12 de xan. de 2025

A GUARDA

O TURISMO NA GUARDA CRECE UN 25%, E UN 42% O NÚMERO DE PEREGRINOS RESPECTO A 2023 GRAZAS Á XESTIÓN  DO GOBERNO DE CARRERO


Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do Concello de A Guarda, na edición precedente de FITUR
Foto: C.A.G.

Concello de A Guarda

 O Concello da Guarda constata un aumento do 42% e 25% no número de peregrinos e turistas, respectivamente, durante o ano 2024 respecto ao ano 2023. 

 O ano 2024 pechouse como o ano de maior crecemento e afluencia turística da Guarda desde que existen rexistros.

 Sen ningunha dúbida, a aposta firme polo turismo que o goberno presidido por Carrero levou a cabo están a dar os seus froitos e A Guarda é destino turístico de éxito.

 As cifras non albergan dúbidas e, o número de visitantes e turistas que visitaron A Guarda durante o ano 2024 aumentou un significativo 25% respecto ao ano 2023.

 Así mesmo, o número de peregrinos a Santiago que comezaron na Guarda o Camiño de Portugués pola Costa aumentou un 42% respecto ao ano 2023 chegando aos 74.758 peregrinos. É dicir, un 15% dos peregrinos que chegan a Santiago de Compostela fixérono a través do itinerario guardés. 

 Este aumento significativo, segundo o goberno municipal, débese á aposta firme que o alcalde, Roberto Carrero, realizou polo turismo e que se concretou, entre outras accións, en múltiples actividades e accións como foron o lecer para mocidade e familias, servizos dinamizadores como o tren turístico, publicidade e márketing en diversos medios nacionais e internacionais, promocións de festas significativas como a lagosta ou a tradicional Romaría do Monte Tecla, reunións con operadores turísticos, concertos, sesións vermut, actividades e eventos deportivos, apoio a festas patronais,  visitas guiadas, navegación en Piueiro etc.

 A Guarda consolídase como destino turístico máis aló do seu impoñente Castro de Santa Trega e grazas ás múltiples posibilidades turísticas do municipio: Museo do Mar, Porto, praias, cetaria, roteiros indianos, ou Castillo de Sta. Cruz que, ata a data, non estaban potenciadas o suficiente polos gobernos municipais ou non se acompañaban de accións dinamizadoras.

 Os datos que a Concellería de Turismo manexa como son os da Oficina de Turismo e albergue municipal, Oficina do Peregrino de Compostela, entrevistas con hostaleiros e restauración, apuntamentos e referencias de visitas nas principais festas da vila etc., lanzan unhas cifras en claro aumento desde que o goberno presidido por Carrero elixiu o turismo como buque insignia do seu goberno neste primeiro mandato.

 Este fluxo continuo de visitantes, mercé ao labor e iniciativas do grupo de goberno actual presidido polo popular Roberto Carrero provocou un aumento significativo dun 52% na concesión de licenzas para establecementos comerciais, de restauración, hostalería, etc. desde o ano 2022 ao ano 2024.  

 En palabras do Alcalde, Roberto Carrero: “O turismo é, actualmente, un dos principais motores económicos da Guarda e debemos seguir apostando por el. E isto a pesar de quen lle pese ou ás críticas sen sentido protagonizadas por algúns grupos políticos á mantenta das actividades ou promocións turísticas desenvolvidas desde o Concello. Estamos encantados que veñan visitantes e turistas ao noso pobo e compartan a nosa gastronomía, gozar das nosas praias e costa, das nosas paisaxes ou da nosa forma de ser. E se iso tradúcese en rendemento económico para A Guarda, moito mellor. Evidentemente, o paso seguinte será consolidar A Guarda como destino turístico e achegar un plus de calidade ao noso produto turístico pero anuncio que xa estamos a traballar niso.

 Como comentei noutras ocasións, seguimos avanzando nos nosos proxectos e o tempo vai dando a razón, por moito que a pesar dos nosos rivais políticos que seguirán denigrando e opoñéndose a todo o realizado por este goberno coas súas acusacións falsas cara á miña persoa ou os compañeiros do goberno pois, realmente, o que lles interesa non é o progreso da Guarda e apoiar iniciativas positivas senón botar do goberno a este Alcalde e os seus concelleiros. Con todo os feitos calan barbas e poñen a cada un no seu sitio e o meu goberno seguirá investindo e apostando polo turismo na Guarda”.

 Tras un ano récord, A Guarda arrinca este 2025 con “boas expectativas e con moito traballo para manter e consolidar estas cifras”, segundo apuntan desde o goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario