9 de mar. de 2024

TUI

O PP DE TUI ESIXE A CONVOCATORIA INMEDIATA DA COMISIÓN DE TRABALLO DO APARCAMENTO PARA ACORDAR SOLUCIÓNS FRONTE Á ELIMINACIÓN DE PRAZAS TRAS A RESCISIÓN DO PARQUIN

• Os populares levaron ó pleno de novembro a iniciativa da creación dunha comisión de traballo que ofrecera solucións ó grave problema de aparcamento que vén sufrindo dende hai anos o centro da cidade. 

• O voceiro municipal, Nico Montes, lamenta a “falta de propostas e o inmobilismo que arrastra o actual equipo de goberno ao non ser quen de solucionar por eles mesmos un problema que seguen agravando.” 


 Grupo municipal do PP de Tui
Foto: FB

Infogauda / Tui

  O grupo municipal do PP de Tui vén de esixirlle ós socialistas que proceda á convocatoria da Comisión de Traballo que os populares propuxeron no pleno do pasado 30 de novembro “de xeito inmediato” para buscar solucións ó problema do aparcamento e actuar coa maior celeridade ante unha situación insostible. 

 Os populares refírense á iniciativa que levaron ante o pleno municipal para a creación dunha mesa de traballo conformada por representantes de todos os grupos da corporación municipal que aportara “solucións reais á falta de aparcamento” e lamentan que máis de tres meses despois o goberno local siga sen convocala polo que demandan a súa posta en marcha de xeito inmediato ante a gravidade da situación. 

 O voceiro municipal do PP, Nico Montes, reiterou a necesidade dun traballo conxunto nesta materia “para poñerlle couto ao problema do aparcamento e artellar solucións efectivas” e achacou a actual situación ao “inmobilismo” do goberno local. Neste senso, lembrou que no pleno celebrado o pasado 1 de febreiro, o alcalde indicou que a comisión convocaríase nas vindeiras semanas “pero pasa o tempo e segue totalmente aparcada sen que se vexa o mínimo interese por parte do executivo socialista cunha actitude de pasotismo que demostra moito desinterese polas necesidades reais da cidadanía”. 

 “As políticas levadas a cabo polo actual equipo de goberno coa eliminación de prazas de aparcamento no centro da cidade está a ser un grave problema que vimos sufrindo a cidadanía dende hai anos. É un problema que abrangue diferentes ámbitos, pero que castiga considerablemente ao noso comercio local,” explicou Montes. “Todos os días hai retencións na rúa Ourense, un caos circulatorio nas rúas novas e uns leira-parquins cheos de fochancas, polo que é preciso tomar de xeito urxente decisións que ofrezan solucións reais a un problema que se debeu arranxar hai anos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario