse nun lugar de referencia e de formación na agricultura ecolóxica galega, transmitindo os seus saberes e servindo de base para moitas persoas que logo se adicaron profesionalmente á agricultura ecolóxica. 

 Deixamos a súa disposición a ligazón da campaña das sinaturas: https://chng.it/8WpmWk5Kbw

Ningún comentario:

Publicar un comentario